Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
DAS AULAS AO CAMPO
13/02/2015

 


Un ano máis dentro da campaña de divulgación ornitolóxica do programa de PIO tocaba levar os nenos dos centros de ensino público do Grove ao campo.

Case 150 nenos pasaron pola enseada do Vao e contorna, nas xornadas divulgativas para dar a coñecer un dos valores naturais máis importantes deste concello: as aves.

Pois non só O Grove destaca pola súa Festa do Marisco, as súas praias ou os seus balnearios, senón tamén polas máis de 13.000 aves que pasan aquí o inverno e que o converten nun dos referentes de Galicia e de España no que a aves se refire.

Durante varios días e da man de SEO (Sociedad Española de Ornitología), os nenos recibiron explicacións nas aulas acerca dos trazos morfolóxicos e dos cantos das aves que invernan nesta localidade. Explicóuselles tamén de onde veñen, por que pasan os meses fríos neste lugar privilexiado, de que se alimentan ou como se cobre un caderno de campo.

Logo, nunha serie de saídas guiadas, visitaron distintos puntos da enseada do Vao e da baía da Lanzada e cada un, cos seus prismáticos, as súas guías de aves, os seus cadernos de campo e varios telescopios puido observar sobre o terreo cullereiros, garzas, garzotas, mazaricos reais, píldoras douradas, pilros comúns, pilros tridáctilos, gabitas, píllaras reais, gaivotas cabecinegras, pato rabilongos, asubiadores, colimbos grandes, pentumeiros comúns... que sorprenderon gratamente os pequenos.


O obxectivo destas xornadas ornitolóxicas promovidas polo Proxecto PIO do Concello do Grove, coa colaboración de SEO-Pontevedra, é darlles a coñecer aos máis novos o patrimonio natural do seu municipio, para que aprendan a respectalo, xa que eles serán os herdeiros e encargados de conservalo para o futuro.


 

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English