Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
SABES CALES SON OS SERES MÁIS AÉREOS?
17/06/2019

 

Cirrio común. Apus apus. Ilustración: Encarna González.

Son os cirrios.

Os cirrios son as aves máis aéreas que existen, xa que pasan case toda a súa vida no ceo.

Por se non os coñeces, os cirrios teñen forma de gadaña, son de cor cincenta e chían alegremente con algarabía ao amencer e á tardiña facendo acrobacias entre rúas e prazas.

Pertencen á orde dos apodiformes, de aí o seu nome científico, Apus, que significa "sen patas", xa que as súas extremidades inferiores son pequenas garras que só necesitan para se colgaren uns segundos de cantís e paredes.

Os cirrios son aves migradoras que chegan en abril desde a África tropical e central. e marchan en agosto.

Son formidables voadores, pois esta viaxe migratoria fana dun tirón, sen escalas (10.000 km), e poden alcanzar máis de 100 km/h.

Só pousan unha vez ao ano cando aniñan, pero son capaces de pasar máis de dous anos voando sen se pousaren, ata que alcanzan a madureza reprodutiva, que é aos 2 anos de idade. Chegan a percorrer máis dun cuarto de millón de quilómetros ao longo do ano. Un cirrio marcado no seu niño en Madrid, en menos de dez meses realizou unha viaxe de máis de 20.000 quilómetros antes de regresar ao niño… e todo iso sen se deter a descansar nin durmir.

Os cirrios aliméntanse no aire de plancto aéreo, que está formado por millóns de insectos diminutos que son arrastrados polas correntes ou o vento. Para atrapalos abren a súa ancha boca, que actúa coma un funil.

Esta dieta convérteos en axentes de control biolóxico moi beneficiosos para o ser humano, xa que comen millóns de insectos, sobre todo moscas e mosquitos.

Ademais de alimentarse no aire, tamén se aparean no aire e dormen no aire. Para durmir ascenden á tardiña ata 2,5 km de altura (agás os reprodutores, que dormen no niño). Durante o sono o bater das súas ás redúcese e desactivan unha parte do cerebro, coma os golfiños.

A entrada de frontes frías ou de mal tempo nas súas áreas de nidificación diminúe a presenza de insectos voadores, o que supón un afastamento temporal dos cirrios cara a zonas de maior oferta, podendo desprazarse centos de quilómetros.

Nestes casos os polos que quedan sós no niño entran nun estado de sopor, similar a unha hibernación, reducindo o ritmo cardíaco e a temperatura corporal, o que lles permite superar estes fenómenos meteorolóxicos sen a necesidade de alimentarse ata catro días.

En condicións normais os polos (que adoitan ser de 2 a 4), son alimentados con bólas de alimento comprimido que os seus pais portan no papo.

Ao cabo de 40 días abandonan o niño cun lixeiro sobrepeso. Esta reserva permítelles afrontar as primeiras dificultades da vida aérea, posto que o abandono do niño é definitivo.

As crías saltan unha mañá do niño, sen necesidade de aprendizaxe previa, e non retornan a el xamais.

Os cirrios son monógamos, a súa parella é de por vida e poden vivir ata 21 anos.

Estas parellas ocupan todos os anos o mesmo niño, que constrúen con materiais que recollen no voo: plumas, herbas, follas, pétalos... e aglutínano con cuspe.

Son aves coloniais e aniñan en fendas, ocos de tellas, ocos de persianas… de todo tipo de edificios, muros, murallas, torres, pontes…

Os cirrios son aves que están en retroceso, pois estímase que en España nos últimos 20 anos os cirrios diminuíron en 11 millóns (33% menos). No Reino Unido o descenso é do 56%.

As ameazas que sofren e que provocaron o retroceso das súas poboacións son:

-A nova edificación, que non lles ofrece posibilidades aos cirrios, xa que as técnicas de cerramento tapan todos os buratos anulando os lugares útiles para a nidificación.

-E as restauracións arquitectónicas non coidadosas que destrúen niños e lles dan morte a polos e adultos.

Os cirrios NON ensucian nin danan o patrimonio e NON producen sucidade nas fachadas nin causan danos nos edificios.

Está amplamente demostrado que a conservación do Patrimonio Histórico é perfectamente compatible coa conservación do Patrimonio Natural e tamén que a integración dos cirrios na urbanización actual é totalmente viable.

O resultado disto son cidades modernas, respectuosas coa natureza e, polo tanto, con alta calidade de vida.

Ademais actúan como insecticidas naturais, xa que comen millóns de insectos, controlando así pragas agrícolas, forestais e urbanas.

Os cirrios, por seren aves insectívoras, están protexidas e a destrución dos seus niños está penada pola lei.


Os cirrios, enigmáticos e intelixentes, irradian a beleza do ceo e enchen de vida e alegría as nosas cidades.


Non destruamos os seus niños.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English
youporn