Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
O FESTIVAL DAS AVES
16/12/2016

 

Asubiadores (Anas penelope). Fotografía de Juan Gómez.

Cada ano cando as aves que nacen no norte de Europa atópanse co final do verán, que é a antesala do letargo invernal, co seu descenso brusco de temperaturas e de horas de luz e, xa que logo, con falta de alimento. Estas aves, no canto de se adaptaren a estas duras condicións, como o fan outros animais setentrionais, por teren capacidade de voo comezan a súa odisea migratoria rumbo ao continente africano, onde atopan lugares máis propicios para pasar o inverno.

Nestas migracións cara ao sur as aves pasan pola península Ibérica, que actúa de ponte entre o continente europeo e o africano, e aquí, en Iberia, localizan sitios idóneos onde descansar e alimentarse durante a migración ou onde invernar esperando que chegue a primavera.

Un destes refuxios está en Galicia, no Grove, concretamente no Complexo Intermareal Umia-O Grove, chamado tamén enseada do Vao.

Este amplo intemareal é un espazo protexido dos rigores do inverno e moi fértil, xa que cando as mareas se retiran, descobren fondos fangosos, bancos de area e prados mariños de zoostera, zonas ricas en nutrientes nos que as distintas especies cada día se alimentan.
Este humidal pertencente á Rede Natura 2000 está considerado pola Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife) a principal localidade de invernada e paso migratorio de aves acuáticas de Galicia e unha das máis importante do litoral norte peninsular, tanto en diversidade como en número. Sendo máis de 18.000 as aves acuáticas que nos visitan no inverno.

Por todo iso, a SEO incluíu a enseada do Vao na Reserva Ornitolóxica do Grove, primeira reserva ornitolóxica de Galicia e a máis grande de España.

Vexamos algúns números das aves que invernaron en 2016 e que abalan a súa calidade ambiental:

Asubiadores 773, cerceta común 507, lavanco 1.120, pato rabilongo 239, mergullón pequeno 33, corvo mariño grande 215, garzota 111, garzota grande 3, garza real 191, cullereiro 198, flamingo 1, gabita 548, píllara real 309, píldora dourada 34, píldora cincenta 1.034, pilro gordo 41, pilro tridáctilo 79, pilro común 6.259, mazarico rabinegro 592, mazarico rubio 191, mazarico chiador 117, mazarico real 282, bilurico patirrubio 540, bilurico claro 182, virapedras 134, gaivota cabecinegra 1.212, gaviota chorona 1.232, gaivota patiamarela 1.283, gaivotón 31, etc.

Malia estas cantidades, o ano pasado tivo unha frouxa acollida de aves acuáticas, con todo este ano, a cantidade de invernantes é moito máis potente, así por exemplo os asubiadores duplican os 773 do inverno anterior.

Para gozar deste festival das aves, os meses de decembro e xaneiro son os máis apropiados, tanto para a observación de acuáticas, como de aves que se moven polos contornos da reserva. Pero por ser este espazo un intermareal, está suxeito ao capricho das mareas, polo que é moi importante ter en conta o seu estado, sendo as máis adecuadas as medias mareas, sobre todo tres ou catro horas logo da preamar.

Xa é tempo gozar do festival das aves da Reserva Ornitolóxica do Grove!

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English