Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
VOLVEN AS PÍLLARAS DAS DUNAS
02/05/2017

Macho adulto de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus). 22/04/2017. Foto de Juan Gómez.

As píllaras das dunas son pequenas aves limícolas que nidifican nas praias.

En todo o norte peninsular extinguíronse como reprodutoras, agás en Galicia, onde só quedan unhas oitenta parellas.

Por este motivo incluíronse no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, na categoría de “Vulnerable” (estadio anterior a “En Perigo de Extinción), polo que contan co seu propio Plan de Recuperación, elaborado pola Xunta para garantir a súa conservación.

Por sorte, un ano máis as píllaras das dunas volveron a nidificar nas praias do Salnés, concretamente no concello do Grove, onde xa se descubriron dous niños.

Cada un destes niños  ten tres ovos, que adoita ser o número habitual das postas.

Nada máis seren descubertos, os niños protexéronse coa gaiola regulamentaria e coa parcela de exclusión.

Instalando a gaiola. 20/04/2017. Foto de SEO-Pontevedra.

Agora só queda esperar que todo vaia ben e que nazan os pitiños, e nesta tarefa os usuarios das praias tamén podemos colaborar dunha forma moi sinxela:


- Primeiro, evitando levar CANS aos areais, porque estes producen estrés nos adultos incubantes e poden provocar o abandono de niños; ademais, cando nacen as píllaras, os cans convértense en depredadores de poliños.

- Aceptando que as ALGAS varadas na area (imprescindibles para a supervivencia da especie) non son lixo, senón un elemento natural dos areais e que garanten a boa saúde das praias.

- Sendo responsables dos RESIDUOS que cada un xeramos, é dicir, levando a nosa bolsa de desperdicios aos colectores situados nos aparcadoiros das praias.

- E por último, respectando A DUNA (ecosistema fundamental para as píllaras por utilizalo como refuxio), polo que non debemos pisala nin atravesala, senón utilizar as pasarelas de madeira.

Queda todo o verano por diante, pero entre todos podemos evitar que as píllaras das dunas e os seus pitiños, ameazados e vulnerables, se extingan dos areais galegos.

 

CONTAMOS COA TÚA AXUDA!

 

Gaiola. 20/04/2017. Foto de SEO-Pontevedra.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English