Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
FIO
17/03/2016

Durante os días 11, 12 e 13 de marzo unha nova edición da FIO (Feira Internacional de Turismo Ornitolóxico), abriu as súas portas no Parque Natural de Monfragüe, Estremadura.

Esta feira de ornitoloxía considerada a máis importante do sur de Europa nesta temática e a decana das feiras en España concentrou case un centenar de expositores e outra vez congregou uns16.000 visitantes.


A este evento asistiron tanto profesionais do sector (óptica, cámaras fotográficas, publicacións e demais material de natureza), como empresas especializadas en turismo ornitolóxico, institucións públicas, grupos ambientalistas etc.

Durante a feira, ornitólogos profesionais e afeccionados, nenos e adultos puideron gozar de conferencias, talleres de fotografía, concursos, xornadas de anelamento, visitas guiadas ao Parque Natural de Monfragüe e unha gran variedade de actividades infantís.

Un ano máis o Concello do Grove non quixo deixar de estar presente e de achegar a súa participación e fomento do destino turístico de ornitoloxía en Galicia, apostando por un modelo sostible de ecoturismo, principalmente agora que se creou a Reserva Ornitolóxica do Grove.


Este ano os operadores turísticos da Feira non soamente buscaban un produto especifico de turismo ornitolóxico, senón un destino global que combinase natureza, gastronomía e cultura, tan presentes no noso municipio e que cada ano elixen gran cantidade de persoas que veñen gozar dun espectáculo como o que ofrece este lugar.

Cun posto con diversidade de produtos promocionais da Reserva como folletos, carteis, camisetas... informáronse unhas 2000 persoas, non só da súa popular oferta gastronómica e cultural, senón dos seus importantes valores naturais e ornitolóxicos que converten O Grove nun dos lugares máis idóneos para practicar birdwatching, a observación de aves.


 

 
O OBSERVADOR DE AVES E O SEU EQUIPO
02/03/2016

A observación de aves é unha actividade moi pracenteira e que cada día conta con máis adeptos.

A diferenza doutras afeccións, observar aves pode realizarse cun escaso investimento en medios. A mellor ferramenta para o observador de aves é a paciencia, pero a paciencia hai que axudala cun pequeno equipo para que a saída ao campo sexa proveitosa.

O utensilio básico e principal do observador de aves son os prismáticos, sobre todo se as observacións se van realizar cun paseo ao longo dun carreiro (como pode ser o que transcorre pola contorna da Mexiloeira e a Lagoa da Bodeira). Uns prismáticos pequenos e luminosos son os máis recomendables, como os de 8x30, 8x42 ou 10x42.


Se na xornada de campo imos identificar aves a longa distancia e nun punto fixo de observación, o que adoita ser común para aves acuáticas (como as que se observan desde os observatorios ornitolóxicos que hai en torno ao Complexo Intermareal Umia-O Grove) ou aves mariñas (como as que se ven desde o observatorio da Pantoeira, na baía da Lanzada), entón o uso de prismáticos debe completarse cun telescopio. O telescopio pode multiplicar por seis o alcance dos prismáticos, o que transforma por completo a experiencia do observador, pero adoita ser un instrumento caro, que ademais necesita ir axustado a un bo trípode e, polo tanto, o peso pode superar os cinco ou seis quilos.

 

Outro utensilio imprescindible para progresar no coñecemento das aves son as guías de identificación. As guías de aves deben cubrir a totalidade das especies que podemos ver habitualmente nun territorio. As mellores guías son as que mostran debuxos de aves e non fotografías, xa que coas ilustracións se poden mostrar os trazos de cada especie de forma homoxénea respecto doutras similares. É importante que a guía resalte as características das aves que as diferencian doutras especies, que conte con mapas claros de distribución, que teña descrición de hábitat e que mostre o estatus de cada especie na Península Ibérica.

 



Tamén é fundamental levar ao campo un caderno. Neste caderno de campo, que é recomendable que sexa de peto, apuntaremos: o día da observación, o lugar onde realizamos a observación, o nome común ou científico da ave e a cantidade de aves vistas. Se temos dúbidas coa identificación, podemos realizar un debuxo esquemático resaltando os detalles da anatomía da ave ou describir de forma concreta e precisa aquelas características que nos axuden máis tarde a identificala.

Xa para rematar, cómpre dicir que a vestimenta do observador non debe ser demasiado rechamante e, o máis importante, que o seu comportamento sexa o máis discreto e silencioso posible, e sobre todo que teña unha conduta ética tanto coas aves como cos seus hábitats. Un bo comportamento fai que o observador de aves se converta nun embaixador da conservación.

 
COÑECER PARA CONSERVAR
16/02/2016

Unha das charlas impartidas no colexio Conmeniño.

Co lema “Coñecer para Conservar”, un ano máis o Concello do Grove xunto con SEO-Pontevedra ofertaron entre as súas actividades de natureza, un programa educativo dirixido a escolares grovenses.

Nesta proposta na que participaron más de 100 nenos e profesores dos distintos colexios mecos, déronselles a coñecer os valores naturais da nosa localidade e da súa recente creada Reserva Ornitolóxica.

