Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
CADA DÍA MENOS PARDAIS
11/08/2015

Ilustración de Encarna González "niño".

O pardal (Passer domesticus), é o máis habitual dos paxaros urbanos e a ave máis estendida de todo o planeta, pois está presente nos cinco continentes.

É un paxariño sinxelo e pouco esixente, coñecido por todos porque é unha ave sedentaria e fácil de observar durante todo o ano, vive nas cidades e nos núcleos rurais habitados. Atopa o seu alimento nos centros urbanos e nos campos dos arredores e cría en buratos de construcións humanas, en árbores, plantas gabeadoras...

O pardal está sufrindo unha forte diminución, sobre todo nas cidades. Este declive en España chega a ser de ata un 14% e en moitas cidades do mundo, como o centro de Londres ou Praga, practicamente desapareceron.

Non hai un único factor que cause o seu declive, senón que son diversos e coinciden cos doutras especies como a rula común que xa comentamos nun artigo anterior.

A súa diminución no campo débese principalmente ao abandono da agricultura e da gandería tradicional e ao uso excesivo de produtos químicos como os insecticidas neocotinoides.

Nas cidades as causas son distintas.

As árbores vellas onde os pardais poden atopar burato para aniñar ou refuxiarse escasean nas urbes.

Outra causa é atribuíble á nova edificación que non lle ofrece posibilidades á fauna urbana, xa que as técnicas de cerramento dos novos edificios tapan todos os buratos, o que anula ocos de tezas, fendas..., lugares útiles para a nidificación ou o refuxio dos pardais.

Ademais, o urbanismo moderno substituíu os espazos públicos con árbores e pequenos xardíns, por “prazas duras”, é dicir, explanadas abatidas con exceso de cemento e ausentes de áreas verdes.

A xardinería pública, que abusa do cortado de céspede e do uso de insecticidas, acaba cos insectos dos que se alimentan os pardais e a excesiva limpeza das cidades reduce as súas fontes de alimento.

Por todo creouse o 20 de Marzo o Día Mundial do Pardal (World Sparrow Day), unha iniciativa de diversos países para intentar chamar a atención sobre declive da especie.

Este alegre e bulicioso paxariño que nos acompañou desde fai miles de anos e que desgraciadamente entre os séculos XVI-XIX foi perseguido por ser considerado “praga”, hoxe é outra ave indicadora de “calidade de vida”, por iso as cidades ou vilas que teñen un índice elevado de pardais gozan de benestar e sostibilidade; pero se desaparecen, estannos sinalando que algo facemos mal, e ese “algo” tamén nos afecta negativamente aos humanos.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English