Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
DESDE OS LAGOS DE ISLANDIA
08/12/2015

 

 

Ilustración de Encarna González "niño".

Hai unha ave extraordinaria que pasa o inverno nas nosas costas.
É un animal sagrado para moitas tribos dos Estados Unidos e nas películas americanas onde sae algún lago é frecuente oír o seu canto.
En Canadá é un símbolo, e a moeda dun dólar leva a súa imaxe e o seu nome (loonie).

Aquí pouco se coñece. É a mobella grande (Gavia immer). Fermosa ave acuática de cor branca e negra, adornada en época nupcial con pintas brancas sobre o seu dorso. A súa cabeza grande é case negra, con iridiscencias verdes. Os ollos son vermellos, e o pico longo e afiado.
É unha hábil nadadora e unha mergulladora moi áxil que pode somerxerse grazas ás súas patas palmeadas ata uns 60 metros e manterse baixo a auga por varios minutos percorrendo grandes distancias.

Distribúese por América do Norte, Europa e Asia.
No noso continente só se reproduce en lagos de bosques boreais e da tundra de Islandia; con todo, no inverno abandona os lagos deste frío país e baixa cara ao sur, cara a augas litorais: esteiros e rías europeas, transformándose en ave mariña.

Chega a España, onde é escasa e ocasional, agás no litoral cantábrico e galego, onde é regular, e O Grove conta cunha das zonas de invernada máis destacables.

É na baía da Lanzada onde se concentran as mobellas grandes, e o mellor punto para o seu goce, o observatorio da Pantoeira, ao norte desta praia.

En novembro comezan a chegar á baía (este ano víronse por vez primeira o día 21), por onde se dispersan durante o día en busca de alimento, logo agrúpanse ao escurecer para pasar a noite e así ata a primeira quincena de maio. A partir de aquí e lucindo plumaxe nupcial, senten a chamada dos lagos e desaparecen. Toman rumbo norte. Islandia lévaos.

Hoxe 8 de decembro xa se contaron 6 exemplares na Lanzada, pero poden chegar ata 20 mobellas.

Pero se algo teñen de especial as mobellas grandes é o seu canto, de estraña beleza. Un alarido melancólico que chega á alma e leva moi lonxe, cara aos lugares solitarios onde naceron.

Se algún día oes cantar a mobella, non o esquecerás xamais.


Observando mobellas na Pantoeira.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English