Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
COMPARTINDO SOL E PRAIA COA PÍLLARA DAS DUNAS
15/07/2016

Píllara das dunas xuvenil das praias do Grove. Fotografía de Juan Gómez.

É posible que o vises correr pola area da túa praia favorita, pero sabes por que comparte toalla contigo? Os areais son o lugar de cría da píllara das dunas, unha inqueda e repoluda ave habitual da costa mediterránea e que tamén está presente en Galicia. O seu estado de conservación é vulnerable e, ás veces, a presenza do ser humano non axuda, sobre todo en época reprodutora. Pero estas molestias, que poden acabar afectándolles ás crías, pódense minimizar. Concellos coma o do Grove xa deron o paso. Agora falta o resto.

Cando chegan as pontes e as vacacións esténdense parasoles, cadeiras, toallas e neveiras. Os visitantes corren, practican deporte, estenden os seus parapentes ou pasean os seus cans esquecendo que comparten praia cunha especie que non pasa polo seu mellor momento. De feito, a actual poboación reprodutora de píllara das dunas mostra unha tendencia negativa desde hai anos. A principal causa desta regresión débese á forte presión que soporta no seu principal hábitat de cría, os areais. Esta situación levouna de cabeza a ser catalogada como Vulnerable no Libro Vermello das Aves de España. Ademais, está incluída no Anexo I da Directiva de Aves.

A píllara das dunas é unha ave limícola e, como tal, aliméntase rebuscando entre as algas que traen a marea e as ondas. Estas plantas mariñas, que adoitan verse como sucidade ou molestia na praia, xogan con todo un papel fundamental para o ecosistema: fertilizan o mar a través do lixiviado dos nutrientes e proporciónanlles refuxio a unha ampla variedade e riqueza de invertebrados. Pero hai máis: a falta de vexetación nas praias leva ás especies que as habitan a depender destas achegas externas vidos do océano para obter o alimento necesario. E entre os depredadores destes invertebrados das algas atópase a píllara das dunas, que se beneficia de tan escaso recurso durante todo o ano.

No inverno, as píllaras teñen a necesidade de facerse con máis recursos para poder crear unha capa de graxa protectora, pero é a tempada reprodutora a que lles demanda un maior esforzo para poderen alimentar a súa prole. Adoitan criar uns tres pitos en cada posta. Antes de naceren, os ovos son depositados na area, sen ningún tipo de protección. A femia simplemente os deixa semisoterrados e o aspecto críptico dos ovos —con pintas e de cor similar á area— fai todo o traballo. A misión é pasaren completamente desapercibidos.

O sistema de praias e dunas non só xoga un papel importante para a alimentación desta especie, senón que se trata do súa nicho ecolóxico, no que ademais crecerán as futuras xeracións.

O principal obstáculo ao que se enfrontan agora as poboacións de píllara é que algunhas actividades de mantemento do turismo nas praias, ao principio consideradas como inocuas, impactan sobre a especie. É o caso, por exemplo, da limpeza mecánica das praias ou o paso de máquinas cribadoras que provocan a perda dun hábitat singular, a retirada de acumulacións de algas —o que deixa a praia sen os seus beneficios— e, en ocasións, pode supoñer a perda de niños de píllara das dunas.

A especie non só sofre a presión das máquinas, senón tamén a do ser humano: as pisadas ou a presenza de cans na praia, que poden chegar a depredar os niños, pódenlles afectar de cheo ás poboacións de píllaras.

O Concello do Grove, en Pontevedra, comezou unha campaña para protexer a especie mediante a conservación e correcta xestión das súas praias, xa que a galega é a única poboación reprodutora da costa atlántica. Entre outras medidas, o concello cambiou as papeleiras do interior dos areais por colectores na zona de aparcadoiro. Deste xeito elimínase un foco de atracción de depredadores e evítase que o vehículo de retirada de residuos teña que pisar a area. Ademais, naquelas praias onde cría esta especie, retirouse a máquina cribadora, que pasa só puntualmente logo de grandes balumes por fortes mareas ou temporais e coa correspondente autorización de Conservación da Natureza.

O Grove quere demostrar que o uso turístico das praias e areais é compatible coa conservación dos hábitats e as especies. As actuacións previstas polo seu Concello poden contribuír a preservar un ecosistema moi particular, como é o das praias e a fronte dunar deste municipio, e supoñer significativos aumentos na diversidade e abundancia de aves e doutras especies exclusivas das praias.

Con esta proposta, o Concello do Grove dá un paso de xigante cara a un novo concepto de integración do uso turístico coa conservación do patrimonio natural dentro da recentemente creada Reserva Ornitolóxica SEO/BirdLife do Grove. Con seguridade, servirá de modelo para que outros concellos con praias e dunas onde tamén cría esta especie copien o seu modelo.

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English