Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
AS DUNAS DO GROVE
18/06/2015


Pancratium Maritimun. E. González.

O ecosistema dunar costeiro é un espazo de interacción entre o mar e a terra e está formado pola acción do vento e do mar.

As dunas costeiras son cúmulos de area cuxa función é protexer de forma natural a costa e as praias da erosión, xa que actúan como depósitos de area, muros de contención fronte ás ondas. Son as reservas de area das praias.

Cando se destrúen as dunas litorais, as praias tenden a erosionarse e desaparecer.

Crucinella maritima. E. González.

As plantas dunares, ademais de filtraren contaminantes provenientes dos sistemas continentais de auga doce, teñen a función de reter e estabilizar a area, as algas que varan na beira das praias achéganlles a estas plantas nutrientes que as fertilizan e as comunidades animais que viven na duna encárganse de polinizar e expandir esta vexetación. A cambio reciben alimento e refuxio.

Todo este proceso dá lugar a un dos espazos naturais máis fermosos e fráxiles de Galicia e que acolle unha gran biodiversidade: as dunas litorais.

Pero debido á forte presión do home e á súa preferencia por asentarse nestas zonas, moitas dunas da costa desapareceron ou están moi degradadas.

Aínda así, animais e plantas (algúns ameazados e protexidos pola lexislación, como Charadrius alexandrinus ou Alyssum loisseleurii sbsp. Gallaecicum), logran sobrevivir.


Glaucium flavum. E González.

Píllaras das dunas, lavercas, lavandeiras amarelas e outras comunidades de fauna silvestre dependen da duna. Pero tamén unha bela flora moi especializada para vivir nun espazo moi hostil como Cakile marítima, Honckenia peploides, Euphorbia paralias, Otanthus marítimus, Callistegia soldanela, Eryngium maritimun, Amophila arenaria, Medicago marítima, Malcomia littorea, Crucinella marítima, Mathiola sinuata...

Esta flora, aínda que está adaptada á dureza do medio físico areoso, é moi delicada, sobre todo a de duna branca, xa que coloniza chans nos que hai moita mobilidade, ademais algunhas destas plantas son anuais ou vivaces, polo que na primavera e no verán están brotando ou na súa época de floración.

Neste período tan sensible para a natureza en xeral e a duna en particular, é importante respectar, coidar e non facer actividades de ningún tipo no cordón dunar, porque supoñerían non só unha molestia para os animais que aí nidifican, senón tamén unha trepadura e unha destrución da vexetación.


Onckenia peploides. E. González.

O Concello do Grove conta con valiosas zonas dunares na Lanzada, Raeiros, Area da Cruz, Canelas, A Aguieira, A Mexilloeira, A Siradella, Rons... e que son os reservorios de area das praias.

Se queremos que estas praias non desaparezan e sigan conservando a súa calidade e a súa beleza, debemos protexer a súa vexetación natural para que o vento e a auga non a erosionen, e o mellor que podemos facer é non acceder á duna.

Papilio machaon y Malcomia littorea. J. Gómez.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English