Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
MINGOS, O FLAMENCO DA ENSEADA
16/04/2016

Flamingo (Phoenicopteros roseus). Ilustración de Encarna González "niño".

Durante todo o inverno e ata hoxe permanece na enseada do Vao, O Grove, un exemplar xuvenil de falmingo (Phoenicopteros roseus).

O flamingo é unha das aves máis esveltas e elegantes, e nel todas son curiosidades.

O que máis chama a atención da anatomía dos flamencos adultos é a cor salmón ou rosado. É un espectáculo inesquecible contemplar as bandadas de flamingos voando e formando unha nube escarlata. De aí vén o coñecido mito da Ave Fénix. Xa os exipcios consideraban o falmingo un animal fabuloso capaz de arder cada día para rexurdir ao seguinte das súas propias cinzas,  mito que tivo continuidade na antiga Grecia onde foi denominado Phoenicopterus, palabra que foi adoptada máis tarde polos zoólogos para designalos.

Outra curiosidade é o seu nome vulgar, xa sexa galego, castelán, catalán, vasco, francés, italiano, portugués ou inglés, todos levan o cualificativo flamingo, que llevén do seu costume de zapatear na auga.

Os flamingos son aves moi altas, que poden chegar a medir ata un metro e medio. As súas patas e pescozo longuísimos capacítanos para explotar as zonas profundas das lagoas, onde non poden facerlles competencia outras aves como as  limícolas.

Outro trazo sorprendente é o seu estraño peteiro, cunha pronunciada curvatura cara a abaixo  perfectamente adaptado para furgar  no barro e dotado dunhas laminiñas internas para reter as substancias alimenticias ao filtraren a auga. Para se alimentaren colocan a súa cabeza entre as patas e removen con estas zapateando o fondo, con obxecto de que a materia orgánica en suspensión entre no seu peteiro, mentres que a auga é expulsada coa lingua. Os flamingos aliméntanse da materia orgánica do limo: pequenos moluscos, crustáceos, larvas, insectos e algas. Cómpre destacar que os tons avermellados que caracterizan a súa plumaxe,  que teñen unha importancia fundamental durante o período reprodutor, proceden de pigmentos carotinoides que se atopan nalgúns dos microorganismos que compoñen a súa dieta.

Os pés están unidos por unha membrana que lles impide afundírense na lama, pero que lles permite nadar con destreza.

A súa distribución na península Ibérica está asociada a humidais de grandes extensións e de augas pouco profundas, salinas ou salobres —xa sexan costeiras ou do interior— do litoral mediterráneo (incluídas as Baleares), Andalucía e Castela-A Mancha. Destaca a lagoa malagueña de Fuente de Piedra, onde se asenta a principal colonia de cativa de España e unha das máis importantes de todo o Mediterráneo, acollendo máis da metade das parellas reprodutoras do país.

Se o seu reparto en España se limita a Andalucía, Catela-A Mancha e litoral mediterráneo, que fai un flamingo na enseada do Vao, dentro da Reserva Ornitolóxica do Grove?

Pois tras o período de reprodución dos flamingos, gran parte dos individuos novos dispérsanse por distintas humidais ibéricos, pero algúns afástanse da súa área de distribución e chegan ata a nosa comunidade.

Este flamingo non foi o único exemplar en chegar a Galicia, xa que a finais do verán de 2015 se viron outros tres individuos xuvenís repartidos polos nosos humedais costeiros. Estes estiveron pouco tempo aquí, só Mingos, nome que lle puxeron os ornitólogos, permanece connosco desde o 29 de agosto.

Para alimentarse, Mingos, que aínda ten cores pardo-grisáceas propias da súa nova idade, adoita frecuentar a marisma do Vao, entre Tourís e os Leiros, e cando a marea sobe vaise a descansar a estes illotes, asociándose aos bandos de espátulas.

A día de hoxe aínda podemos gozar do flamingo, xa que segue na enseada do Vao. Agora só desexamos que esta ave tan peculiar e que nos deleitou durante tantos meses atope o seu destino.

 

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English