Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
ONDE VER GANSOS EN ESPAÑA?
07/04/2015


Con este titular, o último número da revista Aves y Naturaleza, de SEO/BirdLife, publica un artigo cos 10 mellores lugares de España para observar gansos.

Comenta que todos os gansos (a excepción do ansar bravo), que chegan á península Ibérica en busca de alimento e mellores condicións climáticas desde a Europa setentrional e Asia, fano entre finais de novembro e mediados de febreiro, época que corresponde á invernada.

Neste período e nestes 10 espazos privilexiados: marismas do Guadalquivir, delta do Ebro, veigas altas do Guadiana, encoros de Azutrán e Castejón, Azud de Río Lobos, lagoas da Nava, Boada e Pedraza, lagoas de Villafáfila, Santoña, O Grove e ría do Burgo, poden observarse cinco especies de gansos ou anser (careto, bicocurto, campestre e bravo) e dous gansos do xénero branta (ganso de cara branca e ganso de cara negra).

Os gansos do xénero anser frecuentan humedais, arrozais, zonas de regadíos, encoros e estepa cerealista do norte da Meseta. Os branta, máis escasos que os anser, comparten con eles estes mesmos lugares de alimentación, sobre todo o ganso de cara branca, mentres que o ganso de cara negra, aínda menos frecuente, aparece en humedais e pastizais da cornixa cantábrica e Galicia. E aquí o artigo cita O Grove.

É certo que todos os invernos se ven brantas e ata algún ganso bravo na nosa localidade.

No ano 2013 divisáronse durante varias semanas un ganso bravo (Anser anser) e un exemplar de ganso de cara branca (Branta leucopsis), anelada en 2004 no suroeste de Escocia, pero durante este inverno observáronse na enseada do Vao, cinco gansos de cara negra (Branta bernicla bernicla), e un ganso de cara negra, pero da subespecie rhota (Branta bernicla rhota), aínda máis raro que os anteriores e, xa que logo, máis difícil de observar.

Con estes testemuños ornitológicos, queda patente que durante o inverno os espazos naturais do Complexo Ons-O Grove son un bo lugar para a observación de gansos do xénero branta.


 

 
REDE NATURA 2000 NO GROVE
23/03/2015

A Rede Natura 2000 é a rede de espazos protexidos máis extensa do mundo.

É o principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea. A súa finalidade é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os tipos de hábitat en Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade.

Consta de Zonas Especiais de Conservación (ZEC) relativas á conservación dos espazos naturais e de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) relativas á conservación das aves.

Pero que lle ofrece á sociedade a Rede Natura 2000?

Ofrece novas oportunidades para o desenvolvemento, promovendo a conservación da natureza á vez que potencia o desenvolvemento sostible e a economía.

É unha fonte de bens e servizos ecosistémicos promovendo para a humanidade: almacenamento de carbono, formación do chan, polinización, calidade das augas, protección fronte a inundacións e secas...

É motor de economía e o emprego xerando turismo de natureza, actividades recreativas, proporcionándolles axudas aos compromisos agroambientais, á pesca artesanal, responsable e sostible...

Ademais está probado que beneficia seriamente a saúde tanto física como mental. Hoxe fálase do trastorno por déficit de natureza que produce serios problemas: incremento da obesidade, enfermidades respiratorias, estrés...

Con todo, o goce da natureza diminúe a frecuencia cardíaca e a presión arterial, diminúe o risco de desenvolver enfermidades cardiovasculares, aumenta a produción de vitamina D, mellora a recuperación de enfermidades e aumenta a resposta inmune, fortalece o sistema nervioso e incrementa os linfocitos, o que evita enfermidades e tumores.

Fornece tamén alimentos naturais, ofrece escenarios para crear hábitos saudables como son as actividades ao aire libre, a relaxación etc.

En España estímase que o desenvolvemento da Rede Natura 2000 suporá un incremento do PIB de entre 0´1 a 0,26%.

Por sorte, unha parte do concello do Grove é Rede Natura 2000, tanto en espazos ZEC, aqueles de gran calidade natural: enseada do Vao, monte A Siradella, praia e istmo da Lanzada, Lagoa da Bodeira, duna e praia da Mexiloeira e zona litoral que se estende desde a praia da Mexiloeira ata Pedras Negras. E lugares ZEPA, os importantes pola súa acolleita de aves: inclúen ademais da enseada do Vao, a praia e istmo da Lanzada, praia e duna de Mexilloeira,  Lagoa da Bodeira, e todo o contorno mariño que rodea o concello.

Con esta extensión de espazos de alto valor natural, a península grovense ofrécelles unha excelente calidade de vida aos seus habitantes e a quen nos visita.

Só nos queda volver á natureza e gozar dos seus bens, pero con coidado e respecto, e que mellor que a Rede Natura 2000.

