Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
O OBSERVADOR DE AVES E O SEU EQUIPO
02/03/2016

A observación de aves é unha actividade moi pracenteira e que cada día conta con máis adeptos.

A diferenza doutras afeccións, observar aves pode realizarse cun escaso investimento en medios. A mellor ferramenta para o observador de aves é a paciencia, pero a paciencia hai que axudala cun pequeno equipo para que a saída ao campo sexa proveitosa.

O utensilio básico e principal do observador de aves son os prismáticos, sobre todo se as observacións se van realizar cun paseo ao longo dun carreiro (como pode ser o que transcorre pola contorna da Mexiloeira e a Lagoa da Bodeira). Uns prismáticos pequenos e luminosos son os máis recomendables, como os de 8x30, 8x42 ou 10x42.


Se na xornada de campo imos identificar aves a longa distancia e nun punto fixo de observación, o que adoita ser común para aves acuáticas (como as que se observan desde os observatorios ornitolóxicos que hai en torno ao Complexo Intermareal Umia-O Grove) ou aves mariñas (como as que se ven desde o observatorio da Pantoeira, na baía da Lanzada), entón o uso de prismáticos debe completarse cun telescopio. O telescopio pode multiplicar por seis o alcance dos prismáticos, o que transforma por completo a experiencia do observador, pero adoita ser un instrumento caro, que ademais necesita ir axustado a un bo trípode e, polo tanto, o peso pode superar os cinco ou seis quilos.

 

Outro utensilio imprescindible para progresar no coñecemento das aves son as guías de identificación. As guías de aves deben cubrir a totalidade das especies que podemos ver habitualmente nun territorio. As mellores guías son as que mostran debuxos de aves e non fotografías, xa que coas ilustracións se poden mostrar os trazos de cada especie de forma homoxénea respecto doutras similares. É importante que a guía resalte as características das aves que as diferencian doutras especies, que conte con mapas claros de distribución, que teña descrición de hábitat e que mostre o estatus de cada especie na Península Ibérica.

 



Tamén é fundamental levar ao campo un caderno. Neste caderno de campo, que é recomendable que sexa de peto, apuntaremos: o día da observación, o lugar onde realizamos a observación, o nome común ou científico da ave e a cantidade de aves vistas. Se temos dúbidas coa identificación, podemos realizar un debuxo esquemático resaltando os detalles da anatomía da ave ou describir de forma concreta e precisa aquelas características que nos axuden máis tarde a identificala.

Xa para rematar, cómpre dicir que a vestimenta do observador non debe ser demasiado rechamante e, o máis importante, que o seu comportamento sexa o máis discreto e silencioso posible, e sobre todo que teña unha conduta ética tanto coas aves como cos seus hábitats. Un bo comportamento fai que o observador de aves se converta nun embaixador da conservación.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English