Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
AS PRAIAS DO SALNÉS COMO LUGAR DE IMPORTANCIA PARA A NIDIFICACIÓN DA PÍLLARA DAS DUNAS
17/10/2016

Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus).

Unha vez finalizada a tempada de cría o grupo local SEO-Pontevedra presenta os resultados do seguimento da poboación reprodutora de píllara das dunas nas praias do Salnés durante 2016, sendo o quinto ano que se custodian os niños nestes areais en colaboración cos vixiantes de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) é unha ave limícola pequena, cuxa poboación española se sitúa sobre todo na costa mediterránea e andaluza, mentres que a poboación da costa do norte peninsular só se atopa en Galicia.

O tamaño actual da poboación galega e a concentración de exemplares nun reducido número de localidades convértena nunha especie altamente vulnerable fronte a acontecementos demográficos e medioambientais, é por isto que foi clasificada “Vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, polo que a Xunta aprobou o Plan de Conservación da píllara das dunas en Galicia.

A área de estudo foi a península do Salnés (Pontevedra), onde as píllaras das dunas son comúns todo o ano e onde nidifican en praias do concello do Grove e Sanxenxo, aínda que durante esta tempada 2016 só se puido confirmar a reprodución na praia da Lanzada, do Grove, estando ausentes como nidificantes nas praias como Area da Cruz e Mexiloeira (O Grove) e Montalvo (Sanxenxo), aínda que si houbo presenza de individuos na primavera en todos estes areais.

Por iso ao longo do período reprodutor as actuacións para favorecer a súa reprodución desenvolvéronse maioritariamente na praia da Lanzada.

Este ano as medidas de conservación da píllara das dunas leváronse a cabo entre o 19 de marzo e o 20 de setembro e centráronse en:

1. Xestións ante as administracións e organismos implicados na conservación da especie, tanto a nivel comunitario, como provincial e local.

2. Actuacións directas nas praias, con 103 horas de control por parte dos voluntarios do grupo local SEO-Pontevedra consistentes en:

- Localización e protección de niños mediante gaiolas e parcelas de exclusión e vixilancia a distancia de niños e polos.

- Información da situación aos donos de cans que, infrinxindo a lei, os baixan á area.
- Información aos operarios da limpeza das praias e a diferentes colectivos que traballan nela.

- Educación ambiental en colexios e xornadas de educación ambiental para os usuarios da praia da Lanzada.

- Medidas de participación social con voluntariado, como a limpeza da duna da Lanzada, unha vez finalizada a tempada de cría.

3. Outras actuacións divulgativas consistiron en dar a coñecer o día a día da evolución dos niños e os problemas cos que se enfrontan as píllarass en blogs, whatsapps e foros de aves, en entrevistas en radio e prensa escrita, en documentais como “El escarabajo verde” e “La aventura del Saber”, de TVE2, en conferencias en distintos eventos etc.

Pese ás medidas de conservación adoptadas, o fracaso dunha posta e a mortandade de pitos segue sendo considerable, sobre todo nas dúas primeiras semanas de vida.
Os factores adversos máis patentes cos que se enfrontan as píllaras das dunas na praia da Lanzada resultaron ser as perturbacións humanas (presión demográfica, usuarios cruzando a duna, actividades como kitesuf, celebración do Día dos Castelos de Area que congregou máis de 800 nenos etc. Toda esta presión produce molestias na incubación, dificultades na obtención de alimento e estrés de adultos e polos.
Outro factor contrario foi a presenza continua de cans na Lanzada, que causan estrés nas aves e depredación de pitos.

Tamén cómpre destacar a incidencia de depredadores naturais, así como a climatoloxía adversa con preamares coincidentes con temporais que provocaron a destrución dalgún niño, pero que forman parte do proceso natural.

Malia todos estes obstáculos, o éxito da reprodución durante este 2016 foi maior que nos cinco anos anteriores e en parte pode deberse á decisión do Concello de retirar a máquina cribadora de area (que ademais de eliminar as algas, fonte de alimento das píllaras, destrúe niños e causa morte de polos novos), e eliminar as 27 illas de colectores de lixo que se repartían pola Lanzada, (que non só eran focos de atracción de depredadores, senón que facían que a camioneta de recollida de residuos circulase pola area, podendo destruír ovos e matar pitos).

Como recomendacións para anos vindeiros, queremos destacar que é urxente manter todo o ano os carteis de prohibición de cans nos accesos aos areais onde cría a píllara das dunas, xa que os cans non só supoñen un problema de saúde pública, senón que poden producir abandono de niños e depredacións de poliños, poñendo en perigo unha especie ameazada, ademais de ser un risco para o resto de fauna e vexetación propias destes hábitats tan sensibles.

Sendo A Lanzada un espazo natural protexido pertencente á Rede Natura 2000 (a Rede de Espazos Protexidos máis importantes de Europa, cuxa función é asegurar a supervivencia dos hábitats e as súas especies) e sendo ademais Reserva Ornitolóxica do Grove de SEO/BirdLife, é unha praia incompatible coa presenza de cans durante todo o ano.

Como conclusión, seguimos mantendo que o turismo de praia e a cría de píllara das dunas ata certo punto é compatible, pero é necesario seguir tomando medidas de conservación para que a poboación desta limícola non se extinga como reprodutora das nosas praias, tal como ocorreu no resto do norte peninsular.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English