Nas nosas mans está preservar e ata ampliar estes beneficios para anos vindeiros.

 

 
FERIA INTERNACIONAL DE TURISMO ORNITOLÓGICO
06/03/2015


Como cada ano, o Concello grovense levou a súa proposta para promocionar as aves (PIO) ao Parque Natural de Monfragüe, Estremadura, onde se celebrou durante os días 27, 28 e 1 de marzo de 2015 a Feria Internacional de Turismo Ornitológico, na súa décima edición.
Nesta feira, a máis importante en ornitoloxía de todo o sur de Europa, danse cita tanto profesionais do sector (óptica, publicacións, material de natureza e outros), como institucións públicas, asociacións conservacionistas e afeccionados ás aves.

Este ano máis de 10.000 visitantes pasaron pola FIO e puideron participar en diversas actividades: xornadas técnicas, rutas guiadas, concursos de fotografía ou obradoiros.


O Concello do Grove, ao estar incluído no Complexo Ons-O Grove, convértese nun dos espazos naturais máis importantes de Galicia e un dos máis importantes de España para practicar o birdwatching (observación de aves), por iso no falta na FIO un posto dedicado ao noso valioso patrimonio natural, onde se informa da diversidade de aves da nosa comarca, cando velas, en que puntos…

Tamén se impartiu información acerca da nosa grande oferta hostaleira, a exquisita gastronomía e outros atractivos locais.


Centos de persoas puideron coñecer O Grove desde Estremadura e mostraron moito interese por todos os valores da nosa fascinante península, especialmente polas súas aves.

 
VI CONGRESO GALEGO DE MEDIO AMBIENTE E SAUDE
19/02/2015


Do 23 ao 27 de febreiro celebrarase na aula Magna do Centro de Convencións Hotel Balneario Isla de La Toja, Concello do Grove, o VI Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde (LV Curso de Saúde Ambiental).

Durante toda esta semana exporanse diferentes relatorios relacionados co tema central do Congreso “O medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, saúde e benestar á poboación”.

No que a aves se refire, neste Congreso a SEO (Sociedad Española de Ornitología), grupo local Pontevedra, presentará o martes 24 de Febreiro ás 10:00h o relatorio monográfico: “Evolución dá cría dunha especie vulnerable na Comarca do Salnés: píllara dás dunas (Charadrius alexandrinus). Resultados dá campaña 2014”

Con esta monografía exporemos que a píllara dás dunas ou chorlitejo patinegro non é un problema para unha localidade, senón un privilexio, xa que é un bio-indicador das excelentes condicions das súas praias.

Polo tanto a píllara das dunas, ave protexida, debería ser un reclamo turístico de calidade de vida, pero é necesario tomar medidas activas de conservación para que cada ano volva a nidificar nos areais do Salnés.



 


 

 
DAS AULAS AO CAMPO
13/02/2015

 


Un ano máis dentro da campaña de divulgación ornitolóxica do programa de PIO tocaba levar os nenos dos centros de ensino público do Grove ao campo.

Case 150 nenos pasaron pola enseada do Vao e contorna, nas xornadas divulgativas para dar a coñecer un dos valores naturais máis importantes deste concello: as aves.

Pois non só O Grove destaca pola súa Festa do Marisco, as súas praias ou os seus balnearios, senón tamén polas máis de 13.000 aves que pasan aquí o inverno e que o converten nun dos referentes de Galicia e de España no que a aves se refire.

Durante varios días e da man de SEO (Sociedad Española de Ornitología), os nenos recibiron explicacións nas aulas acerca dos trazos morfolóxicos e dos cantos das aves que invernan nesta localidade. Explicóuselles tamén de onde veñen, por que pasan os meses fríos neste lugar privilexiado, de que se alimentan ou como se cobre un caderno de campo.

Logo, nunha serie de saídas guiadas, visitaron distintos puntos da enseada do Vao e da baía da Lanzada e cada un, cos seus prismáticos, as súas guías de aves, os seus cadernos de campo e varios telescopios puido observar sobre o terreo cullereiros, garzas, garzotas, mazaricos reais, píldoras douradas, pilros comúns, pilros tridáctilos, gabitas, píllaras reais, gaivotas cabecinegras, pato rabilongos, asubiadores, colimbos grandes, pentumeiros comúns... que sorprenderon gratamente os pequenos.


O obxectivo destas xornadas ornitolóxicas promovidas polo Proxecto PIO do Concello do Grove, coa colaboración de SEO-Pontevedra, é darlles a coñecer aos máis novos o patrimonio natural do seu municipio, para que aprendan a respectalo, xa que eles serán os herdeiros e encargados de conservalo para o futuro.


 

 
<< Inicio < Anterior 11 12 13 14 15 16 17 18 19 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English