Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
A LANZADA NO INVERNO
04/02/2017

Pentumeiro (Melanitta nigra). Ilustración de Encarna González "niño".

Durante estes meses invernais é moi interesante achegarse á baía da Lanzada para gozar das aves mariñas deste espazo natural.

Desde calquera punto costeiro do Grove que bordea esta baía, como a pasarela de madeira que atravesa o istmo da Lanzada, o miradoiro de Pantoeira, a costa de Raieros, Area da Cruz, Abeleira etc., poderemos observar animais do medio mariño como os mascatos (Morus bassanus), aves grandes que para pescaren se poden tirar desde unha altura de 40 metros. Animais tan fermosos como as mobellas, especies lacustres que nacen no extremo norte de Europa, pero que no inverno baixan ás costas máis meridionais europeas, volvéndose mariñas e costeiras. Entre eles temos na Lanzada mobellas grandes (Gavia immer), mobellas árticas (Gavia arctica), e algunha mobella pequena (Gavia stellata).

Tamén poderemos gozar dos pentumeiros (Melanitta nigra), parrulos mariños, negros e mergulladores e que na Lanzada adoitan moverse en grupos compactos. Este inverno entre os 160 negróns hai un pentumeiro careto (Melanitta perspicillata), parrulo raro errante de Norteamérica, pero algúns de cuxos exemplares visitan Galicia cada inverno.

Poderemos mirar carolos (Alca torda), pulcras aves brancas e negras, que para se mergullaren moven as ás coma se voasen baixo o mar, e algún mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis), acuático e gordecho, que agora ten cores discretas en gris escuro, negro e branco.

Os corvos mariños, coñecidos por todos, abundan neste litoral. Tanto o corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo), que pasa só estes meses na baía e o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), máis pequeno e, como comentamos noutras ocasións, especie que si nidifica nas nosas costas, pero que está ameazada, pois nos últimos anos sufriu un forte declive.

Non faltan variedade de gaivotas, entre as que destacan as bonitas cabecinegras (Larus melanocephalus), parecidas ás gaivotas choronas e as andoriñas de mar, chamadas así pola súa cola aforquillada e o seu voo errático como o carrán cristado (Sterna sandwicensis).

Tamén é posible observar nas rochas do norte desta baía distintas limícolas como os virpedras (Arenaria interpres) e outras que van descansar aos illotes durante a preamar: pilros tridáctilos (Calidris alba) e comúns (Calidris alpina), píllaras reais (Charadrius hiaticula), píldoras cincentas (Pluvialis squatarola), mazaricos chiadores, mazaricos rubios...

Non queremos esquecernos dos arroazes (Tursiops truncatus), que ás veces se aproximan a estas augas para alimentarse e que son todo un espectáculo.


Se nos achegamos ao Grove para gozar das aves do Complexo intermareal Umia-Ou Grove, acordémonos de dedicarlle un tempo á baía da Lanzada, por algo forma parte da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirLife.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English