Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
AVES ACUÁTICAS NO OUTONO
01/09/2015

Si algo caracteriza ao concello do Grove, entre outras cousas, son as aves acuáticas que o visitan.

Estas datas son idóneas para gozar da migración de outono das aves, isto é, da viaxe que cada ano realizan a miles, desde o norte de Europa ata o África subsahariana.

E un dos mellores puntos desta península para ver este paso outonal está na Toxa.
Nesta popular illa, situada na enseada do Grove e desde o aparcadoiro de autobuses situado no seu suroeste, hai un cómodo lugar para observar as aves que fan un alto no camiño para descansar e alimentarse antes de continuar a súa viaxe.

Aquí pódense ver gabitas e, en números elevados (pois xa se censaron en torno ás 300 gabitas), píllaras de colar, pilros comúns, mazaricos rabinegros e louros, mazaricos reais e chiadores, biluricos patirrubios e claros, píldoras cincentas (aínda coa súa vistosa plumaxe nupcial), virapedras, pilros tridáctilos etc.

Tamén garzotas, garzas reais e algunha garzota grande que se camufla entre as súas parentes pernilongas. Patos en avanzada, encabezada por lavancos. Ademais de corvos mariños grandes e variedade de gaivotas: patiamarelas, escuras, choronas, cabecinegras, arxénteas, gaivotóns e carráns cristados e, cun pouco de sorte, carráns pequenos que agora frecuentan zonas litorais.

Cómpre destacar os cullereiros, reis desta enseada, que se poden ver pretiño desde A Toxa e que aos poucos aumentan en número ata chegaren ao pico migratorio no mes de outubro con máis de 300 exemplares.

Como cita curiosa comentar que desde ou día 29 de agosto estase obsevando un flamingo xuvenil (Phoenicopterus roseus), en distintos puntos da enseada do Grove. Esta especie está considerada como divagante moi rara na nosa comunidade e estes días víronse 3 exemplares repartidos polas costas galegas.

Lembra: para observar aves acuáticas outonais, O Grove, e dentro deste, a Illa da Toxa, ao SW, no aparcadoiro de autobuses e, por suposto, tendo en conta o estado das mareas. A mellor, catro horas logo da pleamar… e a gozar!


 

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English