Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
AS ALGAS NON SON LIXO
15/08/2016

Píllara das dunas dunha praia do O Grove. Fotografía de Juan Gómez.

Estamos afeitos considerar as praias como parques urbanos, como lugares de lecer ou meros obxectos de consumo, e as praias nin son espazos artificiais nin simples extensións de area estéril, senón que son ecosistemas naturais e vivos, polo que deben tratarse de forma respectuosa e coidadosa para que conserven a súa boa saúde, da que todos nos beneficiaremos.

Son as algas varadas na area os bioindicadores do bo estado de conservación das praias, xa que lles proporcionan múltiples beneficios:

1º. As algas son hábitat e alimento de máis de 50 especies de macroinvertebrados, algúns protexidos, e como esta é unha web dedicada ás aves, cómpre dicir que estes pequenos invertebrados son á súa vez o alimento de distintas aves, como a píllara das dunas, especie ameazada e protexida en Galicia.

2º. Se estas poboacións de animais consumidores de algas están en bo estado, serán elas as encargadas de eliminar de forma natural as algas da area.

3º. Os nutrientes que liberan as algas varadas na beira volven finalmente ao mar, deste xeito fertilízano e favorecen a súa produtividade.

4º. As algas, ademais, reteñen a area arrastrada polo vento e son as encargadas de fertilizar tamén as plantas dunares pioneiras, o que propicia así a formación da duna. E é sabido que as dunas son as que protexen a costa da erosión do mar e do vento, ademais de seren as reservas de area das praias. Se as dunas se destrúen, as praias tenden a erosionarse e desaparecer.

Todo este proceso forma parte da cadea trófica costeira que garante a boa saúde da praia.

Pero cando as algas varadas nas beiras se eliminan artificialmente estase provocando unha grave alteración ecolóxica que dá lugar a praias estériles e insalubres.

A praia da Lanzada, no Grove, está dentro da Rede Natura 2000 (que é a rede de espazos protexidos máis importantes de Europa, cuxa función é asegurar a supervivencia dos hábitats e as especies que os ocupan), e forma parte da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife.

Ademais, está clasificada polo Plan de conservación da píllara das dunas da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, como Área Prioritaria de Conservación ou, o que é o mesmo, espazo vital para a supervivencia da píllara das dunas, especie ameazada en Galicia.

Por todo iso, o Concello do Grove tomou a decisión de non facer limpeza mecánica e non pasar a máquina cribadora de area pola Lanzada, só se fará en casos moi puntuais e logo de pedir as autorizacións correspondentes. A cambio, a limpeza será manual e selectiva. Só se retirarán plásticos, vidros, latas...

Tamén hai que engadir que se retiraron as illas de colectores de residuos que había no areal que, asemade de seren focos de atracción de depredadores, facían que a camioneta de recolleita circulase pola area poñendo en perigo animais e plantas.

Por todo isto o Concello do Grove está sendo todo un exemplo de que a conservación do patrimonio natural é perfectamente compatible co turismo de sol e praia, e sabemos que outros concellos costeiros xa se están interesando polo seu modelo respectuoso coa natureza e que lle ofrece á vez ao turista praias sas e naturais.

Recordemos que as algas non son lixo, senón un elemento natural dos nosos areais. Xa que logo, debemos respectar as algas depositadas na ribeira.

 
RESULTADO DAS XORNADAS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL NA LANZADA
27/07/2016

Macho y polos de píllara das dunas do niño 4. Foto de Luís Mario Arce.

Aproveitando que este mes foi bo para observar pitos de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), nados na praia da Lanzada antes de que poidan voar e abandonen o areal, o Concello do Grove e o grupo local SEO-Pontevedra organizamos durante varios días unhas xornadas de sensibilización a pé de praia.

Logo de localizar o grupo familiar do niño 4 (2 poliños e 1 adulto), os voluntarios do grupo local, vixiantes de Medio Ambiente e técnico e concelleira do Concello do Grove montamos os cinco telescopios na area e invitamos os bañistas a observar as píllaras.

Unha vez que os miraban polo ocular sorprendíanse, facendo as delicias da xente, que por momentos ata se apiñaba fronte aos telescopios.

Fotografía de E. González.

