Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
AS ALGAS NON SON LIXO
15/08/2016

Píllara das dunas dunha praia do O Grove. Fotografía de Juan Gómez.

Estamos afeitos considerar as praias como parques urbanos, como lugares de lecer ou meros obxectos de consumo, e as praias nin son espazos artificiais nin simples extensións de area estéril, senón que son ecosistemas naturais e vivos, polo que deben tratarse de forma respectuosa e coidadosa para que conserven a súa boa saúde, da que todos nos beneficiaremos.

Son as algas varadas na area os bioindicadores do bo estado de conservación das praias, xa que lles proporcionan múltiples beneficios:

1º. As algas son hábitat e alimento de máis de 50 especies de macroinvertebrados, algúns protexidos, e como esta é unha web dedicada ás aves, cómpre dicir que estes pequenos invertebrados son á súa vez o alimento de distintas aves, como a píllara das dunas, especie ameazada e protexida en Galicia.

2º. Se estas poboacións de animais consumidores de algas están en bo estado, serán elas as encargadas de eliminar de forma natural as algas da area.

3º. Os nutrientes que liberan as algas varadas na beira volven finalmente ao mar, deste xeito fertilízano e favorecen a súa produtividade.

4º. As algas, ademais, reteñen a area arrastrada polo vento e son as encargadas de fertilizar tamén as plantas dunares pioneiras, o que propicia así a formación da duna. E é sabido que as dunas son as que protexen a costa da erosión do mar e do vento, ademais de seren as reservas de area das praias. Se as dunas se destrúen, as praias tenden a erosionarse e desaparecer.

Todo este proceso forma parte da cadea trófica costeira que garante a boa saúde da praia.

Pero cando as algas varadas nas beiras se eliminan artificialmente estase provocando unha grave alteración ecolóxica que dá lugar a praias estériles e insalubres.

A praia da Lanzada, no Grove, está dentro da Rede Natura 2000 (que é a rede de espazos protexidos máis importantes de Europa, cuxa función é asegurar a supervivencia dos hábitats e as especies que os ocupan), e forma parte da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife.

Ademais, está clasificada polo Plan de conservación da píllara das dunas da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, como Área Prioritaria de Conservación ou, o que é o mesmo, espazo vital para a supervivencia da píllara das dunas, especie ameazada en Galicia.

Por todo iso, o Concello do Grove tomou a decisión de non facer limpeza mecánica e non pasar a máquina cribadora de area pola Lanzada, só se fará en casos moi puntuais e logo de pedir as autorizacións correspondentes. A cambio, a limpeza será manual e selectiva. Só se retirarán plásticos, vidros, latas...

Tamén hai que engadir que se retiraron as illas de colectores de residuos que había no areal que, asemade de seren focos de atracción de depredadores, facían que a camioneta de recolleita circulase pola area poñendo en perigo animais e plantas.

Por todo isto o Concello do Grove está sendo todo un exemplo de que a conservación do patrimonio natural é perfectamente compatible co turismo de sol e praia, e sabemos que outros concellos costeiros xa se están interesando polo seu modelo respectuoso coa natureza e que lle ofrece á vez ao turista praias sas e naturais.

Recordemos que as algas non son lixo, senón un elemento natural dos nosos areais. Xa que logo, debemos respectar as algas depositadas na ribeira.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English