Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
MIGRACIÓN OUTONAL
03/08/2014

Xa comezou o paso posnupcial de aves acuáticas na marisma do Vao (dentro do Complexo Intermareal Umia-O Grove), unha das mellores zonas de Galicia para o seu gozo, onde se concentran miles de exemplares no inverno e que conta con 5 observatorios ornitolóxicos.

A esta marisma están chegando as primeiras aves que, procedentes do norte de Europa onde criaron debido á gran abundancia de recursos alimenticios, comezan a baixar cara aos seus cuarteis de inverno en África, unha vez finalizada a tempada de cría e ao diminuír o alimento en toda a zona setentrional.

Moitas delas nesta longa viaxe migratoria outonal fan un alto no camiño para repoñer forzas, e aquí atopan o lugar idóneo pola cantidade de illotes tranquilos onde descansar e pola riqueza de materia orgánica da que se alimentan.

O día 3 de agosto contamos os primeiros parrulos, concretamente 344 lavancos (Anas platyrhynchos), ademais chegaron os primeiros 18 pilros comúns (Calidris alpina), 4 pilros tridáctilos (Calidris alba), 24 píllaras reais (Charadrius hiaticula), 41 mazaricos chiadores (Numenius phaeopus), algún bilurico claro (Tringa nebularia) e gabitas (Haematopus ostralegus).

As gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus), fixeron acto de presenza na marisma, destacando as xuvenís de bonita cor, así como 22 garzas reais (Ardea cinerea) e 7 garzotas (Egretta garzetta).

E mirando cara ao fondo, no illote Tourís, 17 cullereiros (Platalea leucorodia), en paso posnupcial.

Aínda é un pouco cedo para gozar da exuberancia do Vao, pois aínda non chegaron nin os asubiadores (Anas penelope) nin os patos rabilongos (Anas acuta), cercetas (Anas crecca), culleretes (Anas clypeata), virapedras (Arenaria interpres), píldoras cincentas (Pluvialis squatarola), pilros gordos (Calidris canutus), mazaricos rabinegros (Limosa limosa) etc., etc., aínda que agora si pode "caer" algún pilro ferruxento (Calidris ferruginea) ou pilro pequeno (Calidris minuta), pero dentro dun tempo a marisma converterase nun espectáculo inesquecible.

 

 
AVES MARIÑAS DE PUNTA PATEIRO
18/07/2014

Hai un cabo ideal no Grove para as primeiras horas dunha mañá de verán ou das finais de outono que se chama Punta Pateiro.

Esta punta de San Vicente do Grove formada por grandes “bolos” (formacións graníticas moi antigas) é un saínte cara ao mar xusto na esquina NW do concello e que fai de bisagra entre as rías de Arousa e de Pontevedra.

Desde el divísanse cara á ría arousá, o illote do Pombeiro, próximo á costa (no que crían as gaivotas patiamarelas e onde hai grandes concentracións de corvos mariños cristados), a illa de Cortegada e o seu arquipélago formado pola mole pétrea de Noro, a branca Vionta e outros illotes pertencentes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Na ría de Pontevedra vese outra illa, grande, tamén pertencente ao Parque Nacional, Ons e a punta de Con Negro, lugar de descanso de corvos mariños e láridos.

Pero nesta sección resaltamos que un dos valores deste cabo é a observación de aves mariñas que durante a súa peregrinación migratoria cara a outras latitudes pasan acariñando a costa meca.

Por dar algúns datos, desde Pateiro observáronse nunha soa xornada centos de mascatos atlánticos de distintas idades que, formando rosarios na liña do horizonte, se dirixían cara a rexións mariñas máis sureñas.

Tamén pardelas baleares, aves en “perigo crítico de extinción”, que no seu peregrinación entre o golfo de Biscaia e as Illas Baleares fan un alto para aproveitar os recursos alimenticios que lles ofrecen as rías. Como exemplo, un 4 de outubro observáronse 1004 pardelas durante 3 horas. Isto demostra a importancia das Rías Baixas galegas para a supervivencia desta especie moi ameazada, que só cría nesas afastadas illas mediterráneas.

