Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
VOTA Á PÍLLARA DAS DUNAS
30/11/2017

 

As píllaras das dunas son aves emblemáticas da nosa localidade, pois cada ano elixen as súas praias para nidificar e sacar adiante os seus poliños, ademais están en perigo de desaparecer de Galicia.

Levamos moito tempo traballando nestas praias para evitar a súa extinción, por iso che pedimos que votes á píllara como Ave do Ano 2018 e así chamar a atención sobre o seu declive.

Tres son as candidatas: o voitre branco, a curuxa e a píllara das dunas. Todas merecen ser Ave do Año 2018, pero a nosa píllara das dunas… necesítao.

Podes axudala votando ata o 20 de decembro de 2017. Só tes que premer na foto. Poñer o teu correo electrónico no recadro, elixir unha das tres aves do despregable e darlle a enviar.

Todos os anos as píllaras das dunas volven ás praias para deleitarnos cos seus adorables pitiños; agora lémbrate ti delas. Agradecerancho!!!

#VotaTuAve https://buff.ly/2AYCDhg

 

 
NOTAS SOBRE O CULLEREIRO
15/11/2017

Cullereiro (Platalea leucorodia). Ilustración de Encarna González.

O cullereiro (Platalea leucorodia), é unha ave moi admirada por ser unha bela e elegante zancuda de cor branca, cun gran peteiro en forma de espátula co que rastrexa o lodo dos fondos superficiais.

En Europa os cullereiros só nidifican nos Países Baixos, Francia, Portugal, en puntos illados do centro de Europa e o Báltico e no cuadrante suroeste da Península Ibérica (Odiel e Doñana). No resto do territorio peninsular o cullereiro é unha ave migradora e invernante.

Galicia ao estar situada na vía migratoria de Europa Occidental acolle cullereiros que se moven entre Holanda, que é unha das colonias máis importantes e os humidais de Mauritania e do Senegal, na África occidental, onde van pasar os invernos.

Na nosa comunidade os cullereiros distribúense principalmente por medios costeiros como lagoas, marismas e chairas intermareais lodo-areosas, asociadas a zonas dos esteiros das rías, entre as que destacan localidades como o Esteiro do Miño, a Lagoa de Louro, a ría do Eo, a ría de Foz, a ría de Ortigueira, as Marismas de Baldaio, etc., etc., pero é a Enseada do Grove, que hoxe forma parte da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife, a que recolle o maior número de individuos de Galicia.

Nos últimos anos os cullereiros invernantes constatados na enseada superan os 200 individuos, mostrando unha clara tendencia á alza.

Tamén nos pasos migratorios, principalmente na migración postnupcial (que vai de finais de agosto a mediados de outubro), se rexistran os números máis elevados do territorio galego, chegando a contabilizarse en paso máis de 300 exemplares, que utilizan a enseada como área de alimentación e descanso.

Por todo iso a enseada do Grove, xoia da Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife, considérase como área de importancia internacional para o cullereiro.

 
ESPECIES DO DÍA DAS AVES
02/10/2017

Mazarico rabinegro (Limosa limosa). 01/10/2017. Foto de Nico (12 años).

Este domingo 1 de outubro a SEO (Sociedade Española de Ornitoloxía), celebramos o Día das Aves na Reserva Ornitolóxica do Grove, por ser un dos mellores lugares do norte peninsular para a observación de aves acuáticas.

Comezamos a ruta observando as aves mariñas da baía da Lanzada, logo percorremos varios puntos en torno ao Complexo Intermareal Umia-O Grove seguindo o estado das mareas, para gozar de limícolas, patos, garzas, gaivitas e demais.


Esta é a listaxe das aves máis destacadas que observamos:

Lavanco, pato frisado, asubiador, cullerete, cerceta, pato cristado, pentumeiro, mascato, corvo mariño cristado, corvo mariño grande, garza real, garzota, garzota grande (3), cullereiro, mergullón pequeno, rascón, galiñola negra, galiñola, miñato, gabián, lagarteiro, píldora cincenta, píldora dourada, pilro común, pilro tridáctilo, píllara real, bilurico patirrubio, bilurico claro, mazarico rabinegro, mazarico rubio, mazarico real, mazarico chiador, gabita, virapedras, gaivota cabecinegra, gaivota escura, gaivotón, carrán cristado, carrán pequeno, cirrio pálido, papoazul, cotovía, ferreiriño, peto real, etc.

A xornada foi tranquila, asollada e todos os participantes puidemos gozar de 77 especies de aves no Día das Aves.

Carrán pequeno (Sterna albifrons). 01/10/2017. Foto de Nico (12 años).

 
DÍA DAS AVES 2017
18/09/2017

O feito de convivir coas aves, a súa presenza e proximidade, énchenos de alegría ao gozar da beleza e colorido das súas plumaxes, e ao escoitar os seus harmoniosos cantos. É por iso que a nosa saúde ambiental mellora simplemente ao estar en contacto con elas.

