Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
AVES MARIÑAS NO OUTONO
14/09/2015

Pardela encapuchada (Puffinus gravis).

Como xa se comentou noutra ocasión, O Grove non só é importante polo seu espazo natural protexido terrestre que recibe miles de aves, senón tamén pola situación xeográfica en que se atopa. Rodeado por Rías Baixas de Arousa e Pontevedra, ten importantes concentracións de aves mariñas.

Pero máis alá das rías, máis alá da sentinela que coida Arousa, a illa de Sálvora, a calidade ornitolóxica deste mar é inmellorable.

A finais deste verán, nun só día de embarque para ver aves e mamíferos mariños, observouse unha gran riqueza destas migradoras de alta mar que voan cara a latitudes máis sureñas e, entre elas, non só se viron especies comúns, senón aves difíciles de enxergar noutros lugares de Europa.

Este é o resultado do censo do 29 de agosto de 2015 dun itinerario mariño:

Nada máis saír do porto, ao luscofusco, xa se viron preto da costa grovense corvos mariños cristados e grandes, garzas reais, virapedras, biluricos das rochas, gaivotóns, gaivotas choronas, escuras, patiamarelas, carráns cristados, corvos pequenos, pombos torcaces, os primeiros mascatos e algúns arroaces.

Pasado o arquipélago de Sálvora, sobrevoaban a auga os furabuchos baleares e as pardelas cincentas, os primeiros falaropos bicogrosos e os paíños pequenos, un bandado de pilros tridáctilos en migración, un peixe roda e un grupo grande de golfiños comúns encabezando por un bo intre a proa do barco.

Máis mar a dentro, cara ao horizonte azul, seguían pasando dirección sur os mascatos e os furabuchos baleares, bo número de pardelas encapuchadas e pardelas escuras, carráns comúns, gaivotas de Sabine (unha balsa de 38 e outra de 140), paíños de Wilson e pequenos, e as palleiras: grandes, parasitas, pomarinas e rabilongas. Gabitas, gaivinas negras e unha concentración de 40 falaropos bicogrosos. Ademais outra manda numerosa de golfiños comúns volvéronnos a contaxiar o seu entusiasmo.

Na viaxe de volta, outra vez bordeando o litoral meco e xa co caderno de notas ou a cámara de fotos a rebordar de aves, multiplicábanse as gaivotas cabecinegras, as píllaras de colar ou as garcetas comúns. Máis carráns cristados e carráns comúns e outra balsa de 49 falaropos, especie pouco habitual dentro de ría.

Víronse 2382 animais do mar, deles, 34 especies foron aves, 2 de cetáceos e 1 peixe roda.

O día foi deses que nunca se esquecen, dos que alegran os corazons.

O Mar do Grove nunca decepciona, é máis, sempre se mostra agradecido.

Palleira grande (Stercorarius skua).

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English