Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
PRIMEIROS PITOS DE PÍLLARA DAS DUNAS
12/05/2015


Hoxe 12 de maio de 2015 descubríronse os primeiros pitos de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), da comarca do Salnés.

Foron 3 poliños os que naceron nunha das praias do Grove. O seu niño instalado na duna, estivo preservado cunha gaiola (á que só os pais podían acceder), como medida preventiva contra depredadores naturais e cans.

Agora chega a parte máis delicada, que é a de protexer os recentemente nados, xa que unha vez que o ovo eclosiona, saen da gaiola e móvense pola area da praia en busca de alimento e, como non poden voar ata os 28-30 días desde o seu nacemento, quedan a mercé de animais silvestres, dos cans que nós levamos á praia (que se converten en depredadores das píllaras), da cribadora de area...

De momento só hai dous niños controlados e protexidos en toda a comarca e están nunha praia do Grove, aínda que lles queda o longo verán por diante.

Estas limícolas que nidifican nos nosos areais desde tempos inmemoriais aparecen no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, porque cada ano menos parellas elixen as nosas praias para traeren ao mundo os seus pequenos, por iso necesitan protección.

Pero que podemos facer nós, usuarios da praia, para que os pitos crezan e poidan chegar a voar? Simplemente cumprir a lei, isto é, respectar os carteis que hai nos accesos aos areais que din: “Prohibido cans na praia” e non molestar os polos ou o resto de adultos que están incubando, máis nada.

Só cumprir a lei “Prohibido cans na praia”.

 

 

 

Xaulón protector.

 

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English