Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
TURISMO SAUDABLE
02/07/2018

Paisaxe do Grove. E. González.

Nacións Unidas  considerou a importancia do Turismo Sustentable para o Desenvolvemento. Unha chamada de atención cara a un sector que xoga un papel esencial na economía de moitos países, entre eles España, e que cando non cumpre unhas regras mínimas de respecto ambiental carréxalle numerosos prexuízos á xente, aos hábitats e á biodiversidade.

O ecoturismo contribúe ao goce humano, á conservación da natureza e á cooperación socioambiental. Turismo, ademais, saudable, debido a que repercute de forma decidida no bo estado físico e mental das persoas e, por extensión, no emocional.

Nacións Unidas considera o turismo un importante motor de desenvolvemento sustentable nas súas tres dimensións –económica, social e ambiental–, ademais dun instrumento positivo para educar, erradicar a pobreza, protexer o medio ambiente, mellorar a calidade de vida, empoderar economicamente as mulleres e os mozos, e crear empregos decentes. Para poñer todo isto enriba da mesa alenta a todos os estados e responsables na toma de decisións a promover medidas, en particular mediante a cooperación internacional, mobilizando á vez os grupos de interese para facer do turismo un catalizador de cambio positivo.

SEO/BirdLife ten unha Rede de Reservas Ornitolóxicas formada por dez espazos que se distribúen pola xeografía nacional e sobre os que desenvolve distintas fórmulas de xestión ou relación con concellos ou propietarios privados. Case todas constitúen un claro destino de ornitoturismo. É o caso de Riet Vell, no Delta do Ebro; El Planerón, no val do Ebro; Las Marismas Blancas, en Astillero; Los Albardales, na Comunidade de Madrid, ou El Oso, na Moraña (Ávila). Nelas teñen lugar encontros e excursións ornitolóxicas, nas que se observan especies mariñas, esteparias, acuáticas, rapaces ou paseriformes.

Un destes dez espazos témolo en Galicia. É a Reserva Ornitolóxica do Grove, creada hai uns anos pola súa abundancia, diversidade de aves e calidade ambiental.

Esta reserva ornitolóxica situada na península do Grove cobre boa parte do termo municipal. É a reserva máis grande de España, a única en Galicia e a primeira que conta con medio mariño.

Na nosa reserva non só se pode gozar da fauna e das súas fermosas paisaxes, senón de moitos elementos máis que entran dentro dos intereses destas saídas campestres, nas que a miúdo se mesturan tamén aspectos etnográficos, culturais ou gastronómicos.

É a reserva idónea para practicar o turismo máis saudable.

Otanthus maritimus. Planta das dunas do Grove. E. González.

 
PRAIAS E PÍLLARA DAS DUNAS
14/06/2018

Niño de píllara das dunas. 12/06/2018. O Grove. G. Ferreiro.

É posible que o vises correr pola area da túa praia favorita, pero sabes por que comparte toalla contigo? Os areais son o lugar de cría da píllara das dunas, un ave habitual da costa mediterránea e que tamén está presente en Galicia. O seu estado de conservación é vulnerable e, ás veces, a presenza do ser humano non axuda, sobre todo en época reprodutora. Pero estas molestias, que poden acabar afectándolles ás crías, pódense minimizar. Concellos coma o do Grove xa deron o paso. Agora falta o resto.

Cando chegan as pontes e as vacacións esténdense parasoles, cadeiras, toallas e neveiras. Os visitantes corren, practican deporte, estenden os seus parapentes ou pasean os seus cans esquecendo que comparten praia cunha especie que non pasa polo seu mellor momento. De feito, a actual poboación reprodutora de píllara das dunas mostra unha tendencia negativa desde hai anos. A principal causa desta regresión débese á forte presión que soporta no seu principal hábitat de cría, os areais. Esta situación levouna de cabeza a ser catalogada como Vulnerable no Libro Vermello das Aves de España. Ademais, está incluída no Anexo I da Directiva de Aves.