Achégannos vida e cor, achegan a natureza ás cidades e son grandes viaxeiras que non teñen fronteiras, pois non entenden de barreiras culturais e políticas e, con todo, son descoñecidas para moitas persoas.

É por iso que durante a primeira fin de semana de outubro se celebra o Día das Aves, cuxo obxectivo é achegar o seu fascinante mundo aos cidadáns. Trátase do principal evento participativo organizado por BirdLife International a escala mundial e que en España coordina SEO/BirdLife.

Preto de 42.000 persoas participaron cada ano nun variado programa de actividades: excursións, cursos, conferencias, itinerarios ou talleres infantís. Organizáronse por todo o país 161 actos abertos ao público nos que se desenvolveron 540 actividades, co obxectivo de achegar o mundo de aves á cidadanía. Este gran evento social foi posible grazas ao apoio dun milleiro de voluntarios pertencentes a 40 grupos locais de SEO/BirdLife, xunto coa colaboración doutras 121 entidades.

Para celebrar o Día Mundial das Aves en Galicia SEO elixe o Concello do Grove, por contar coa primeira e única Reserva Ornitolóxica de Galicia e a maior Reserva Ornitolóxica de SEO/BirdLife de España e iso porque é un dos mellores lugares de Galicia e do norte peninsular en acollida de aves acuáticas, xa que máis de 18.000 aves entre limícolas, patos, garzas, aves mariñas… invernan nesta espazo protexido e de alto valor ambiental.

Celebraremos o Día das Aves 2017 o domingo 1 de outubro, realizando un itinerario gratuíto e aberto ao público por este máxico lugar e guiados por ornitólogos de SEO-Pontevedra.

Se queres participar no Día das Aves só tes que enviar un correo a:

Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo e darémosche máis información.

Anímate e participa!

Esperámoste.

 
AVES NOCTURNAS
04/09/2017

Curuxa (Tito alba). Ilustración de Encarna González.

As aves nocturnas como a curuxa, o moucho de orellas e a avenoiteira cincenta mostran a súa tendencia no programa Noctua de SEO/BirdLife, que desde 2005 estuda as nove especies de aves nocturnas de toda España co obxectivo de obter a súa evolución poboacional.

O traballo de 450 voluntarios é fundamental para coñecer a situación ano a ano das poboacións destas aves propias de medios agrícolas e rurais e constatouse que a súa evolución ata a data foi negativa. O mesmo para os grilos e grilos ceboleiros, base da alimentación destas aves, que tamén se rexistran e constátase que están a diminuír no noso país.

O moucho de orellas e a curuxa mostran unha evolución negativa a nivel peninsular, así a curuxa común é unha das aves nocturnas con maior declive detectada no programa Noctua de SEO/BirdLife, que desde 2005 analiza a evolución de bufos ou avenoiteiras entre outras especies. En concreto, obsérvase un descenso nos seus efectivos do 13%. Estes datos, solicitados a través da colaboración de 450 voluntarios, parecen corroborar unha percepción cidadá: cada vez hai menos curuxas nas vilas e os seus arredores.

Con todo, este declive non é igualmente acusado en todas as rexións de España: a poboación de curuxa común atópase en valores inferiores a 2005 en todas as rexións de España menos na zona mediterránea norte (Castellón e Cataluña). En concreto, este declive é especialmente acusado na rexión mediterránea sur “que abarca Andalucía, Castela-A Mancha, Murcia ou Illas Baleares, entre outras comunidades” onde as súas poboacións se reduciron á metade.

Pola contra e en termos xerais pódese dicir que soamente aumentan na península ibérica as poboacións de bufo pequeno, bufo real e avelaionas, ademais das avenoiteiras cincentas.

Agás o bufo real, que tamén se atopa noutros medios, o bufo pequeno, a avelaiona e a avenoiteira cincenta son especies asociadas principalmente a medios total ou parcialmente arborizados, polo que se mantén o mesmo patrón de evolución por medios que nas aves comúns: as aves vinculadas a medios forestais aumentan mentres que as de medios agrícolas diminúen.

No municipio do Grove as aves nocturnas rexistradas son a curuxa común, o moucho de orellas, a avenoiteira cincenta, ademais doutro bufo pequeno, o moucho.

A tendencia poboacional das aves nocturnas de España tamén se reflicte na península meca, pois segundo C. D. Romay Cousido, ornitólogo local, a curuxa común mostra un declive forte, o moucho de orellas é unha especie cuxa poboación fluctúa segundo os anos, a avenoiteira cincenta reflicte unha tendencia estable, mentres que o moucho, por estar ligado a medios agrícolas, está en declive moderado.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English