Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
O GRAN GAIVOTÓN ATLÁNTICO
07/01/2015


O gaivotón atlántico é un ave impoñente e enigmática. É a gaivota máis grande do mundo, e témola no Grove!

Mide aproximadamente setenta centímetros desde a punta do peteiro ao extremo da cola. Diferénciase do resto de gaivotas non só polo seu gran tamaño e o seu porte poderoso, senón tamén por ter un peteiro grande e forte, por ser branca e negra e ter as patas de cor rosada, non amarelas como as das gaivotas sombrías e patiamarelas.

O gaivotón, cuxo nome científico é Larus marinus, chega de forma moi escasa á península ibérica. No litoral galego atópanse as concentracións máis grandes de España.

Dentro deste, cabo destacar o concello do Grove, tanto pola parte interior, na súa enseada, como polas costas que rodean a península meca. En toda esta área pode haber ata 60 exemplares no inverno, época idónea para a súa observación, xa que durante o período reprodutor (maio-xullo) vanse cara a zonas de Europa máis setentrionais, quedando no Grove uns poucos exemplares, que se corresponden con inmaturos ou adultos non reprodutores.

Pero hai unha excepción, os gaivotóns tamén crían aquí. En España só o fan de forma moi local na cornixa cantábrica e atlántica. Na ría de Arousa temos entre unha ou dúas parellas que nidifican nos illotes pedregosos, sendo practicamente as únicas parellas nidificantes de todo o litoral atlántico peninsular.

Unha das zonas máis apropiadas para observar estes grandes láridos é a desembocadura do río Umia, que pertence ao Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Durante os meses de inverno a este fermoso lugar, que se acha fronte á Illa da Toxa e que durante a baixamar se caracteriza por chairas lamacentas e ricos bancos de area, achéganse os gaivotóns a descansar ou a se alimentaren, sobre todo de peixes planos.

Chegáronse a contar en torno aos corenta exemplares xuntos e de todas as idades. É o sitio idóneo para estudar os distintos estados das súas plumaxes, que coinciden coas diferentes idades dos gaivotóns, pois pasan do ton marrón ao negro, a medida que se van facendo adultos, que é no seu cuarto ano de idade.

Xa están os gaivotóns invernando nas nosas costas, e o mellor lugar para observalos é a foz do río Umia, dentro do Complexo Intermareal Umia-O Grove.


Na imaxe superior apréciase o maior tamaño do gaivotóns (no centro), o seu peteiro máis forte e as súas patas rosadas.

Na fotografía inferior aparece un gaivotón inmaturo con anel verde, anelado como polo na ría de Arousa.


Fotos de Juan Gómez

 

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English