Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
OS NENOS DO COUREL E AS AVES DO GROVE
17/06/2016

Esta semana desde Folgoso do Courel (Lugo), os alumnos do colexio Uxío Novoneyra achegáronse ao Grove para coñecer as aves da súa Reserva Ornitolóxica.

Os nenos de diferentes idades foron recibidos no Concello, onde os ornitólogos de SEO-Pontevedra lles impartiron unha charla sobre as aves da Reserva e dos ecosistemas que ocupan.

Finalizada a teoría, a cada pequeno entregóuselle unha guía de aves e uns prismáticos e con entusiasmo e guiados polos ornitólogos saíron ao campo a poñeren en práctica o aprendido.

A excursión empezou na duna e praia da Mexiloeira, onde puideron apreciar o valor das plantas dunares, o papel fundamental que xogan as algas varadas na beira para o ecosistema litoral ou ver incluso algunha xoia endémica da costa areosa galega como a “Vulnerable” Allyssum gallaecicum.

Armados co seu material óptico percorreron tamén a contorna da Lagoa da Bodeira, aprendendo a recoñecer o canto dos paxariños da foresta e das aves acuáticas lacustres, así como a identificar a súa interesante vexetación palustre.

Para finalizar a xornada, e aínda que o tempo non acompañou,os nenos foron ata a praia da Lanzada coa intención de coñecer outra marabilla costeira ameazada en Galicia, a píllara das dunas, os seus poliños e as medidas de conservación que se están adoptando.

Os pequenos pasárono estupendamente e desde O Grove levaron á Galicia máis interior non só adhesivos, revistas infantís de SEO/BirdLife ou folletos de aves do Proxecto Pio, senón tamén a semente da curiosidade pola natureza en xeral e polas aves en particular.



 

 
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English