Ocasión idónea para explicarlles as medidas de protección que se están utilizando coas aves e sobre todo que as algas non son lixo, porque nelas as píllras atopan a súa fonte principal de alimento, e que ademais as algas son quen de manteren viva e sa a praia, porque reteñen a area e fertilizan o mar e as plantas dunares. Por iso o Concello do Grove tomou a decisión de retirar a máquina cribadora da Lanzada e de limpala de forma selectiva e manual.

Tamén lles comentamos que as illas de recolleita de residuos situadas na praia foron retiradas, porque eran focos de atracción de depredadores e facían que a camioneta de recollida circulase pola area, podendo eliminar niños ou matar polos, ademais de destruír vexetación dunar.
Agora cada persoa debe ser responsable do lixo que xera e só ten que facer un sinxelo xesto: levar a súa bolsa aos colectores de recollida instalados nos aparcadoiros.

E que non debemos levar cans á praia, porque os cans poden depredar pitos, debido a que as píllaras non teñen capacidade de voo ata os 28-30 días de vida.

Fotografía de E. González.

Esta forma de limpar a praia é a que se está utilizando nos países máis desenvolvidos. É o xeito de protexer a natureza asemade que se coida o turista, ofrecéndolle praias naturais e saudables.

As Xornadas de Educación Ambiental foron todo un éxito e a xente mostrouse moi comprensiva coas medidas adoptadas na Lanzada e encantada de coñecer as píllaras das dunas.

 
XORNADAS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL NA LANZADA
22/07/2016

Poliño de píllara das dunas do niño 3 da Lanzada. Foto de Juan Gómez.

Durante a ponte de Santiago (sábado 23 e luns 25 de xullo), realizaranse unhas Xornadas de Educación Ambiental na praia da Lanzada, en horario de 10:30 a 12:00 da mañá, organizadas polo Concello do Grove e SEO-Pontevedra e guiadas por ornitólogos desta organización.

As xornadas teñen a finalidade de sensibilizar os usuarios da praia a cerca da importancia que ten a conservación das píllaras das dunas da Lanzada —–especie ameazada e protexida—, da función primordial que cumpren as algas varadas na beira para manter a praia sa e viva e da nova forma de limpeza do areal adoptada polo Concello, respectuosa co medio ambiente e compatible co turismo.

Contarase con material óptico para a observación dos pitos de píllara das dunas.

Este evento é gratuíto e todas as persoas interesadas quedan invitadas!

 
PITOS ORFOS
30/06/2016

 

Por estas datas, millóns de poliños se lánzanse á aventura para descubrir como é a vida fóra do niño. Na maioría de especies este salto dáse antes de que as novas aves teñan completamente desenvolvidas as aptitudes de voo, pero iso non é problema porque seguen contando co coidado dos seus pais e, aínda que non o pareza, o risco de predación adoita ser menor que no niño.

Aos perigos que supoñen os depredadores, hailles que sumar outro de orixe insospeitada: o bo samaritano axexa

A maioría de pitos non son orfos, son volantóns

Os volantóns son aves que aínda non voan ben, pero saltan con axilidade e dan curtos voos. Cando as vexas, non penses que necesitan a túa axuda, de feito é xusto o que non necesitan, os seus pais estanse encargando deles aínda que non os vexas (non se van achegar mentres esteas preto da súa cría).

Por se isto fose pouco, hai especies nas que as crías abandonan o niño moito antes de poderen voar.

A lei tamén ten algo que dicir

A Lei de conservación de espazos naturais e da flora e fauna silvestres deixa claro que está prohibido tanto a recolección de crías como a súa tenencia, especialmente de aves rapaces e insectívoras, entre outras.

Ao atoparnos cunha ave protexida que poida necesitar a nosa axuda, xa sexa unha cría ou un adulto, o primeiro é contactar cos axentes medioambientais da nosa comarca ou coa policía municipal da cidade chamando ao 112.

