Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
A GRAN VIAXEIRA
30/11/2016

Pardela cincenta (Calonectris diomedea). Ilustración de Encarna González "niño".

Durante o mes de outubro de 2016, detectáronse na baía da Lanzada, O Grove, por ornitólogos locais, altas concentracións de pardelas cincentas (Calonectris diomedea). O día 16 foron vistos 296 exemplares, 330 o día 2 (na celebración do Día das Aves polo grupo local SEO-Pontevedra) e o 23 de novembro debido a chegada do primeiro temporal de outono, houbo unha forte entrada na baía de máis de 400 individuos.

Estes son os números de pardelas cincentas máis elevados detectados nas Rías Baixas e uns dos máis altos da costa de Galicia, fóra diso as cincentas observadas en migración activa en certos cabos galegos.

A pardela cincenta é unha ave mariña común, pero moi descoñecía por ser unha ave con hábitos estritamente mariños ou peláxicos, pero que adoita achegarse á costa para alimentarse, desde onde é posible a súa observación.

Estas aves do mar presentan dúas subespecies, unha no Mediterráneo e outra no Atlántico e ambas crían en illas e illotes destas augas. En Galicia tamén hai unha pequena poboación reprodutora e descuberta recentemente no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Como todas as pardelas, as cincentas son aves moi lonxevas, tendo rexistros de idades de ata 30 anos.
Reprodúcense unha soa vez ao ano e poñen un único ovo, o que as fai moi sensibles a calquera cambio no medio que afecte á súa supervivencia, como as capturas accidentais por artes de pesca (sobre todo palangre), a sobrepesca, a contaminación, os parques eólicos mariños, o cambio climático, ou en terra firme onde nidifican: as depredacións de ovos, polos e adultos por gatos, ratas e visóns ou o desenvolvemento urbanístico litoral.

Debido a isto a pardela cincenta figura no Libro Vermello das Aves de España como “vulnerable” (subespecie atlántica) ou “en perigo” (subespecie mediterránea) e en 2013 foi nomeada Ave do Ano por SEO/BirdLife para chamar a atención sobre a súa situación e traballar para mellorar o seu preocupante estado.

A cincenta é unha preciosa pardela con ás longas, bater de ás lentos e voo pausado que roza suavemente as augas. Isto convértea nunha incansable migradora de longa distancia, pois é capaz de percorrer os centos de quilómetros que separan a colonia de cría das zonas mariñas máis produtivas na procura de peixes peláxicos, cefalópodos e outros organismos, para alimentar o seu único poliño.

Fóra do período reprodutivo, as cincentas poden sucar o océano Atlántico, formando un “8” entre os dous hemisferios, isto é, sobrevoan os mares do norte de Europa, baixan polo litoral atlántico español, atravesan á costa Arxentina e de aí a Sudáfrica. Logo soben cruzando cara á costa este de Norteamérica e volta a Europa norte. Un total de 40.000 quilómetros sobre o mar, en menos dun ano.

Entre os meses de abril e novembro temos o privilexio de poder gozar desde as distintas zonas costeiras da pequena península meca destas magnificas aves mariñas e de viaxar con elas cara aos afastados mares do hemisferio sur.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English