Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
LAVANDEIRAS AMARELAS
02/08/2017

Lavandeira amarela (Motacilla flava). Ilustración de Encarna González.

A duna da Lanzada é un rico hábitat que dá acubillo e é zona de reprodución de múltiples paxariños, entre os que destacan especies en perigo de desaparecer como a píllara das dunas e outras con poboacións menos ameazadas como as lavandeiras amarelas, lavercas, carrizas dos xuncos, chascos, liñaceiros, verderolos, lavandeiras brancas, cotovías pequenas, xílgaros, etc.

Hoxe imos resaltar a lavandeira amarela, porque é unha ave estival que agora podemos observar con facilidade no istmo da Lanzada, xa sexa desde o aparcadoiro, a pasarela que cruza a duna ou mesmo desde a praia mirando cara ao cordón dunar.

Esta lavandeira, con nome científico Motacilla flava, é un bonito paseriforme con plumaxe cor verde oliva que se torna amarela brillante no ventre e na parte inferior do corpo. A súa cola é longa, negra e branca e a cabeza é gris azulada con garganta e cellas brancas e anteface negro.

A lavandeira amarela é a única lavandeira que está en España só durante o verán, xa que o inverno pásao na África tropical.

Chega ao noso país en marzo e abandónao en outubro. Os meses de paso migratorios primaverais céntranse en abril e os outonais, máis notorios, en setembro. Migra de día en pequenos bandos.

Estas aves elixen para nidificar dous tipos de hábitats moi distintos, por unha banda encántanlles as chairas, principalmente húmidas, como pasteiros encharcados de uso gandeiro (de onde lle vén o nome de lavandera boyera en castelán), marismas, áreas palustres, esteiros, cultivos de regadío…, que lle proporcionan o alimento que compón a súa dieta: os insectos e as súas larvas. Por outra, ocupan zonas abertas secas, como praderías, campos cultivados e dunas, por iso é polo que aniñan no istmo da Lanzada, principal lugar de reprodución de lavandeiras amarelas no Grove.

Crían entre marzo e agosto, facendo unha ou dúas postas nun niño formado por herbas secas e instalado no chan, oculto entre a vexetación dunar.

É interesante saber que no Grove é unha especie que está en regresión, pois a día de hoxe só 10-12 parellas crían no istmo da Lanzada.

Aféctanlles a contaminación do medio agrícola e acuático e, no noso caso, a perda de hábitat, xa que a duna está a ser colonizada por especies non propias do hábitat dunar.

Dito isto, agora se vemos un paxariño amarelo e elegante que pousa nos valos das pasarelas ou sobre algunha planta da duna da Lanzada, xa saberemos que se trata da lavandeira amarela.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English