Crías realmente orfas

Malia o dito anteriormente, algunhas crías caen do niño antes de tempo. Adoitan recoñecerse porque apenas están emplumadas, non poden dar curtos voos, e case nin poden saltar. Nestes casos acostuma ser imposible restituír a ave ao seu niño, e mentres os pais teñan máis fillos no niño non se van a ocupar do que caeu. Sempre hai que intentar levar a ave a un centro de recuperación onde se encarguen dela. Criar á man un pito é unha tarefa que require moita dedicación, teñen que comer cada pouco tempo e non calquera cousa, senón unha pasta elaborada especialmente para eles. Ademais estas aves criadas á man por nós é fácil que se “impronten” e no futuro asocien o ser humano con comida ou ata cos seus pais, o que fai case imposible que sobrevivan en liberdade. Intentar criar un pito por nós mesmos é a última posibilidade para contemplar.

A excepción dos cirrios

Os cirrios (Apus apus), son aves moi especiais, pasan a súa vida no aire e non están adaptados a pousar no chan, desde onde teñen moitos problemas para despegar. Por isto cando atopamos un cirrio no chan (adulto ou cría) seguro que necesita axuda.
Os adultos en ocasións golpéanse ao intentar entrar ao niño e caen ao chan aparvados. Se non romperon nada bastará con poñelos na palma da man, o máis alta posible, nun sitio aberto, e se o cirrio está capacitado para voar sairá desde a nosa man. Nunca hai que lanzalo ou impulsalo, se está listo sairá voando polos seus propios medios desde a nosa man.

No caso das crías de cirrio hai que recorrer de novo a un centro de recuperación, hainos ata especializados en criar cirrios orfos. Se isto resultase imposible, hai que documentarse moi ben, pois os cirrios son aves moi especiais que requiren coidados moi específicos.

Cousas que nunca debemos facer

- Non collas un pito sen estar cento por cento seguro de que está abandonado e necesita axuda; ante a dúbida, déixao onde está.

- Non molles o peteiro do pito para darlle de beber, se entra auga polas súas narinas (orificios polos que respira) é probable que lle ocasiones unha dolorosa morte por pneumonía. A auga débea obter do seu alimento, se crees que ten sede, por levar caído moito intre sen a atención dos seus pais, molla un escarvadentes, e a pinguiña que quede na punta deposítase na comisura do peteiro, verás como a bebe.

- Non o alimentes con leite e pan ou galletas. É un pito, non un bebé. O leite non o dixire correctamente e o pan e a galleta non cobren as súas necesidades alimenticias.

- Non danes a súa plumaxe, cada vez que colles o paxariño coa man, as súas plumas dánanse. Hai que tocar o mínimo posible as súas plumas, recorda que a súa supervivencia dependerá do estado da súa plumaxe.

 
OS NENOS DO COUREL E AS AVES DO GROVE
17/06/2016

Esta semana desde Folgoso do Courel (Lugo), os alumnos do colexio Uxío Novoneyra achegáronse ao Grove para coñecer as aves da súa Reserva Ornitolóxica.

Os nenos de diferentes idades foron recibidos no Concello, onde os ornitólogos de SEO-Pontevedra lles impartiron unha charla sobre as aves da Reserva e dos ecosistemas que ocupan.

Finalizada a teoría, a cada pequeno entregóuselle unha guía de aves e uns prismáticos e con entusiasmo e guiados polos ornitólogos saíron ao campo a poñeren en práctica o aprendido.

A excursión empezou na duna e praia da Mexiloeira, onde puideron apreciar o valor das plantas dunares, o papel fundamental que xogan as algas varadas na beira para o ecosistema litoral ou ver incluso algunha xoia endémica da costa areosa galega como a “Vulnerable” Allyssum gallaecicum.

Armados co seu material óptico percorreron tamén a contorna da Lagoa da Bodeira, aprendendo a recoñecer o canto dos paxariños da foresta e das aves acuáticas lacustres, así como a identificar a súa interesante vexetación palustre.

Para finalizar a xornada, e aínda que o tempo non acompañou,os nenos foron ata a praia da Lanzada coa intención de coñecer outra marabilla costeira ameazada en Galicia, a píllara das dunas, os seus poliños e as medidas de conservación que se están adoptando.

Os pequenos pasárono estupendamente e desde O Grove levaron á Galicia máis interior non só adhesivos, revistas infantís de SEO/BirdLife ou folletos de aves do Proxecto Pio, senón tamén a semente da curiosidade pola natureza en xeral e polas aves en particular.



 

 
<< Inicio < Anterior 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English