Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
UNHA AVE ÚNICA NO MUNDO
05/09/2016

Furabuchos balear (Puffinus mauretanicus). Foto de Juan Gómez.

Dedicaremos esta breve noticia para dar a coñecer outra marabilla do mar. Un endemismo da península Ibérica, é dicir, un ser vivo cuxa área de distribución é única e limitada.

Trátase do furabuchos balear (Puffinus mauretanicus), ave mariña endémica de España, pois non a hai en ningunha outra parte do mundo.

Por desgraza, o furabuchos balear tamén é a ave máis ameazada de Europa, isto é, que corre perigo de desaparecer nun curto espazo de tempo se non se toman medidas para evitalo. Por iso está catalogada “En perigo crítico de extinción”, é dicir, que se enfronta a un risco moi alto de extinción.

Todo isto porque a súa poboación mundial é dunhas 3.000 parellas reprodutoras.

Imaxinádesvos que os seres humanos só fósemos uns seis mil en todo o planeta, en lugar de sete mil millóns?

Este declive do furabuchos balear é debido ás ameazas coas que se enfronta e que están relacionadas coa mortalidade por causas non naturais como as capturas en palangres, a depredación por gatos e ratas introducidos polo home nas illas onde crían, a sobreexplotación pesqueira dalgunhas das súas especies presa, a perda e degradación de hábitat (urbanización costeira), ou pola contaminación de hidrocarburos.

A pesar dos estudos demográficos e dos avances que veñen realizando desde 2004, o prognóstico para a especie non mellorou. “O furabuchos balear voa cara á extinción e todo apunta de novo cara ás capturas accidentais como a súa principal ameaza”.

O furabuchos balear só cría nas illas Baleares (en tobos e fendas de cantís), pero coas súas estreitas e longas ás pode sucar os ventos planeando sobre o mar longas distancias, e así, despois do período reprodutivo e para buscar alimento, a maior parte da poboación abandona o Mediterráneo, cruza o estreito de Xibraltar rodeando toda a península Ibérica e pode chegar ao Atlántico e ao Cantábrico, xa sexa ao golfo de Biscaia, e mesmo preto do Mar do Norte ou ben se despraza cara ao noroeste de África.

Tras o período de muda, desfán o andado e os furabuchos regresan ás costas peninsulares mediterráneas para pasar o inverno.

Nestas viaxes migratorias por mar, os furabuchos pasan por diante das costas galegas e entran nas rías en busca dos seus ricos recursos alimenticios, principalmente bolo pequeno (Ammodytes tobianus), pequenos peixes que capturan mergullando, por iso na nosa rexión, no Grove son fáciles de observar desde a costa.

Na baía da Lanzada un bo lugar de observación é o miradoiro da Pantoeira, desde onde se contabilizaron ata 1000 exemplares alimentándose. Tamén no extremo noroeste do concello grovense, en Punta Pateiro, aquí víronse máis de 1000 furabochos baleares en outubro cruzando da ría de Pontevedra á ría de Arousa.

Aínda que os furabuchos veñen entre maio e outubro á nosa localidade, son xuño, xullo, setembro e outubro os mellores meses para observalos.

Para recoñecelos hai que fixarse na súa cor parda, en que se moven en pequenos bandos que adoitan voar preto da superficie da auga, alternando movementos das alas rápidos con curtos planeos, ou que cando pousan sobre o mar o seu tamaño é máis pequeno e compacto que o das gaivotas patiamarelas.

Desde estes puntos da costa peninsular meca pódense facilmente observar furabuchos baleares, tan escasos e únicos, e contaxiarse da alegría que transmiten cando voan de aquí cara alá ou da paz que irradian cando flotan delicadamente sobre o mar.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English