Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
TERCEIRA XORNADA SOLIDARIA NA DUNA DA LANZADA
01/11/2016

Por terceiro ano consecutivo, no mes de outubro o grupo local SEO-Pontevedra e a Fundación Telefónica en colaboración co Concello do Grove celebraron unha Xornada de Voluntariado Corporativo no Día Internacional do Voluntariado de Telefónica consistente na limpeza da duna da Lanzada.

A finalidade desta xornada foi sensibilizar a poboación da necesidade de coidar este ecosistema dunar costeiro pertencente á Rede Natura 2000, á Reserva Ornitolóxica do Grove de SEO/BirdLife e considerado ademais Área Prioritaria para a Conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus).

O grupo de 18 voluntarios da Fundación Telefónica, antes de comezar coas tarefas de limpeza e como complemento da actividade, recibiu por parte dos monitores de SEO-Pontevedra unhas micro conferencias acerca da importancia de conservar a duna, non só polo seu alto valor ecolóxico, senón tamén para a supervivencia da propia praia da Lanzada.


Así mesmo para explicar a problemática das plantas exóticas invasoras deste medio e as medidas de conservación que se están levando a cabo cunha especie “Vulnerable” en Galicia e que depende da duna da Lanzada para a súa reprodución: a píllara das dunas.

 


Daquela, os voluntarios puxéronse ao choio e dedicaron a xornada a retirar os residuos depositados polas mareas e arrastrados polo vento ou deixados polos usuarios da pasarela que atravesa o cordón dunar.

Como na duna se detectaron varios pés de uña de gato (Carpobrotus edulis), especie exótica invasora que compite e despraza a vexetación autóctona, os voluntarios tamén se implicaron na súa eliminación.


Ademais da xornada solidaria, os participantes puideron observar aves propias deste espazo recentemente chegadas do norte de Europa, como 23 píldoras douradas, 1 lavandeira branca enlutada, lavercas comuns, picas dos prados, cotovía pequena, carriza dos xuncos, etc.

O resultado foi a gran cantidade de elementos alleos a duna retirados, sobre todo plásticos e a satisfacción dos voluntarios de ver o froito do seu esforzo e a posterior mellora do hábitat dunar,


 

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English