Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
OS TRES LAGARTEIROS
17/07/2015

Nestes meses unha parella de lagarteiros (Falco tinnunculus) criaron no Espazo Natural Protexido do Complexo Ons-O Grove. En principio non é nada novo, pero o bo é que o fixeron no segundo andar dun edificio, concretamente instalaron o seu niño no testo de barro do peitoril dunha xanela.

 

Estes “falconciños” de cor parda avermellada con pintas negras e familia das falcónidas, son aves residentes en Galicia, comúns e habitan en todo tipo de espazos abertos e pouco arborados, desde a alta montaña ata o nivel do mar.

Aniñan en rochedos, árbores e, ás veces, como neste caso, en edificios. Para alimentarse planan no aire (de aí o seu nome en castelán, “cernícalo”, derivado de “cerner”) e quedan suspendidos, batendo as alas rapidamente para escudriñar o campo en busca de ratos, réptiles varios, insectos grandes... que atrapan tirándose ao chan de forma inesperada.

Estes lagarteiros, que probablemente teñen a súa zona para alimentarse no istmo da Lanzada, desposuíron do testo toda a vexetación e puxeron cinco ovos pintados de vermello, dos que logo de 27-29 días de incubación naceron catro polos, dos que tres saíron adiante.

Os tres pitos han ter moita sorte, porque os donos do piso onde naceron, para non molestalos, nin abrían a xanela nin movían a persiana.

Cómpre lembrar que o lagarteiro foi elixido Ave do Ano en 2012 pola Sociedade Galega de Ornitoloxía, debido ao declive que está sufrindo ultimamente en Galicia. Por iso, oxalá todas as persoas tivésemos a sensibilidade e comprensión como a que tiveron Mari, Kiko e a súa familia, propietarios do piso onde naceron os tres lagarteiros.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English