Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
XA CHEGARON AS RULAS!
29/05/2015


Ilustración: Encarna González "niño".

Xa se oe polos campos do Grove o arrolo da rula (ou tórtola común en castelán).

Do mesmo xeito que a anduriña, a bubela ou o cuco, a rula anuncia co seu aspecto grácil e o seu encantador arrolar, a chegada do bo tempo.

Pero esta ave ten un serio problema, xa que está en regresión en toda España, polo que SEO/BirdLife elixiuna Ave do Ano 2015 e así chamar a atención sobre a complicada situación pola que está pasando.

Pero coñezamos un pouco máis da rula.

Steptopelia turtur, nome científico da rula, é unha onomatopea, pois recrea o seu canto suave: “Turrr..., turrr..., turrr..., turrrrrr”.

Aínda que os primeiros exemplares chegan en abril, é a partir de maio cando se escoita máis facilmente o canto adormentador nos campos da nosa localidade.

O seu aspecto é de pequena pomba e o seu voo é errático con fortes batidos e cambios de dirección.

Malia a súa fisionomía delicada, é unha ave migradora de longa distancia, xa que procede da África subtropical, ao sur do Sahara, a miles de quilómetros do Grove.

Desde o continente africano veñen criar aos nosos hábitats, pero só a aqueles que alternan o mosaico rural con sebes arboradas, pequenas fragas ou bosques de ribeira, zonas como a de San Vicente do Grove, a contorna da Lagoa da Bodeira, Estonllo, Meloxo ou Terra de Porto. No resto da comarca é menos frecuente ou ocasional, agás en zonas urbanas, piñeirais ou eucaliptais onde non se detectou.

Nestes medios agrícolas e arborados, ideais para as rulas, atopan sementes, froitos e plantas herbáceas para se alimentaren e a vexetación protectora onde instalaren o seu niño.

A rula común pódese confundir coa rula turca (Steptopelia decaopto), pero esta, ademais de ser máis clariña e ter un canto diferente: “Tutuuu-ti..., tutuuu-ti”, pódese ver todo o ano porque é unha especie sedentaria e frecuenta espazos máis humanizados, coma a periferia e os parques do centro urbano.

Aínda que os censos da rula no concello meco citan unha poboación máxima de 200 exemplares no mes máis álxido e dunhas 50-70 parellas reprodutoras, é unha especie “vulnerable” e a nivel nacional a súa poboación está en forte retroceso, por iso é polo que foi elixida Ave do Ano 2015.

As causas desta regresión son varias. Segundo SEO/BirdLife, unha delas pode ser a agricultura actual, industrializada e cun uso intensivo de agroquímicos que alteran as paisaxes tradicionais e afectan á cadea trófica nos ecosistemas, sobre todo o uso dos pesticidas neonicotinoides, aos que recentes estudos sinalan como causantes de potentes impactos nas aves e na biodiversidade en xeral.

Outros expertos atribúen o descenso aos métodos de cultivo modernos, á deterioración da calidade do medio ambiente e á fragmentación do hábitat, sen esquecer que é unha especie cinexética e pódese cazar en período de media veda.

Malia todo, nós aínda temos rulas nas aldeíñas e pequenos bosques do Grove, onde poderemos gozar da súa adorable presenza ata o mes de setembro, cando comezan a emprender rumbo cara á África subtropical, moi lonxe, máis alá do deserto do Sahara.



Mapa de distribución da rula no Grove.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English