A píllara das dunas é unha ave limícola e, como tal, aliméntase rebuscando entre as algas que traen a marea e as ondas. Estas plantas mariñas, que adoitan verse como sucidade ou molestia na praia, xogan con todo un papel fundamental para o ecosistema: fertilizan o mar a través do lixiviado dos nutrientes e proporciónanlles refuxio a unha ampla variedade e riqueza de invertebrados. Pero hai máis: a falta de vexetación nas praias leva ás especies que as habitan a depender destas achegas externas vidos do océano para obter o alimento necesario. E entre os depredadores destes invertebrados das algas atópase a píllara das dunas, que se beneficia de tan escaso recurso durante todo o ano.

No inverno, as píllaras teñen a necesidade de facerse con máis recursos para poder crear unha capa de graxa protectora, pero é a tempada reprodutora a que lles demanda un maior esforzo para poderen alimentar a súa prole. Adoitan criar uns tres pitos en cada posta. Antes de naceren, os ovos son depositados na area, sen ningún tipo de protección. A femia simplemente os deixa semisoterrados e o aspecto críptico dos ovos —con pintas e de cor similar á area— fai todo o traballo. A misión é pasaren completamente desapercibidos.

O sistema de praias e dunas non só xoga un papel importante para a alimentación desta especie, senón que se trata do súa nicho ecolóxico, no que ademais crecerán as futuras xeracións.

O principal obstáculo ao que se enfrontan agora as poboacións de píllara é que algunhas actividades de mantemento do turismo nas praias, ao principio consideradas como inocuas, impactan sobre a especie. É o caso, por exemplo, da limpeza mecánica das praias ou o paso de máquinas cribadoras que provocan a perda dun hábitat singular, a retirada de acumulacións de algas —o que deixa a praia sen os seus beneficios— e, en ocasións, pode supoñer a perda de niños e poliños de píllara das dunas.

A especie non só sofre a presión das máquinas, senón tamén a do ser humano: as pisadas ou a presenza de cans na praia, que poden chegar a depredar os niños, pódenlles afectar de cheo ás poboacións de píllaras.

O Concello do Grove, segue coa campaña para protexer a especie mediante a conservación e correcta xestión das súas praias, xa que a galega é a única poboación reprodutora da costa atlántica. Entre outras medidas, fai anos que o concello cambiou as papeleiras do interior dos areais por colectores na zona de aparcadoiro. Deste xeito elimínase un foco de atracción de depredadores e evítase que o vehículo de retirada de residuos teña que pisar a area. Ademais, naquelas praias onde cría esta especie, retirouse a máquina cribadora, que pasa só puntualmente logo de grandes balumes por fortes mareas ou temporais e coa correspondente autorización de Conservación da Natureza.

O Grove quere demostrar que o uso turístico das praias e areais é compatible coa conservación dos hábitats e as especies. As actuacións previstas polo seu Concello poden contribuír a preservar un ecosistema moi particular, como é o das praias e a fronte dunar deste municipio, e supoñer significativos aumentos na diversidade e abundancia de aves e doutras especies exclusivas das praias.

Con esta proposta, o Concello do Grove dá un paso de xigante cara a un novo concepto de integración do uso turístico coa conservación do patrimonio natural dentro da recentemente creada Reserva Ornitolóxica SEO/BirdLife do Grove. Con seguridade, servirá de modelo para que outros concellos con praias e dunas onde tamén cría esta especie copien o seu modelo.

 

 
PRIMEIROS POLIÑOS DE PÍLLARA DAS DUNAS 2018
23/05/2018

Femia anelada de píllara das dunas. G. Ferreiro.

Xa están nidificando as píllaras das dunas (Charadrius alexandrinus), na área do Salnés, máis concretamente nunha das praias do Grove.

O primeiro niño con tres ovos, cuxa femia que é habitual desta praia e está anelada, descubriuse no lado norte do areal. O mesmo día e nesta zona norte apareceu un segundo niño tamén cunha posta de tres ovos.

Un terceiro foi localizado ao día seguinte no lado sur, pero cun só ovo. Xa pasados uns días a posta completouse con dous ovos máis.

