Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
CIRRIOS, ANDORIÑAS DE CÚ BRANCO E ANDORIÑAS COMÚNS
17/05/2016

Cirrio común (Apus apus).  Andoriña de cú branco (Delichon urbicum).  Andoriña común (Hirundo rustica).  Ilustracions de Encarna González "niño".

 

Tras percorrer miles de quilómetros desde os seus lugares de invernada na África, xa están entre nós as especies de andorinas de cú branco, andoriñas comúns e cirrios que se reproducen na península Ibérica. Estas aves tan próximas ao ser humano forman parte do noso patrimonio natural e do acervo cultural e histórico dos nosos pobos e cidades. Son especies protexidas a nivel nacional e europeo —do mesmo xeito que os seus polos, niños e ovos— que se adaptaron perfectamente a convivir coas persoas, aproveitando en moitos casos as vantaxes que isto lles supón.


#AquíGolondrinas: Niños protexidos por lei

Malia esta proximidade, lamentablemente prodúcense ás veces destrucións de niños ou de colonias enteiras. Por iso, SEO/BirdLife lanza a campaña #AquíGolondrinas para denunciar a quen os dana, e apelar as administracións para que se aseguren do correcto cumprimento da lei, velando pola protección destas aves.
Non en balde, a destrución dos seus niños, as molestias a estes ou danar estas aves podería ser considerado un delito polas leis estatais, xa que se trata de especies protexidas. A retirada de niños está prohibida. Unicamente se poderán conceder autorizacións excepcionais cando exista un risco demostrable para a seguridade ou a saúde das persoas, e sempre que non exista outra solución satisfactoria. Esta autorización excepcional só poderá ser emitida polas comunidades autónomas, para a súa execución fóra do período de cativa, que dependendo das diferentes especies e da provincia podería variar de marzo a setembro.


Por iso, SEO/BirdLife solicita de novo a colaboración cidadá para evitar estes atentados contra o noso patrimonio. Calquera persoa que observe casos de destrución de niños, molestias nas colonias ou detecte que non se cumpre cos requisitos esixidos pola lexislación, debería denuncialos ante as autoridades e poñelo en coñecemento de SEO/BirdLife.


Reconciliar patrimonio natural e cultural

É necesario que ao planificar os traballos de rehabilitación de edificios e monumentos históricos, os responsables se aseguren de respectar as épocas de reprodución e crianza das especies protexidas que habitan nos predios. Deste xeito, estarase asegurando que se compatibiliza á conservación do patrimonio cultural, pero tamén do patrimonio natural de vilas e cidades, á vez que se cumpre a lexislación. Para iso é necesario que antes de calquera actuación se supervise se existen especies protexidas nos edificios e se planifiquen as obras con antelación, de maneira que non se afecte estas especies, garantindo que os traballos se realizan durante o longo período do ano en que estas aves non están.

A conservación do patrimonio natural é unha obriga e o seu goce un dereito, do mesmo xeito que ocorre co patrimonio cultural. As leis amparan a conservación de ambos os patrimonios por igual.


Beneficios para a sociedade

Como aves próximas ao ser humano, a súa presenza é un indicador da boa calidade ambiental das nosas vilas e cidades. Onde hai cirrios, andoriñas de cú branco e andoriñas comúns, a contorna é máis saudable para as persoas. Trátase de animais moi beneficiosos, que inxiren unha gran cantidade de insectos voadores. Por exemplo, unha andoriña, cuxa dieta se basea principalmente en moscas, mosquitos, formigas voadoras, avespas, chinches e pequenos escaravellos, pode consumir uns 60 insectos á hora (uns 850 insectos diarios), o que representa uns 150 gramos de insectos ao día por andoriña; isto supón uns 55 quilos de insectos consumidos por cada andoriña ao ano, ou o que é o mesmo, 310.250 moscas-mosquitos anuais.

En caso de conflito por mor de posibles molestias derivadas das deposicións das aves, existen solucións satisfactorias que evitarían situacións conflitivas coa veciñanza. A colocación de bandexas ou plataformas baixo os niños de gaivotóns ou andoriñas úsase de xeito frecuente para este fin con resultados óptimos.


Aves en declive

Nos últimos anos as poboacións destas especies sufriron un importante declive, polo que resulta máis importante que nunca protexer os seus lugares de nidificación. Este declive está causado principalmente pola perda de lugares adecuados para aniñar, o deseño dos edificios modernos, que carecen de lugares adecuados para nidificar, repercutiu de forma moi negativa, e polo uso masivo de plaguicidas, que supuxo a redución das súas fontes de alimentación: os insectos.

Ademais, nas rehabilitacións dos edificios históricos ou monumentos moitas veces non se teñen en conta criterios adecuados para que estas aves conten con lugares de nidificación ou para conservar os niños existentes. Tamén se producen molestias, espolios e mortaldade por derriba dos niños. Outro problema asociado para gaivotóns e andoriñas é a escaseza de material para a construción dos seus niños en zonas urbanas pola ausencia de barrais.


Ligazóns de interese:

-http://www.seo.org/2015/06/01/seobirdlife-recuerda-que-es-ilegal-destruir-nidos-de-golondrinas-aviones-o-vencejos/

-http://www.falciotnegre.com/index.php?lang=es

-http://www.swift-conservation.org/

https://www.facebook.com/Proyecto-Avin-515088728659368/

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English