Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
KERRÍÍÍCKKK, KERRÍÍÍCKKK
05/09/2014

Ilustración: Encarna González "niño".

Xa empezan a marcharse as anduriñas. As nosas escuras anduriñas, as anduriñas de campo, as anduriñas de primavera.

Pero a cambio chegan outras do norte. Estas son anduriñas brancas, anduriñas de mar, anduriñas de inverno.

Son os carráns cristados (Sterna sandvicensis), a alegría da ría, cuxos reclamos: kerríííckkk, kerríííckkk, soan por todo o litoral da península Meca.

O carrán cristado é un ave mariña elegante, de cor gris pálida uniforme, que se diferencia das gaivotas por ser máis esvelto, ter as alas máis longas e afiadas e a cola con forma de forquilla. Ten un penacho negro coroando a súa cabeza e o seu pico é fino, negro e coa punta amarela. Patrulla mirando sempre o mar, con voo áxil e errático.

A súa forma de pescar é unha das máis preciosas da natureza, pois realiza xiros e pairos, para lanzarse en picado e con gran maestría dende 10-15 m de altura a captura de peixiños que se moven preto da superficie.

A partir do mes de agosto os carráns cristados comenzan a pasar polas nosas costas procedentes do norte e oeste de Europa.

Desde os seus afastados lugares de cría baixan bordeando todo o litoral europeo en dirección aos cuarteis invernantes na África Occidental e Austral e poden observarse en todas as zonas costeiras españolas.

Ainda que no inverno son escasos na Península, nas Rías Baixas, sobre todo na de Arousa abundan ata nos meses máis fríos.

Por toda a nosa franxa de mar xa se poden ver estos carráns e non fallan en portos coma no de O Grove, Meloxo ou Pedras Negras por donde patrullan aproveitando que os bancos de peixes pequenos buscan refuxio nos peiraos.

Adoitan descansar en praias areosas próximas a humedais como no esteiro do Umia, illa de A Toxa ou península de Arnosa e tamén nas bateas de mexillón da ría, chegando a contarse no inverno a noitiña e nunha soa batea, 340 carráns cristados.

Unha vez máis esta ave é outro bioindicador da boa saude, pero neste caso do mar. Son a proba da gran riqueza biolóxica das nosas augas, xa que indican que todavía hai abundancia de peixes novos dos que se alimentan.

Kerríííckkk, Kerríííckkk, son de outoño.

Xa volveron as brancas anduriñas. Outra vez é primavera, a primavera dos carráns, a segunda primavera.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English