Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
AS ALGAS DAS PRAIAS
03/07/2017

Praia da Lanzada. 20/06/2017. E. González.

Como xa comezou a época do gozo das praias, queremos lembrar os beneficios que teñen as algas varadas na beira.

Estamos afeitos a considerar as praias como parques de lecer ou meros obxectos de consumo e estas nin son espazos artificiais nin simples extensións de area estéril, senón que son ecosistemas naturais e vivos, polo que deben tratarse de forma respectuosa e coidadosa para que conserven a súa boa saúde, da que todos nos beneficiaremos.

Son as algas varadas na area os bioindicadores do bo estado de conservación das praias, xa que lles achegan múltiples beneficios:

1º. As algas son hábitat e alimento de máis de cincuenta especies de macroinvertebrados, (algúns protexidos por leis europeas), e estes son á súa vez o alimento de distintas aves, entre elas a píllara das dunas, especie ameazada en Galicia.

2º. Se estas poboacións de animais consumidores de algas están en bo estado, serán elas as encargadas de eliminalas de forma natural da area.

3º. Os nutrientes que liberan as algas varadas na beira volven finalmente ao mar, fertilizándoo e favorecendo a súa produtividade.

4º. As algas ademais reteñen a area arrastrada polo vento e son as encargadas de fertilizar tamén as plantas dunares pioneiras, propiciando así a formación da duna. E é sabido que as dunas son as que protexen a costa da erosión do mar e do vento, ademais de seren as reservas de area das praias. Se as dunas se destrúen, as praias tenden a erosionarse e desaparecer.

Todo este proceso forma parte da cadea trófica costeira que garante a boa saúde do ecosistema litoral.

Pero cando as algas depositadas nas beira se eliminan artificialmente, está a provocarse unha grave alteración ecolóxica que dá lugar a areais estériles e insalubres.


Píllara das dunas na plraia da Lanzada. 09/06/2017. J. Vázquez.

A praia da Lanzada, no Grove, está dentro da Rede Natura 2000, forma parte do Complexo Ons-O Grove e da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife.

Ademais está clasificada polo Plan de Conservación da Píllara das Dunas da Consellería de Medio Ambiente da Xuntade Galicia, como Área Prioritaria de Conservación, ou o que é o mesmo, espazo vital para a supervivencia da píllara das dunas, especie protexida en Galicia.

Por todo iso o Concello do Grove, por segundo ano, retirou a limpeza mecánica, non pasando a máquina cribadora de area pola Lanzada; só se fará en casos moi puntuais e despois de pedir as autorizacións correspondentes.

A cambio, a limpeza é manual e selectiva. Só se eliminan os contaminantes: plásticos, vidros, latas...

Tampouco se volveron a colocar as illas de colectores de residuos que había no areal que, á parte de seren focos de contaminación, atraían avespas e depredadores e facían que a camioneta de recollida circulase pola area, poñendo en perigo animais e plantas.

É por isto que o Concello do Grove está a ser un exemplo de que a conservación do patrimonio natural é perfectamente compatible co turismo de sol e praia, e outras localidades costeiras xa se están interesando polo seu modelo respectuoso coa natureza e que á vez lle ofrece ao turista praias sas e naturais.

As algas non son lixo, senón elementos naturais dos nosos areais que desempeñan un notable papel ecolóxico, polo que debemos respectar as algas depositadas na beira.

Codium ou Ramallo de mar. Praia da Lanzada. 20/06/2017. E. González.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English