Os corvos mariños cristados son especie “vulnerable” e emblema do noso parque, porque nel se atopa a maior colonia española. Estes corvos mariños adoitan agruparse polas mañás en Ons onde pernoctan e forman bandos que se dirixen cara ás ricas augas de Arousa, onde se alimentan, pasando moitos deles entre Pateiro e o illote Pombeiro.

Un día, durante dúas horas de observación, contáronse 507 exemplares.

Outras aves que se poden ver desde o cabo, e non só en migración, senón que van e veñen entre unha e outra ría son: pardelas cincentas, pentumeiros, palleiras grandes, carráns cristados, gaivotas patiamarelas, cabecinegras, choronas, escuras, gaivotóns atlánticos, corvos mariños grandes, carolos, algún paíño europeo, así como grupiños de limícolas e outras especies non mariñas que pasan rozando esta fermosa punta.

 

 
OS CIRRIOS
02/07/2014

Ilustración: Encarna González "niño".

Os cirrios (Apus apus) son aves urbanas, fascinantes de observar en voo.

Desde África chegan a España a finais de abril para facer os niños nos ocos dos edificios e marchan en agosto a pasar o resto do ano nos ceos do continente africano.

Os cirrios son a adaptación extrema á vida aérea, con alas longas en forma de sabre e cor escura. É a ave máis rápida en voo horizontal e a única capaz de copular en voo. Poden permanecer dous anos no aire sen pousaren (pois só o fan cando aniñan), e dormen voando, por enriba dous 1000 m de altura.

Por seren aves que só se alimentan de insectos, son beneficiosas para o home, porque axudan a limpar as cidades de moscas e mosquitos. E ademais non producen sucidade nas fachadas nin causan danos nos edificios.

Malia todo, son especies vulnerables e o seu número descende en toda España.
A razón principal é que estas aves aniñan nos ocos de edificacións vellas ou antigas e durante anos as restauracións arquitectónicas non coidadosas taponaron estas cavidades, o que supuxo a desaparición de niños; ademais, a nova edificación non lles ofrece ningunha posibilidade, xa que as técnicas de cerramento non deixan buratos, polo que anulan lugares útiles para a nidificación.

Para contrarrestar estes inconvenientes, en Europa protéxense os cirrios. Para iso planifícanse e prográmanse os traballos de intervencións en obras de maneira que se respecte o seu ciclo vital, habilitando ocos que permitan a reprodución ou instalando niños artificiais que compensen as perdas de niños existentes. En España isto aínda está moi lonxe.

Por sorte, no concello do Grove aínda quedan edificios onde os cirrios poden aniñar pola abundancia de fendas, barroteiros, ocos de tellas, beirados, cornixas e outros espazos.

Sería fundamental que en próximos proxectos de restauración ou proxectos de nova planta se tivesen en conta estes animais, de forma que se favoreza a súa presenza e aniñadoiros, deixando lugares apropiados para que os ocupen ou colocando caixas niño para cirrios, compatibilizando así o hábitat humano co das aves.

Os cirrios son bos para o ser humano. Debemos seguir compartindo con eles os nosos veráns e os nosos edificios, porque limpan as cidades de millóns de moscas e mosquitos e porque está demostrado que son uns excelentes bioindicadores de calidade de vida das cidades.

Como as flores ou as árbores, os cirrios co seu chío (“chrrríííí...!”) e as súas acrobacias incansables entre calellas e prazas, non só traen fermosos recordos de infancia, senón que levan vida e alegría ao mesmo corazón meco.

 

 
A GALIÑOLA NEGRA E A LAGOA DA BODEIRA
18/06/2014

A galiñola negra (Fulica atra) é unha ave acuática de cor totalmente negra e con peteiro e escudete frontal brancos. É unha especie nadadora e moi boa mergulladora e que se alimenta, sobre todo, de sementes e partes verdes de plantas de auga.

Esta especie foi elixida pola Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) Ave do Ano 2014 debido a que ultimamente a súa poboación está sufrindo un gran declive en Galicia.

As principais ameazas coas que se enfronta teñen que ver cos problemas de conservación que nos últimos tempos sofren as nosas zonas húmidas.

