Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
A COLONIA DE GARZOTA
16/08/2014


Ilustración: Encarna González "niño".

A garzota (Egretta garzetta) é unha ave esvelta e elegante. É unha pernilonga branca, de mediano tamaño. O seu pescozo é longo e as súas patas son longas e negras, pero cos pés amarelos moi rechamantes.

Debido á beleza das súas plumas, no século XIX foron moi perseguidas e destruídas as súas colonias, xa que estaba de moda colocar nos chapeus das señoras os penachos da caluga e as plumas do dorso.

A garzota é unha ave asociada á auga, xa sexa doce ou salgada, por iso onde haxa augas superficiais e tranquilas é posible ver estes ardeidos.

No Grove é abundante no inverno, xa que recibe achegas de aves setentrionais, chegando a contabilizarse preto dos 300 exemplares. Onde máis abunda é na súa enseada (Complexo Intermareal Umia-O Grove), principalmente ao SE desta, na foz do río Umia e ao S da Illa da Toxa.

No verán, aínda que baixa o seu número, sempre se poden observar garzotas.
Cando busca alimento, é unha ave moi inqueda e adoita remover nerviosamente a auga coas patas para descubrir as súas presas. Aquí principalmente aliméntase de pequenos peixes, pero tamén pode capturar invertebrados, e a miúdo faino en grupos reducidos.

Diferénciase das outras garzas presentes na zona, como a garza real (Ardea cinerea), en que esta é gris por enriba e máis grande, e difire da escasa garzota grande (Egretta alba), que tamén é toda branca, por ter maior tamaño e o pescozo máis longo, ademais ten os pés negros e un comportamento máis cauto.

Pero o extraordinario das garzotas comúns do Grove é que nidifican no noso concello, sendo a única colonia de garzota común de toda Galicia. Esta colonia asentouse en xuño de 2009, e este ano tamén nidificaron.

O niño das garzotas comúns sitúase en arbustos, árbores ou vexetación palustre. No Grove sitúanos concretamente nun hábitat de matogueira de toxo, salgueiro e a rentes do chan. A súa época reprodutora vai desde fins de maio á segunda quincena de xuño, prolongando a súa presenza ata principios de setembro. É unha especie colonial que pode sumar centos de niños, pero nesta colonia o número de parellas asentadas é reducido. A incubación e a alimentación dos polos corre a cargo de ambos os proxenitores e as pequenas garzotas completan o seu desenvolvemento ao cabo de 40-45 días.

Aínda que a poboación de garzotas comúns do Grove se considera estable, o éxito deste asentamento, único na comunidade galega, está suxeito a unha serie de ameazas que dificultan a súa reprodución, entre elas, a posible predación de polos por parte de depredadores naturais e as molestias humanas.

 

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English