Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
DE HOLANDA A MAURITANIA E SENEGAL
03/11/2015


Cando chega o outono ás nosas costas, con el veñen os preciosos cullereiros. Aves de plumaxe branca inmaculada, patas longas, camiñar elegante e curioso pico longo e plano do que procede o seu nome.

A maioría dos cullereiros que atravesan a nosa localidade son aves migradoras que proceden de Holanda, onde nacen.

A finais do verán empezan a migrar cara ao continente africano, principalmente a Mauritania e Senegal en busca de humedais, e nesta longa viaxe fan altos en lugares propicios para repoñeren forzas e se alimentaren.

Como os cullereiros prefiren os humedais pouco profundos, sobre todo costeiros e, xa que logo salinos, con fondos de area ou lama e que rexistran cambios mareais apreciables, este hábitat perfecto para eles atópano no Complexo Intermareal Umia-O Grove, onde hai invertebrados acuáticos (moluscos, crustáceos, anélidos, insectos de auga e as súas larvas) así como anfibios e pequenos peixes dos que se alimentan.

Para capturar estes animaliños móvense en grupo polas zonas superficiais da enseada, introducindo o seu pico na auga e movéndoo constantemente dun lado a outro a medida que avanzan decididamente, como unha “aspiradora”.

Este espazo protexido conta ademais con illas e illotes que utilizan como pousadoiros onde descansaren tranquilamente cando a preamar lles cobre as zonas de alimento.

Aínda que son aves que migran a África, unha pequena parte da poboación queda na Península Ibérica todo o inverno, sendo Andalucía quen rexistra o maior número de aves invernantes cun 81%, séguenlle Galicia cun 11% e Estremadura cun 3%.

En 2014 invernaron na enseada máis de 200 cullereiros, pero o récord para Galicia foi o día 3 de outubro deste ano, cando se censaron 352 cullereiros en migración.

O Intermareal Umia-O Grove é o lugar máis importante Galicia e o segundo de España en invernada e paso migratorio de cullereiros.

Desde un continente a outro pasando... os preciosos cullereiros. Agora é tempo de se marabillar.

 

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English