Estes niños están protexidos e vixiados por voluntarios de SEO-Pontevedra.

O 21 de maio xa naceron os primeiros pitos, que corresponden ao primeiro niño.

Estes días tamén se anelaron con códigos de lectura a distancia varias píllaras das dunas, concretamente outras dúas femias adultas.

Nas praias de Sanxenxo aínda que houbo presenza de adultos na primavera, as píllaras non chegaron a aniñar, xa que as molestias nestes areais son maiores.

Todos podemos colaborar na conservación dos poliños de píllara das dunas, especie que está en perigo de desaparecer das praias de Galicia.

Só hai que cumprir a lei: NON LEVES CANS Á PRAIA!


"Gaiola" e parcela de exclusión protectora.

 

 
AVES SAGRADAS
12/05/2018

Mobella grande, Gavia immer. A Lanzada. 24/04/2018. G. Ferreiro.

Ultimamente todos os entusiatas das aves gozamos das belísimas mobellas grandes (Gavia immer), aves acuáticas que nadan e se mergullan con moita axilidade. Como xa se comentou nalgunha ocasión, as mobellas grandes europeas nacen moi lonxe, nos lagos dos bosques boreais e da tundra de Islandia.

Mentres permanecen neste país, as mobellas, cunha vistosa plumaxe, son aves lacustres (que viven en lagos), ata que os rigores invernais os obrigan a migrar e transfórmanos en aves mariñas que se dispersan polos esteiros e baías das costas occidentais de Europa, chegando ata Galicia.

Nas nosas costas durante o inverno, as mobellas grandes teñen cores discretas de tons ruzos e brancos, pero na primavera prepáranse para volver ás súas zonas de cría engalanándose para as nupcias cun rechamante dorso negro moteado de branco, ollos vermellos e cabeza e pescozo negros con colares inmaculados.

É agora (antes regresaren á afastada Islandia), cando podemos deleitarnos coa beleza destes simbólicos animais: aves sagradas para moitas tribos dos Estados Unidos, ave símbolo da provincia de Ontario e do estado de Minnesota (que aparece na súa moeda de cuarto de dólar). Tamén os canadenses levan a súa imaxe na moeda dun dólar, chamada “loonie”, mobelliña, en alusión ao seu nome “loon”, mobella.

A baía da Lanzada é o lugar idóneo para observar estas aves sagradas!

Un dollar canadense.

 
XORNADA SOBRE “AVES MARIÑAS REPRODUTORAS DE GALICIA”
27/04/2018

Ilustraciones e diseño: Encarna González.

O próximo 5 de maio celébrase na Reserva Ornitolóxica do Grove, concretamente na Sala das Cunchas do Concello: “Aves Mariñas reprodutoras de Galicia”, xornadas técnicas convocadas pola Sociedade Galega de Ornitoloxía, en colaboración con SEO-Pontevedra e o concello grovense.

Nestas xornadas, ornitólogos de diferentes ámbitos galegos revisarán a situación da avifauna mariña galega reprodutora asociada ao mar, como a a píllara das dunas, o corvo mariño cristado, gabita, paíño pequeno, gaivotón atlántico, gaivota patiamarela, gaivota tridáctila e gaivota escura.

Para finalizar haberá un debate-coloquio sobre as prioridades para a conservación das aves ameazadas en Galicia.

O obxectivo destas xornadas é analizar a situación dalgunhas aves reprodutoras galegas asociadas ao mar e outras especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, para poñer de manifesto a crítica situación de desamparo na que se atopan e a necesidade de aplicar medidas urxentes para frear o seu preocupante declive.

Programa das Xornadas

-10:00 h. Presentación.

-10:15: Aves mariñas reprodutoras en Galicia I. Álvaro Barros.

-11:00 h. Aves mariñas reprodutoras en Galicia II. Xurxo Mouriño.

-11:45 h. Pausa.

-12:15 h: A píllara das dunas. Gustavo Ferreiro.

-13:00 h: Prioridades para a conservación das aves ameazadas en Galicia. Debate-coloquio.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English