Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
RESULTADO DAS XORNADAS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL NA LANZADA
27/07/2016

Macho y polos de píllara das dunas do niño 4. Foto de Luís Mario Arce.

Aproveitando que este mes foi bo para observar pitos de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), nados na praia da Lanzada antes de que poidan voar e abandonen o areal, o Concello do Grove e o grupo local SEO-Pontevedra organizamos durante varios días unhas xornadas de sensibilización a pé de praia.

Logo de localizar o grupo familiar do niño 4 (2 poliños e 1 adulto), os voluntarios do grupo local, vixiantes de Medio Ambiente e técnico e concelleira do Concello do Grove montamos os cinco telescopios na area e invitamos os bañistas a observar as píllaras.

Unha vez que os miraban polo ocular sorprendíanse, facendo as delicias da xente, que por momentos ata se apiñaba fronte aos telescopios.

Fotografía de E. González.

Ocasión idónea para explicarlles as medidas de protección que se están utilizando coas aves e sobre todo que as algas non son lixo, porque nelas as píllras atopan a súa fonte principal de alimento, e que ademais as algas son quen de manteren viva e sa a praia, porque reteñen a area e fertilizan o mar e as plantas dunares. Por iso o Concello do Grove tomou a decisión de retirar a máquina cribadora da Lanzada e de limpala de forma selectiva e manual.

Tamén lles comentamos que as illas de recolleita de residuos situadas na praia foron retiradas, porque eran focos de atracción de depredadores e facían que a camioneta de recollida circulase pola area, podendo eliminar niños ou matar polos, ademais de destruír vexetación dunar.
Agora cada persoa debe ser responsable do lixo que xera e só ten que facer un sinxelo xesto: levar a súa bolsa aos colectores de recollida instalados nos aparcadoiros.

E que non debemos levar cans á praia, porque os cans poden depredar pitos, debido a que as píllaras non teñen capacidade de voo ata os 28-30 días de vida.

Fotografía de E. González.

Esta forma de limpar a praia é a que se está utilizando nos países máis desenvolvidos. É o xeito de protexer a natureza asemade que se coida o turista, ofrecéndolle praias naturais e saudables.

As Xornadas de Educación Ambiental foron todo un éxito e a xente mostrouse moi comprensiva coas medidas adoptadas na Lanzada e encantada de coñecer as píllaras das dunas.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English