O noso programa de educación ambiental incluíu unha serie de cursos de iniciación á ornitoloxía impartidos nos centros escolares por ornitólogos de SEO-Pontevedra e adaptados á idade dos nenos, seguidos dunha serie de excursións por diferentes puntos da xoia da Reserva: o Complexo Intermareal, por onde os máis pequenos armados de prismáticos, guías de aves e telescopios descubriron as aves que invernan no seu municipio.

Alumnos do colexio Rosalía de Castro, visitando o Complexo Intermareal.

Con estas actividades e mediante o gozo das aves tratamos de fomentar entre os nenos do Grove o coñecemento e o amor pola natureza.

“Coñecer para Conservar”

 

 
AS GAIVOTAS CANAS
30/01/2016

Gaivota cana. Ilustración: Encarna González "niño".

Galicia atópase situada na parte máis oeste e setentrional da península Ibérica, por iso ás súas costas chegan gaivotas pouco comúns de procedencia holártica e neártica, gaivotas peláxicas —que pasan a maior parte da súa vida mar a dentro— e sobre todo gaivotas comúns.
A península do Grove pola súa situación xeográfica e diversidade costeira tamén recibe moitas destas aves mariñas, principalmente no inverno. Só en gaivotas comúns o litoral meco acolle sete especies diferentes: catro gaivotas grandes coma o gaivotón atlántico, a gaivota patiamarela, a gaivota escura e a gaivota arxéntea; dúas gaivotas medianas como a gaivota cabecinegra e a gaivota cana, e unha gaivota pequena como a gaivota chorona.

Destes láridos máis comúns hoxe ímonos a fixar só nun: a escasa gaivota cana.

Esta encantadora gaivota cuxo nome científico é Larus canus, é unha ave bastante descoñecida por ser pouco numerosa, xa que a maioría da poboación europea vive en Escandinavia e norte de Rusia. No inverno baixan cara a costas máis sureñas de Europa, pero poucas pasan a Bretaña francesa, por iso en España só está presente no inverno de forma regular, pero en baixo número, destacando as costas galegas e cantábricas.

A gaivota cana ten un tamaño mediano, intermedio entre a gaivota chorona e a máis común gaivota patiamarela, coa que pode confundirse, aínda que a cana ademais de ser máis pequena, ten un aspecto doce que lle confire a súa cabeza redondeada, o seu pico fino e os seus ollos escuros, así mesmo, as patas e o peteiro son de cor amarela verdosa.

En Galicia é común no inverno en zonas litorais localizadas, pero en número escaso (entre un e cinco individuos).

É a ría de Arousa unha das mellores áreas xeográficas para observar estas gaivotas, como na praia de Barraña de Boiro, onde se viron ata once exemplares, pero onde aínda hai concentracións máis altas é na península do Grove.

Onde e cando podemos observar gaivotas canas do Grove?

As canas chegan á nosa localidade a primeiros de novembro e aquí se manteñen ata mediados de abril.

Teñen preferencia polo intermareal que se estende ao SW da Illa da Toxa, e que vai desde a antiga ponte ata o illote de Loraña. Só neste pequeno tramo costeiro, un dos mellores de Galicia para a observación da gaivota cana, chegáronse a observar 25 exemplares simultaneamente e de diferentes grupos de idade, sendo febreiro o mes en que se viron os números máis elevados.

Por todo este espazo rico en pequenos invertebrados que son o seu alimento, as gaivotas chegan cando empeza a retirarse a preamar e se descobren os bancos de area.

Con arduo esforzo de ir levantando de unha en unha as algas depositadas no areal (trazo de comportamento propio desta especie neste lugar), as canas atopan baixo os argazos os animaliños acuáticos que lles gustan. Logo, a medida que a marea sobe e volve cubrir as áreas de alimentación, as gaivotas canas retíranse e van descansar a distintos puntos da ría.

A Illa da Toxa é tamén un lugar perfecto para gozar de sete especies diferentes de gaivotas e, entre elas, as escasas gaivotas canas.

 
NÚMEROS DA RESERVA ORNITOLÓXICA DO GROVE
11/01/2016

7.000

Máis de 7.000 hectáreas de Reserva Ornitolóxica

13.000

Máis de 13.000 aves acuáticas invernan na Reserva Ornitolóxica

220

Máis de 220 especies de aves pasan o inverno na Reserva Ornitolóxica

E todo porque a península do Grove está formada por un mosaico de ambientes naturais como praias, dunas, esteiros, baías, lagoas litorais, marismas, illas…, moitos deles incluídos na Rede Natura 2000 e que lle proporcionan gran riqueza natural converténdoa nun dos principais lugares de Galicia e de España en biodiversidade. Por iso SEO/BirdLife e o Concello Meco crearon a Reserva Ornitolóxica do Grove, a primeira da comunidade galega, a máis grande da península Ibérica e a primeira que conta con medio mariño. Esta reserva é un espazo aberto á cidadanía cuxa finalidade é a conservación da natureza, a divulgación con fins didácticos, a investigación científica, potenciar o desenvolvemento sostible e o gozo da avifauna.

Agujas colipintas (Limosa lapponica) en la Reserva Ornitolóxica de O Grove. Autor: Juan Gómez.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English