Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
AVES MIGRADORAS ESTIVAIS DO GROVE
14/05/2014

Ao concello do Grove non só chegan as aves migradoras invernantes, que poden ser ata 13.000 durante os meses de inverno e que lle deron a fama de ser un dos lugares máis importantes de Galicia e de España desde o punto de vista ornitolóxico, senón que ao noso municipio tamén chegan as aves migradoras estivais, é dicir, aquelas pequenas aves que desde o continente Africano se desprazan miles de quilómetros cruzando desertos, montañas ou selvas para aniñar na nosa rexión.

Entre as máis destacadas xa se poden oír á noitiña nos piñeirais da Illa da Toxa os mouchos de orellas, pequenos bufos que se alimentan de roedores e entre os piñeiros rosman as avenoiteiras cincentas, aves crepusculares que aniñan no chan.

Por todo o istmo da Lanzada xa están criando as lavandeiras amarelas, no monte da Siradella canta o cuco e as bubelas (“bu-bu-bu-bu”), nos campos de cultivo do municipio.

Na Lagoa da Bodeira acompañan o croar das ras as folosas das canaveiras, igual que folosas amarelas ou rulas, que gustan desta contorna arborada e de abundante vexetación para esconder o seu niño.

Elixidas Ave do Ano 2014 pola Sociedade Española de Ornitoloxía debido ao seu retroceso en toda España, as anduriñas aínda nos visitan, sobre todo naquelas zonas que manteñen certa actividade agrícola.

E lonxe do campo, no bulicio do corazón urbano, realizando acrobáticos voos entre prazas e rúas, aves escuras con forma de besta e que poden pasar máis de dous anos voando sen pousaren, os cirrios, alégrannos cos seus chíos no verán.

Pero estando O Grove situado entre rías de Pontevedra e Arousa, non nos podemos esquecer do mar e da costa e de dúas especies moi ameazadas. Unha é a pardela balear, ave mariña que está en “perigo crítico de extinción”, pois só quedan 3000 parellas no mundo. Estes procelariformes de cor parda, desde as Illas Baleares onde nacen, bordean toda a península ibérica ata as costas francesas para se alimentaren, e nesta ruta mariña fan un alto na baía da Lanzada e na ría de Arousa, fronte á costa meca, para que podamos gozar da súa presenza. Outra especie ameazada é a píllara das dunas, limícola que cría na area da praia e que está catalogada como “vulnerable” en Galicia, polo que se está levando a cabo un programa de conservación.
De toda a península do Salnés, as píllaras só nidifican en tres areais e, por sorte, do Grove. Se queres colaborar na súa conservación, recorda: non leves cans á praia.

O bo tempo chegou e con el todas as aves de África. Xa podemos alegrarnos e gozar das migradoras estivais da península do Grove.

 

 
NOVOS CARTEIS PIO
01/05/2014

 


Xa hai novos carteis do Proxecto PIO do Concello do Grove.

Nesta nova cartelería, ademais de levar bonitas fotos desta rexión, están representadas as especies máis características do Grove. Sobre todo aves migratorias invernantes coma o colimbo grande, o pato rabilongo, o mazarico chiador, a gabita, a píllara das dunas, a gaivota cana, o corvo mariño cristado e a espátula.

Xunto coas ilustracións de cada ave, nos carteis detállase a poboación coa que conta o concello, a súa lonxitude e envergadura, o seu grao de ameaza, e a distribución mundial e as mellores épocas de observación para o caso da espátula, especie bandeira do Complexo Intermareal Umia-O Grove, por ser o lugar máis importante de Galicia e un dos máis importantes de España en invernada e paso migratorio desta especie.

Estes carteis foron presentados con grande aceptación na FIO, (Feira Internacional de Ornitoloxía), que ten lugar en Estremadura, concretamente, no Parque Nacional de Monfragüe e á que asisten gran cantidade de expositores, tanto nacionais como estranxeiros, e ata onde o Concello, un ano máis, se desprazou co seu posto para dar a coñecer as aves do Grove.


 

 


 

 
PÍLLARAS E CARTEIS
15/04/2014

Xa estamos na primavera e a tempada de cativa da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) está en marcha, por iso nas praias do Concello do Grove onde cría esta especie protexida xa se instalaron todos os carteis coa prohibición de levar cans aos areais.

É un orgullo para o noso concello contar con tres praias onde cría esta limícola, pois de todo o Salnés, só elixe O Grove para nidificar, e de toda a costa norte española só escolle Galicia para se reproducir.

E iso é porque nidifican en praias ben conservadas, por iso son un bioindicador da calidade destas. Se queremos que os nosos areais continúen sendo excelentes, cada ano deben volver as píllaras.

Estas pequenas aves forman parte do noso patrimonio natural. Son un valor da nosa comunidade, pero están en regresión, por iso é polo que sexa especie protexida e das máis ameazadas en Galicia.

Unha das causas, levar cans á praia.

-Os cans producen molestias na incubación e estrés nos adultos, o que pode supoñer un abandono dos niños.

-Os niños, que os sitúan na area, antes de seren protexidos con gaiolas poden ser destruídos polas pisadas dos cans.

-Unha vez que nacen, os poliños corren pola praia en busca de alimento e, como non poden voar ata as catro semanas de vida, están a mercé dos cans, que se converten así en depredadores.

A supervivencia desta especie ameazada é responsabilidade de todos, especialmente daquelas persoas que comparten con eles a praia, por iso é importante respectar esta norma.


POR FAVOR, NON LEVES CANS Á PRAIA!

 

 
PRESENTACIÓN DO LIBRO "CUANDO VER AVES EN GALICIA"
21/03/2014

Organizado por SEO-Pontevedra, en colaboración co Concello do Grove e outros grupos conservacionistas, preséntase no Salnés o libro Cuándo ver aves en Galicia, cuxos autores, Antonio Sandoval Rei e Cosme Damián Romay Cousido, son recoñecidos ornitólogos galegos e autores doutras publicacións de aves.

A presentación desta obra, de fácil lectura, pero moi útil e interesante para a observación de aves na nosa comunidade, será o vindeiro venres 21 de marzo, na Sala dás Cunchas do Concello do Grove, ás 20.00 h, polo que quedades todos convidados.



 
AVES DA BAÍA DA LANZADA
11/03/2014

Durante este inverno, con temporais encadeados ao longo de tres meses, foi difícil controlar e censar as aves mariñas da baía da Lanzada (unha das mellores zonas de Galicia en acollida tanto de especies invernantes coma estivais).


Esta climatoloxía tan adversa tamén provocou que aparecesen mortos e abeirados nas praias gran cantidade de araos papagaios, araos romeiros, carolos, melanitas, gaivotas, corvos mariños, mascatos..., así como golfiños mulares, golfiños comúns e tartarugas mariñas. Para todos eles esta estación si que foi verdadeiramente dura.


Cando os temporais xa se calmaron, concretamente o día 8 de marzo, puidéronse rexistrar, pero agora vivos e desde o observatorio da Pantoeira desta baía: 12 colimbos grandes, 1 arao común, 9 carolos, 176 melanitas comúns, ademais de distintas especies de gaivotas, corvos mariños grandes e cristados, carráns cristados e un paso migratorio cara ao norte de 2004 mascatos/hora, sendo o 99% de idade adulta.

 
<< Inicio < Anterior 11 12 13 14 15 16 17 18 19 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English