Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
ÓESE PERO NON SE VE, QUE É?
05/06/2016

Cando paseamos polo istmo da Lanzada na primavera ou no verán, é habitual oír unha sucesión de chíos melodiosos, encadeados e repetitivos sen pausa entre eles, que proceden do alto do ceo, pero que case resulta imposible saber quen emite ese canto.

É a laverca (Alauda arvensis) a que canta. Ave familiar e discreta de cor parda, hábitos terrestres e cuxa melodía emitida en voos altos foi motivo de atención e inspiración de poetas de todos os tempos.

Quen pode dicirme onde canta a laverca? A laverca vive no ceo e é o único paxaro do ceo que canta ata nós. Jules Renard
A laverca no aire morreu non sabendo como se cae. Lucien Wolff.
A laverca leva ao ceo as alegrías da terra. Michelet.

A laverca ascende cantando desde o chan case verticalmente, describindo círculos, e mantense no aire ata 100 m de altura, emitindo o seu chío cernido durante varios minutos para, progresivamente, perder altitude e, tras parar o canto, déixase caer de forma repentina ao mesmo punto do que saíu.

Malia a súa afección polo alto, a laverca é un paxaro terrestre que gusta de zonas abertas e desarboradas, como áreas agrarias e chairas, tanto de vexetación natural como de cultivo. Na península Ibérica distribúese de forma continua pola metade norte peninsular, sendo máis escasa na metade sur. Os seus hábitats preferidos son os páramos, pastos, cultivos de cereal, terreos salgados e formacións de bouzas baixas.

En Galicia distribúese por todo o territorio e na nosa comarca as lavercas tamén se localizan en zonas abertas con grandes campos e dunas pouco vexetadas, como os campos que acceden á zona de Con Negro e a duna do istmo da Lanzada, compartindo hábitat con lavandeiras amarelas, carrizas dos xuncos, píllaras das dunas etc.

Nestes espazos mecos, por seren chans secos e con cobertura vexetal de ata o 50%, as lavercas nidifican en pequenas depresións do chan, sendo as parellas reprodutoras entre 10 e 15. Se ambos os membros da parella sobreviven aos meses invernais, continúan xuntos a seguinte primavera e poden chegar a formar parella para sempre.
No inverno a poboación de lavercas increméntase, porque recibimos individuos procedentes de diversos países do norte e do oeste de Europa que foxen da escaseza de alimento e das duras condicións climáticas. Estas lavercas invernantes adoitan agruparse en grandes bandadas que se asentan nas zonas máis favorables do Grove e áreas circundantes, chegando o seu número a 100 aves en xaneiro.

Malia ser un ave ben estendida en Galicia, sofre un continuo descenso, debido a iso este ano a Sociedade Galega de Ornitoloxía, para chamar a atención sobre este declive, nomeou a laverca Ave do Ano 2016.

Ilustración e diseño: Encarna González "niño".

En liñas xerais os principais problemas de conservación aos que se enfrontan as lavercas son o abandono da actividade agraria, a reforestación de terreos agrícolas con eucaliptos e piñeiros, a perda de extensións de breixos e moutas, a intensificación agraria, os cambios na estrutura e fenoloxía dos cultivos, o uso de pesticidas etc.

A alondra común é un excelente indicador do estado de conservación das paisaxes tradicionais e hábitats abertos, indispensables para a supervivencia da nosa biodiverdidad, por iso nos paseos polo istmo da Lanzada, queremos seguir gozando dese canto que procede dalgunha zona alta do ceo, desa misteriosa melodía emitida por un paxariño que se oe pero que non se ve.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English