Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
PRIMEIROS POLIÑOS DE PÍLLARA DAS DUNAS 2018
23/05/2018

Femia anelada de píllara das dunas. G. Ferreiro.

Xa están nidificando as píllaras das dunas (Charadrius alexandrinus), na área do Salnés, máis concretamente nunha das praias do Grove.

O primeiro niño con tres ovos, cuxa femia que é habitual desta praia e está anelada, descubriuse no lado norte do areal. O mesmo día e nesta zona norte apareceu un segundo niño tamén cunha posta de tres ovos.

Un terceiro foi localizado ao día seguinte no lado sur, pero cun só ovo. Xa pasados uns días a posta completouse con dous ovos máis.

Estes niños están protexidos e vixiados por voluntarios de SEO-Pontevedra.

O 21 de maio xa naceron os primeiros pitos, que corresponden ao primeiro niño.

Estes días tamén se anelaron con códigos de lectura a distancia varias píllaras das dunas, concretamente outras dúas femias adultas.

Nas praias de Sanxenxo aínda que houbo presenza de adultos na primavera, as píllaras non chegaron a aniñar, xa que as molestias nestes areais son maiores.

Todos podemos colaborar na conservación dos poliños de píllara das dunas, especie que está en perigo de desaparecer das praias de Galicia.

Só hai que cumprir a lei: NON LEVES CANS Á PRAIA!


"Gaiola" e parcela de exclusión protectora.

 

 
AVES SAGRADAS
12/05/2018

Mobella grande, Gavia immer. A Lanzada. 24/04/2018. G. Ferreiro.

Ultimamente todos os entusiatas das aves gozamos das belísimas mobellas grandes (Gavia immer), aves acuáticas que nadan e se mergullan con moita axilidade. Como xa se comentou nalgunha ocasión, as mobellas grandes europeas nacen moi lonxe, nos lagos dos bosques boreais e da tundra de Islandia.

Mentres permanecen neste país, as mobellas, cunha vistosa plumaxe, son aves lacustres (que viven en lagos), ata que os rigores invernais os obrigan a migrar e transfórmanos en aves mariñas que se dispersan polos esteiros e baías das costas occidentais de Europa, chegando ata Galicia.

Nas nosas costas durante o inverno, as mobellas grandes teñen cores discretas de tons ruzos e brancos, pero na primavera prepáranse para volver ás súas zonas de cría engalanándose para as nupcias cun rechamante dorso negro moteado de branco, ollos vermellos e cabeza e pescozo negros con colares inmaculados.

É agora (antes regresaren á afastada Islandia), cando podemos deleitarnos coa beleza destes simbólicos animais: aves sagradas para moitas tribos dos Estados Unidos, ave símbolo da provincia de Ontario e do estado de Minnesota (que aparece na súa moeda de cuarto de dólar). Tamén os canadenses levan a súa imaxe na moeda dun dólar, chamada “loonie”, mobelliña, en alusión ao seu nome “loon”, mobella.

A baía da Lanzada é o lugar idóneo para observar estas aves sagradas!

Un dollar canadense.

 
XORNADA SOBRE “AVES MARIÑAS REPRODUTORAS DE GALICIA”
27/04/2018

Ilustraciones e diseño: Encarna González.

O próximo 5 de maio celébrase na Reserva Ornitolóxica do Grove, concretamente na Sala das Cunchas do Concello: “Aves Mariñas reprodutoras de Galicia”, xornadas técnicas convocadas pola Sociedade Galega de Ornitoloxía, en colaboración con SEO-Pontevedra e o concello grovense.

Nestas xornadas, ornitólogos de diferentes ámbitos galegos revisarán a situación da avifauna mariña galega reprodutora asociada ao mar, como a a píllara das dunas, o corvo mariño cristado, gabita, paíño pequeno, gaivotón atlántico, gaivota patiamarela, gaivota tridáctila e gaivota escura.

Para finalizar haberá un debate-coloquio sobre as prioridades para a conservación das aves ameazadas en Galicia.

O obxectivo destas xornadas é analizar a situación dalgunhas aves reprodutoras galegas asociadas ao mar e outras especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, para poñer de manifesto a crítica situación de desamparo na que se atopan e a necesidade de aplicar medidas urxentes para frear o seu preocupante declive.

Programa das Xornadas

-10:00 h. Presentación.

-10:15: Aves mariñas reprodutoras en Galicia I. Álvaro Barros.

-11:00 h. Aves mariñas reprodutoras en Galicia II. Xurxo Mouriño.

-11:45 h. Pausa.

-12:15 h: A píllara das dunas. Gustavo Ferreiro.

