Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
AVES MIGRADORAS ESTIVAIS DO GROVE
14/05/2014

Ao concello do Grove non só chegan as aves migradoras invernantes, que poden ser ata 13.000 durante os meses de inverno e que lle deron a fama de ser un dos lugares máis importantes de Galicia e de España desde o punto de vista ornitolóxico, senón que ao noso municipio tamén chegan as aves migradoras estivais, é dicir, aquelas pequenas aves que desde o continente Africano se desprazan miles de quilómetros cruzando desertos, montañas ou selvas para aniñar na nosa rexión.

Entre as máis destacadas xa se poden oír á noitiña nos piñeirais da Illa da Toxa os mouchos de orellas, pequenos bufos que se alimentan de roedores e entre os piñeiros rosman as avenoiteiras cincentas, aves crepusculares que aniñan no chan.

Por todo o istmo da Lanzada xa están criando as lavandeiras amarelas, no monte da Siradella canta o cuco e as bubelas (“bu-bu-bu-bu”), nos campos de cultivo do municipio.

Na Lagoa da Bodeira acompañan o croar das ras as folosas das canaveiras, igual que folosas amarelas ou rulas, que gustan desta contorna arborada e de abundante vexetación para esconder o seu niño.

Elixidas Ave do Ano 2014 pola Sociedade Española de Ornitoloxía debido ao seu retroceso en toda España, as anduriñas aínda nos visitan, sobre todo naquelas zonas que manteñen certa actividade agrícola.

E lonxe do campo, no bulicio do corazón urbano, realizando acrobáticos voos entre prazas e rúas, aves escuras con forma de besta e que poden pasar máis de dous anos voando sen pousaren, os cirrios, alégrannos cos seus chíos no verán.

Pero estando O Grove situado entre rías de Pontevedra e Arousa, non nos podemos esquecer do mar e da costa e de dúas especies moi ameazadas. Unha é a pardela balear, ave mariña que está en “perigo crítico de extinción”, pois só quedan 3000 parellas no mundo. Estes procelariformes de cor parda, desde as Illas Baleares onde nacen, bordean toda a península ibérica ata as costas francesas para se alimentaren, e nesta ruta mariña fan un alto na baía da Lanzada e na ría de Arousa, fronte á costa meca, para que podamos gozar da súa presenza. Outra especie ameazada é a píllara das dunas, limícola que cría na area da praia e que está catalogada como “vulnerable” en Galicia, polo que se está levando a cabo un programa de conservación.
De toda a península do Salnés, as píllaras só nidifican en tres areais e, por sorte, do Grove. Se queres colaborar na súa conservación, recorda: non leves cans á praia.

O bo tempo chegou e con el todas as aves de África. Xa podemos alegrarnos e gozar das migradoras estivais da península do Grove.

 

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English