Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
PAXARIÑOS NA PRIMAVERA
17/04/2017

Bubela (Upupa epops). Ilustración de Encarna González "niño".

É a pequena península do Grove un lugar privilexiado desde o punto de vista natural.

Non só pola súa posición xeográfica, situada entre dúas rías, a de Pontevedra e a de Arousa, senón tamén pola súa diversidade paisaxística, onde destacan unha gran variedade de ambientes: medio mariño, dunas, costa rochosa, praias, enseadas, baías, illas e illotes, lagoas, montiños, campos de cultivo...

Todo iso fai que sexa un lugar ideal para observar miles de aves acuáticas e mariñas, sobre todo nos meses máis fríos e durante os pasos migratorios do outono e primavera, pero agora que comezan a aumentar as temperaturas e moitas destas aves han ir nidificar ao norte de Europa, os campos mecos énchense de cantos doutras viaxeiras, estas procedentes de África, do outro lado do deserto do Sahara: as esperadas andoriñas, bubelas, rulas comúns, cucos, avenoiteiras, cirrios comuns e pálidos, lavandeiras amarelas, picafollas ibéricos, folosas, falcóns pequenos, mouchos de orellas... aos que se lles unen as pequenas aves que residen todo o ano na nosa localidade e que nestes momentos alegran os campos coas súas melodías primaverais: paporrubios, ferreiriños comúns, negros, rabilongos, verderolos, pimpíns, cardeales, chascos, lavercas, xílgaros, azulentas, xiríns, gabeadores, picos, etc.

Para gozar destes animaliños tan agradecidos, nada mellor que dar paseos preferiblemente de mañá ou á tardiña pola pasarela que cruza a duna da Lanzada, polos bosques autóctonos do monte A Siradella ou polos lugares arborados da Illa da Toxa. Tamén polos montiños húmidos que rodean a Lagoa da Bodeira ou por San Vicente do Grove, onde aínda quedan campos de cultivo.

A parte grovense máis habitada tamén é boa para observar aves urbanas: pardais, merlos, rulas turcas, cirrios, rabirrubios ou gaivotas, deleitarannos sen ter que saír do centro.

En xeral, en espazos con hortas e xardíns, campo aberto ou onde haxa vexetación orixinaria da nosa rexión, poderemos ver ou escoitar as aves de primavera.


Durante estes paseos felices só teremos que ir atentos aos seus cantos e, se é posible, levar uns prismáticos e unha guía de aves comúns, que nos axudarán á súa identificación e goce.

Ferreiriño común (Cyanistes caeruleus). Ilustración de Encarna González "niño".

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English