Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
OS CANTOS DAS AVES
01/04/2016

Xílgaro. Ilustración de Encarna González "niño".

As aves son fascinantes. Admiramos a súa capacidade para voar, a súa gran variedade, a súa beleza, o seu comportamento e mesmo anhelamos a súa liberdade.

Pero hai un aspecto das aves, precioso e único: o seu canto.

O canto das aves ademais de achegarnos gran pracer, transmítenos moitas emocións. Emocións como a alegría, a melancolía, a liberdade, a tenrura, o misterio, a esperanza, a soidade, a harmonía, a nostalxia de algo perdido, a felicidade etc. E é agora o momento idóneo para sentir estas emocións.

É agora na primavera a mellor data para recoñecer e gozar das cantaruxadas das aves, xa que nesta época as aves comezan a buscar parella, e para atraela ademais de exhibir unha plumaxe máis rechamante ou facer voos de cortexo, utilizan o canto, que lles vale tamén para marcar o seu territorio.

Para comezar a recoñecer estas melodías, é recomendable facelo con aquelas aves que conviven connosco en parques, hortas ou xardíns do municipio do Grove.

Vexamos algúns exemplos de cantos de aves urbanas:

-Quen non coñece a algarabía ruidosa que forman os pardais? Elixidos este 2016 Ave do Ano pola SEO.

-O merlo é o máis madrugador, xa que comeza a cantar ao amencer e a súa canción afrautada é rica e moi harmoniosa.

-O trino do paporrubio é musical e melódico, pero ten un toque melancólico, por iso tamén canta no outono.

-Os ferreiriños reais din: “chichipán, chichipán, chichipán”.

-Quen frite ovos nas copas das árbores?: os xiríns.

-As rulas turcas son incansables co seu: “tutuu ti, tutuu ti”.

-Os córvidos, como corvos pequenos e pegas, emiten croamentos roucos e pouco melodiosos, pero teñen un halo de misterio.

-Explosivo e potente é o trino da ave máis diminuta: a carriza.

-Os cirrios dan vida a pobos e cidades co seu chío alegre entre rúas e prazas: “cirrííí, cirríí”.

Recoñecer os cantos das aves de campo axúdanos ademais a identificar aquelas que son máis esquivas, teñen unha plumaxe máis críptica ou se moven por zonas máis frondosas como A Mexiloeira, A Siradella, San Vicente do Grove, os piñeirais da Illa da Toxa...

Estas son algunhas melodías de aves campestres:

-A rula adorméntanos co seu relaxante arrolo: “turrrrr, turrrrr, turrrrr”.

-A parola suave e alegre das andoriñas comúns pódese escoitar nas aldeíñas do Grove, tanto pousadas nun cable ou antena como en voo.

-O cuco teñen un canto familiar pero estraño e solitario: “cu cú, cu cú, cu cú”.

-Que bonito e cantareiro é o xílgaro, que nos deleita co seu trino agradable!

-O tordo común tamén ten un canto atractivo e claro como o do merlo, pero como canta desde os arboredos, cada estrofa repítea varias veces.

-En zonas húmidas como regatos, lagoas ou carrizais, o rousinol bravo non nos quere e di: “Oe, ti, vaité, vaité, vaité”.

-A papuxa encapuchada emite un torrente de notas cristalinas e glaucas. Claro, móvese por zonas frescas e espesas!

-O ouriolo, ao vir da África subsahariana, sempre ten motivos para queixarse: “teño frío”.

-A bubela, bubela: “bububu bú, bububu bú”.

-Non é unha ave cantora, é unha ave rapaz: o miñato parece un gato que miaña no ceo.

...e así, cantos ata o infinito.

Por sorte hoxe en día os smartphones e tablets pódenlle facilitar as cousas ao afeccionado ás aves. Xa podemos levar os cantos no móbil para consultalos onde faga falta.

Unha aplicación interesante e gratuíta para móbiles é “Aves de España”, de SEO/BirlLife. Achega unha ficha completa de todas as especies ibéricas, ademais de fotos, vídeos e, por suposto, cantos de cada unha delas.

É primavera, xa podemos deixarnos levar polo encanto das aves e as paisaxes sonoras.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English