-13:00 h: Prioridades para a conservación das aves ameazadas en Galicia. Debate-coloquio.

 
XORNADA TÉCNICA DE CONSERVACIÓN DA PÍLLARA DAS DUNAS
18/04/2018

Píllara das dunas macho A Lanzada. 15/4/2018. G. Ferreiro.

 

O próximo 20 de abril a partir das 10:30 da mañá, na Sede do Parque Natural de Corrubedo (Ribeira), terá lugar unha Xornada Técnica sobre a Xestión e Conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), organizada polo Grupo de Traballo de conservación desta especie en Galicia.


Este Grupo de Traballo está composto por diversos Organísmos públicos e ONG conservacionistas como son: Xunta de Galicia (Servizo de Conservación da Natureza), Universidade de Santiago de Compostela, concellos como O Grove ou Carballo e ONG como Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO-BirdLife Pontevedra), Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)...


O obxectivo destas Xornadas é involucrar máis concellos galegos (e que teñen unha importante presenza de píllaras das dunas nas súas praias), na conservación desta especie protexida, así como aos organismos que velan polo cumprimento da lei en relación coa natureza, como policías autonómicas ou Seprona.


Ao longo da mañá trataranse distintos aspectos relacionados coa bioloxía da especie, actuacións que se están levando a cabo en Galicia dentro do Plan de Conservación e diversos exemplos de intervencións en praias galegas para compatibilizar a conservación desta ave co uso lúdico e turístico dos areais. Tamén se reservará un espazo de tempo para debater e poñer en común cos concellos e demais asistentes.


Programa:


- 10:30 h. Presentación da Xornada. Jesús Domínguez (USC).


- 10:50 h. Aspectos da bioloxía da píllara das dunas de interese para o seu manexo e conservación. María Vidal (USC).


- 11:10 h. Problemática da conservación da píllara das dunas desde a óptica municipal. Experiencia do Grove. Ángeles Domínguez e Francisco Meis (Concello do Grove).


- 11:40 h. Contribución das sociedades conservacionistas á conservación da píllara dás dunas. Sociedade Española de Ornitoloxía. Encarna González e Gustavo Ferreiro. (SEO-Pontevedra).


- 12:00 h. Rolda aberta de intervencións.

 
CASIÑAS PARA BUFOS
02/04/2018

Ilustración e deseño: Encarna González.

O vindeiro 14 de abril o grupo local SEO-Pontevedra en colaboración co Concello do Grove, organizan gratuitamente un Taller Infantil de Construción de Caixas-niño para Moucho das Orellas, cuxo obxectivo non só é o fomento deste mouchiño de expresión doce, non moi coñecido e que lle achega beneficios e riqueza natural á nosa vida (que ademais se non ten ocos onde aniñar, adopta de bo grao as caixas-niño), senón tamén para para dar a coñecer aos nenos da localidade a natureza que os rodea, patrimonio imprescindible pero moi fráxil, para que aprendades a respectala e coidala, xa que eles serán os herdeiros e os encargados de conservala para o futuro.

O moucho de orellas, cuxo nome científico é Otus scops, é a nosa rapaz nocturna máis pequena. É reservado e adoita pasar inadvertido grazas á excelente camuflaxe que lle proporciona a súa plumaxe, case imposible de descubrir entre a ramaxe das árbores, aínda que resulta fácil de detectar polo seu canto inconfundible: un “pliú…pliú…” insistente e sonoro, que pode oírse nas noites primaverais, xa que é un migrador que chega a principios da primavera, cría aquí e a finais do verán retorna a África a pasar o inverno.

De carácter forestal, este bufo vive en zonas arboradas non moi densas e en parques urbanos. A súa dieta esencial é insectívora, aínda que en época reprodutiva se alimenta dalgún roedor, réptil, etc.

En xeral a tendencia das poboacións das aves nocturnas en España é negativa e iso tamén se ve reflectido no municipio do Grove.

Aínda que o moucho de orellas está ben representado e distribuído na península meca, como cría fundamentalmente nos ocos das árbores e a escaseza de buracos naturais, a diminución dos bosques e en definitiva a alteración dos seus hábitats naturais, xunto a outras circunstancias como a utilización de pesticidas en agricultura, está sendo determinante no declive destas nocturnas tan beneficiosas para o ser humano.

Se queres participar neste obradoiro de casiñas para bufos, recorda:

Data: 14 de abril de 2018.

Horario: de 10:00 a 14:00h.

Lugar: as 10:00 da mañan taller na sala das Cunchas, concello do Grove, e montaxe dos niños no Parque da Toxa.

Idade: de 8 anos en adiante.

As prazas son limitadas.

Información e inscripciones: 986 703 227 ou Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

 

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English