Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
81 ESPECIES DE AVES
03/10/2016

Alguns participantes da saída.

Este domingo 2 de outubro en Galicia, a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO) celebrou o Día das Aves no Complexo Intermareal Umia-O Grove, por ser un dos mellores lugares do norte peninsular para a observación de aves acuáticas.

O día amenceu con tempo fresco pero asollado. A media que as horas avanzaban, as temperaturas foron subindo e puidemos gozar dun tempo moi agradable, o que animou unhas 30 persoas a participaren nesta excursión.

Comezamos a ruta no miradoiro da Pantoeira para observar as aves mariñas da baía da Lanzada. Aquí xa divisamos furabuchos baleares e balsas de pardelas cincentas, pentumeiros, mascatos, corvos mariños cristados, gaivotas patiamarelas, choronas, escura e cabecinegras, ademais de pilros gordos, tridáctilos e virapedras. Sobre este miradoiro alimentábanse un bando de cirrios pálidos que entusiasmaron o grupo de participantes.

Logo desta primeira toma de contacto coas mariñas, empezamos o percorrido polo Complexo Intermareal, facendo paradas en distintos puntos para divisarmos as diferentes especies.

Dentro do grupo de limícolas observamos: gabitas, pilros comúns e miúdo, píllaras reais, píldoras cincentas, mazaricos rabinegros e rubios, mazaricos reais e chiadores, e biluricos comúns e claros. Tamén miramos ardeidos como garza real, garzota común e garzota grande. E gozamos con gran pracer de máis de 200 cullereiros.

Localizamos os primeiros patos da tempada como os patos comúns, patos asubiadores, patos frisados, patos cullerete e cercetas comúns.

Nas zonas lacustres da contorna, alleas á nosa presenza, nadaban galiñolas negras, galiñolas e mergullons pequenos.

De aves rapaces miramos tres magníficas aguias calzadas, tartarañas das xunqueiras, miñatos, gabián e azor.

E de paxariños: pica de Richard, laverca, papuxa común, picafollas musical, picapeixe, rousiñol bravo, peto verde, peto real, gaio, pombo torcaz, rula turca, xílgaro, verderolo, xirín, etc, etc.

Divisamos tamén un corvo mariño grande que se move polo Complexo e que leva anelas. Este corvo mariño que foi anelado no niño o 19/5/2016, por Loï Marion, en Loira, Francia, decidiu pasar con nos o inverno.

Foi un precioso Día das Aves no que gozamos dun clima apracible, da beleza da paisaxe e de 81 marabillosas especies de aves.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English