Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
AS GAIVOTAS CANAS
30/01/2016

Gaivota cana. Ilustración: Encarna González "niño".

Galicia atópase situada na parte máis oeste e setentrional da península Ibérica, por iso ás súas costas chegan gaivotas pouco comúns de procedencia holártica e neártica, gaivotas peláxicas —que pasan a maior parte da súa vida mar a dentro— e sobre todo gaivotas comúns.
A península do Grove pola súa situación xeográfica e diversidade costeira tamén recibe moitas destas aves mariñas, principalmente no inverno. Só en gaivotas comúns o litoral meco acolle sete especies diferentes: catro gaivotas grandes coma o gaivotón atlántico, a gaivota patiamarela, a gaivota escura e a gaivota arxéntea; dúas gaivotas medianas como a gaivota cabecinegra e a gaivota cana, e unha gaivota pequena como a gaivota chorona.

Destes láridos máis comúns hoxe ímonos a fixar só nun: a escasa gaivota cana.

Esta encantadora gaivota cuxo nome científico é Larus canus, é unha ave bastante descoñecida por ser pouco numerosa, xa que a maioría da poboación europea vive en Escandinavia e norte de Rusia. No inverno baixan cara a costas máis sureñas de Europa, pero poucas pasan a Bretaña francesa, por iso en España só está presente no inverno de forma regular, pero en baixo número, destacando as costas galegas e cantábricas.

A gaivota cana ten un tamaño mediano, intermedio entre a gaivota chorona e a máis común gaivota patiamarela, coa que pode confundirse, aínda que a cana ademais de ser máis pequena, ten un aspecto doce que lle confire a súa cabeza redondeada, o seu pico fino e os seus ollos escuros, así mesmo, as patas e o peteiro son de cor amarela verdosa.

En Galicia é común no inverno en zonas litorais localizadas, pero en número escaso (entre un e cinco individuos).

É a ría de Arousa unha das mellores áreas xeográficas para observar estas gaivotas, como na praia de Barraña de Boiro, onde se viron ata once exemplares, pero onde aínda hai concentracións máis altas é na península do Grove.

Onde e cando podemos observar gaivotas canas do Grove?

As canas chegan á nosa localidade a primeiros de novembro e aquí se manteñen ata mediados de abril.

Teñen preferencia polo intermareal que se estende ao SW da Illa da Toxa, e que vai desde a antiga ponte ata o illote de Loraña. Só neste pequeno tramo costeiro, un dos mellores de Galicia para a observación da gaivota cana, chegáronse a observar 25 exemplares simultaneamente e de diferentes grupos de idade, sendo febreiro o mes en que se viron os números máis elevados.

Por todo este espazo rico en pequenos invertebrados que son o seu alimento, as gaivotas chegan cando empeza a retirarse a preamar e se descobren os bancos de area.

Con arduo esforzo de ir levantando de unha en unha as algas depositadas no areal (trazo de comportamento propio desta especie neste lugar), as canas atopan baixo os argazos os animaliños acuáticos que lles gustan. Logo, a medida que a marea sobe e volve cubrir as áreas de alimentación, as gaivotas canas retíranse e van descansar a distintos puntos da ría.

A Illa da Toxa é tamén un lugar perfecto para gozar de sete especies diferentes de gaivotas e, entre elas, as escasas gaivotas canas.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English