Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
A PÍLDORA DOURADA
17/01/2019

Píldora dourada (Pluvialis apricaria). Foto G. Ferreiro.

A píldora dourada (Pluvialis apricaria) é unha ave limícola de mediano tamaño, pico curto, ollos grandes e corpo redondeado que exhibe unha plumaxe homoxénea e mimética, pero de tons dourados moi vistosos.

É unha especie migradora de longa distancia que, procedente de páramos e tundras do norte de Europa, cada ano acode ás tépedas terras do sur do noso continente fuxindo das circunstancias que ameazan a súa supervivencia.

Chegan a España a partir de outubro e esténdense por praderías húmidas, pasteiros con charcas e humidais interiores do suroeste peninsular, así como algúns puntos da franxa costeira e esteiros da fachada atlántica.

En Galicia, a píldora dourada é un invernante escaso e localizado. Destacan os prados interiores (onde se asocia a avefrías europeas), por exemplo A Terra Cha e zonas litorais como Baldaio, Parque Natural de Corrubedo ou a Reserva Ornitolóxica do Grove.

Na nosa Reserva coa preamar as píldoras douradas descansan na duna da Lanzada, onde se mimetizan co terreo. Cando a marea comeza a baixar, abandonan a duna e agrúpanse na marisma do Vao, na parte máis alta, mesturándose con outras limícolas, como os seus parentes as píldoras cincentas, dos que se diferencian por teren estas un ton máis gris.

Na marisma aliméntanse de invertebrados que, a diferenza doutras limícolas que sondan o lodo co pico para extraelos, as píldoras douradas non usan o peteiro para este mester, por iso é curto, senón que utilizan os seus grandes ollos para detectalos, por iso é polo que tamén os seus bandos non sexan moi apertados para non malgastar tempo e enerxía competindo pola mesma presa.

Os números máis elevados da Reserva están en torno aos 300 exemplares durante o mes de xaneiro e cando os invernos son máis rigorosos.

Malia que en marzo as píldoras douradas comezan o seu regreso ao norte, aínda nos queda unha boa tempada para podermos gozar destas bonitas e tranquilas aves.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English
youporn