Algúns destes problemas son: a proliferación de especies exóticas invasoras, tanto vexetais como animais. Así, peixes e cangrexos foráneos compiten coa galiñola negra para a obtención de alimento ou o visón americano, mamífero voraz que depreda directamente sobre esta especie.

Tamén a alteración dos humedais lle afectan á galiñola negra debido á construción de infraestruturas ou á falta de xestión dun gran número de espazos húmidos de Galicia.

Aquí, na costa NW do concello do Grove, detrás da praia de Mexiloeira e do seu complexo dunar, hai unha pequena lagoa litoral ben conservada, a Lagoa da Bodeira, de augas tranquilas e abundante vexetación palustre e mergullada, onde aínda hai galiñolas negras que poden ser vistas todo o ano.

Varios exemplares invernan na lagoa e algunhas parellas nidifican, formando un niño flotante feito de canas e xuncos que dobran e onde sacan adiante unha prole de varios polos dos que se encargan ambos os proxenitores.

Pero non só as galiñolas negras elixen este espazo protexido, senón que aquí se reproducen tamén os mergullóns pequenos, as galiñolas (aves parecidas ás galiñolas negras, pero non tan nadadoras e co peteiro e o escudete vermellos) e os parrulos máis comúns, os patos-reais, ademais dun gran número de paxariños que senten preferencia por toda a vexetación que rodea este tranquilo lugar.

A galiñola negra é un bioindicador do estado e dos problemas de conservación dos nosos humedais, por iso debemos procurar que continúe ocupando a lagoa litoral da Bodeira, porque mentres haxa galiñolas negras teremos calidade de vida.






 
DUNAS E ALGAS
04/06/2014

Como xa se comentou anteriormente, as píllaras das dunas son aves ameazadas en Galicia, ademais, de toda a costa norte de España, só nidifican na nosa comunidade, e de todo O Salnés, só elixen tres praias do Grove para aniñar.

A que se debe esta preferencia polos areais grovenses?

O seu nome galego xa o di: píllara das dunas.

Na península de Ou Grove aínda quedan praias con dunas.

Pero, por que estas píllaras necesitan as dunas?

Aínda que estas limícolas pasan a maior parte da súa vida na praia, a duna móbil é un microcosmos de vida que coida delas, pois posúe valiosas plantas como: Kakile maritima, Honckenia peploides, Euphorbia paralias, Otanthus maritimus, Malcomia littorea, Eryngium maritimun, Euphorbia paralias..., que ademais de protexeren os poliños de píllara das dunas da dura acción do mar e dos ventos, danlles sombra cando os implacables raios de sol caen ao mediodía ou calor cando baixan as temperaturas.

Tamén os esconden dos corvos pequenos que poden depredar polos, e de depredadores domésticos (cans na praia), que causan mortaldade en xuvenís, xa que ata as catro semanas de vida non son capaces de voar.

A duna resgárdaas do estrés e das molestias que lles causa a forte presión humana do verán. E para rematar, entre as plantas dunares as píllaras das dunas atopan alimento, pois esta comunidade vexetal alberga gran cantidade de insectos que manteñen as píllaras cando as circunstancias as obrigan a quedaren escondidas. E non só píllaras das dunas, senón que lavandeiras comúns, lavandeiras amarelas, lavercas e outras moitas especies viven a expensas deste espazo natural.

Pero a principal fonte alimenticia destas limícolas está na area da praia e son os invertebrados, como pequenos crustáceos e poliquetos que veñen nas algas e que as mareas depositan na beira. Por iso, para a conservación desta especie vulnerable é moi importante facer unha limpeza respectuosa das praias e non retirar as algas. Só hai que limpar a sucidade: plásticos, metais, vidros, cabichas, papeis e demais desperdicios que nós tiramos.

Xa é hora de que entendamos que as algas non son lixo. É hora de saber que as algas son un elemento natural da praia que lle achega alimento e nutrientes á flora e á fauna do ecosistema litoral. As algas son parte da praia, igual que as pedriñas, as cunchas, os grans de area, as plantas, insectos..., ou as píllaras das dunas.

 
<< Inicio < Anterior 11 12 13 14 15 16 17 18 19 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English