Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
"EL ESCARABAJO VERDE"
01/07/2015


Durante o sábado 27, o domingo 28 e o luns 29 de xuño, estívose gravando no Grove un documental de La 2 do programa El escarabajo verde, co gallo da recente sinatura do acordo de Custodia do Territorio entre SEO/Bird/Life e o concello desta localidade.

Neste documental, que se emitirá dentro duns meses, quixéronse destacar, entre outras, as aves mariñas que pasan polo mar de Arousa, por iso se fixo unha travesía por ría, ata as 3 millas náuticas de Sálvora, na embarcación Tyba III, do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), para localizar aves e mamíferos mariños.

Ademais de gravar e gozar dos arroaces durante un bo intre, vimos pardelas cincentas, furabuchos baleares, mascatos, gaivotóns e outras mariñas propias deste medio.

Tamén se entrevistou a distintos membros de SEO/BirdLife para que comentasen a importancia que esta reserva ten para a protección das aves e os seus hábitats e as oportunidades que ofrece para un futuro sostible e a economía do Grove. Falouse, así mesmo, das relacións internacionais de BirdLife.

Para ilustrar o documental percorréronse diferentes lugares do concello e escolléronse os puntos máis indicados para as distintas especies.

Como non podía ser menos, o novo alcalde do Grove tamén foi entrevistado.

 


As estrelas do domingo foron as píllaras das dunas. Todo o equipo se desprazou á principal praia do Grove, onde cría esta especie e, no medio da expectación de turistas e usuarios da praia, os dous poliños (que xa case parecen adultos) deixáronse filmar comendo cos seus pais entre as algas da area, así como a parella que aínda está incubando dentro da gaiola e que foron facendo quendas no seu quefacer, primeiro a femia, despois o macho.

A todo o equipo lle encantaron as píllaras!

 


O grupo local SEO-Pontevedra falou ante as cámaras da importancia das píllaras para o Concello do Grove, porque representan a calidade das súas praias e non se esqueceron de lembrar todos os problemas cos que cada día se enfrontan estas limícolas e que van en contra desa calidade: os cans na area, a retirada das algas, a limpeza mecanizada, a masificación, o tránsito de persoas pola duna etc.

As últimas entrevistas déronas Damián Romay Cousido, recoñecido ornitólogo natural do Grove, quen destacou os valores naturais da súa comarca e de Galicia en xeral. Tamén foi entrevistado ao xefe do Servizo de Conservación da Natureza da Xefatura Territorial de Pontevedra e o presidente da confraría de pescadores do Grove.

 


Só queda esperar e ver o resultado final.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English