Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
A RESERVA ORNITOLÓXICA DO GROVE
19/11/2015

Logo de varios anos de colaboración entre o Concello e SEO/BirdLife, O Grove conta coa primeira Reserva Ornitolóxica de Galicia e que cobre boa parte do seu termo municipal.

A función das Reservas Ornitolóxicas de SEO/BirdLife é conservar especies concretas de aves, preservar e mellorar hábitats, potenciar o desenvolvemento sostible, promover o uso público con fins didácticos e favorecer a investigación científica.

A Reserva Ornitolóxica do Grove é ademais a maior de todas as redes de SEO. Cunha superficie total de 7.534 ha, posúe diversos ecosistemas como zonas húmidas, zonas intermareais, lagoas litorais, baías, dunas, praias etc., amparadas por distintas figuras de protección legal (desde ZEC e ZEPA —dentro da Rede Natura 2000— ata zona húmida Ramsar e outros) e por iso a súa declaración conta co visto e prace dos Servizos Provinciais de Costas e de Conservación dá Natureza de Pontevedra.

Ademais do interese desas figuras de protección (e o que implican), a principal novidade de cara á estratexia de Custodia do Territorio e Reservas Ornitolóxicas é que se trata tamén da primeira Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife que inclúe medio mariño, isto é, 6.722 ha que rodean a península meca.

A Reserva Ornitolóxica do Grove comprende, xa que logo:

- Medio mariño: espazo de grande importancia por ser zona de invernada de especies tan interesantes coma o mobella grande (Gavia immer), mobella pequena (Gavia stellata), mobella ártica (Gavia árctica), pentumeiro (Melanitta nigra), carolo (Alca torda), mergullón de pescozo negro (Trachibaptus ruficollis), mergo cristado (Mergus serrator), carrán cristado (Sterna sandvicensis), mascato (Morus bassanus), gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus)... ademais de cetáceos coma arroaz (Tursiops truncatus). Tamén é zona de alimentación de dúas especies ameazadas: o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), catalogado “Vulnerable” no Catalogo Galego de Especies Ameazadas e pardela balear (Puffinus mauretanicus), a especie máis ameazada de Europa e catalogada en “Perigo Crítico de Extinción”.

- Complexo Intermareal Umia-O Grove: un dos humedais máis importantes de Galicia e de España por albergar 13.000 aves acuáticas invernantes. Destacan anátidas, limícolas, láridos, ardeidos, corvos mariños e sobre todo cullereiros (Platalea leucorodia), do que este é o lugar máis importante de Galicia en invernada e paso migratorio e a comunidad galega, a segunda de España en invernada.

- Dunas e praias da Lanzada, Area da Cruz e Mexiloeira: areais de reprodución dunha especie clasificada “Vulnerable” no Catalogo Galego de Especies Ameazadas: a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) e nos que o grupo local de SEO-Pontevedra leva anos realizando o seguimento e protección da súa poboación reprodutora.

- Lagoa da Bodeira: pequena lagoa litoral de abundante vexetación palustre e mergullada que alberga anátidas, ardeidos, mergullóns, rálidos ou pequenos paseriformes dos humedais.

- Costa Oeste do Grove: fermoso litoral que combina zonas rochosas e areosas. Lugar de descanso de corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis) e láridos coma o gaivotón (Larus marinus) e desde onde é posible a observación doutras aves mariñas: pardela balear, pardela cincenta e limícolas costeiras.

- Costa Norte do Grove: onde se está levando a cabo a rexeneración natural do cordón dunar e a formación de pozas que intentan converterse en lugares de acollida de distintas especies de anfibios, insectos e aves e onde participa tamén o grupo local SEO-Pontevedra.

- Monte da Siradella: punto máis elevado desta localidade. Aquí ten o Complexo Ons-O Grove a súa Aula da Natureza. Xunto ás súas extraordinarias vistas panorámicas e formas graníticas, conta cunha duna rampante que é das poucas que quedan na Comunidade Galega. Entre a súa diversidade destacan tres especies ameazadas: sapo de esporóns, ra de Santo Antón e Alyssum loiseleurii, clasificadas "Vulnerable" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, ademais de 77 especies de aves, dez de réptiles, seis de anfibios etc.

Por outras experiencias sabemos que este tipo de acordos son un eficaz método para a conservación da natureza e do patrimonio cultural, fomentando ademais a colaboración entre propietarios e constituíndo un complemento importante para a xestión pública e o desenvolvemento sostible do Grove.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English