Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
PRAIAS E PÍLLARA DAS DUNAS
14/06/2018

Niño de píllara das dunas. 12/06/2018. O Grove. G. Ferreiro.

É posible que o vises correr pola area da túa praia favorita, pero sabes por que comparte toalla contigo? Os areais son o lugar de cría da píllara das dunas, un ave habitual da costa mediterránea e que tamén está presente en Galicia. O seu estado de conservación é vulnerable e, ás veces, a presenza do ser humano non axuda, sobre todo en época reprodutora. Pero estas molestias, que poden acabar afectándolles ás crías, pódense minimizar. Concellos coma o do Grove xa deron o paso. Agora falta o resto.

Cando chegan as pontes e as vacacións esténdense parasoles, cadeiras, toallas e neveiras. Os visitantes corren, practican deporte, estenden os seus parapentes ou pasean os seus cans esquecendo que comparten praia cunha especie que non pasa polo seu mellor momento. De feito, a actual poboación reprodutora de píllara das dunas mostra unha tendencia negativa desde hai anos. A principal causa desta regresión débese á forte presión que soporta no seu principal hábitat de cría, os areais. Esta situación levouna de cabeza a ser catalogada como Vulnerable no Libro Vermello das Aves de España. Ademais, está incluída no Anexo I da Directiva de Aves.

A píllara das dunas é unha ave limícola e, como tal, aliméntase rebuscando entre as algas que traen a marea e as ondas. Estas plantas mariñas, que adoitan verse como sucidade ou molestia na praia, xogan con todo un papel fundamental para o ecosistema: fertilizan o mar a través do lixiviado dos nutrientes e proporciónanlles refuxio a unha ampla variedade e riqueza de invertebrados. Pero hai máis: a falta de vexetación nas praias leva ás especies que as habitan a depender destas achegas externas vidos do océano para obter o alimento necesario. E entre os depredadores destes invertebrados das algas atópase a píllara das dunas, que se beneficia de tan escaso recurso durante todo o ano.

No inverno, as píllaras teñen a necesidade de facerse con máis recursos para poder crear unha capa de graxa protectora, pero é a tempada reprodutora a que lles demanda un maior esforzo para poderen alimentar a súa prole. Adoitan criar uns tres pitos en cada posta. Antes de naceren, os ovos son depositados na area, sen ningún tipo de protección. A femia simplemente os deixa semisoterrados e o aspecto críptico dos ovos —con pintas e de cor similar á area— fai todo o traballo. A misión é pasaren completamente desapercibidos.

O sistema de praias e dunas non só xoga un papel importante para a alimentación desta especie, senón que se trata do súa nicho ecolóxico, no que ademais crecerán as futuras xeracións.

O principal obstáculo ao que se enfrontan agora as poboacións de píllara é que algunhas actividades de mantemento do turismo nas praias, ao principio consideradas como inocuas, impactan sobre a especie. É o caso, por exemplo, da limpeza mecánica das praias ou o paso de máquinas cribadoras que provocan a perda dun hábitat singular, a retirada de acumulacións de algas —o que deixa a praia sen os seus beneficios— e, en ocasións, pode supoñer a perda de niños e poliños de píllara das dunas.

A especie non só sofre a presión das máquinas, senón tamén a do ser humano: as pisadas ou a presenza de cans na praia, que poden chegar a depredar os niños, pódenlles afectar de cheo ás poboacións de píllaras.

O Concello do Grove, segue coa campaña para protexer a especie mediante a conservación e correcta xestión das súas praias, xa que a galega é a única poboación reprodutora da costa atlántica. Entre outras medidas, fai anos que o concello cambiou as papeleiras do interior dos areais por colectores na zona de aparcadoiro. Deste xeito elimínase un foco de atracción de depredadores e evítase que o vehículo de retirada de residuos teña que pisar a area. Ademais, naquelas praias onde cría esta especie, retirouse a máquina cribadora, que pasa só puntualmente logo de grandes balumes por fortes mareas ou temporais e coa correspondente autorización de Conservación da Natureza.

O Grove quere demostrar que o uso turístico das praias e areais é compatible coa conservación dos hábitats e as especies. As actuacións previstas polo seu Concello poden contribuír a preservar un ecosistema moi particular, como é o das praias e a fronte dunar deste municipio, e supoñer significativos aumentos na diversidade e abundancia de aves e doutras especies exclusivas das praias.

Con esta proposta, o Concello do Grove dá un paso de xigante cara a un novo concepto de integración do uso turístico coa conservación do patrimonio natural dentro da recentemente creada Reserva Ornitolóxica SEO/BirdLife do Grove. Con seguridade, servirá de modelo para que outros concellos con praias e dunas onde tamén cría esta especie copien o seu modelo.

 

 
PRIMEIROS POLIÑOS DE PÍLLARA DAS DUNAS 2018
23/05/2018

Femia anelada de píllara das dunas. G. Ferreiro.

Xa están nidificando as píllaras das dunas (Charadrius alexandrinus), na área do Salnés, máis concretamente nunha das praias do Grove.

O primeiro niño con tres ovos, cuxa femia que é habitual desta praia e está anelada, descubriuse no lado norte do areal. O mesmo día e nesta zona norte apareceu un segundo niño tamén cunha posta de tres ovos.

Un terceiro foi localizado ao día seguinte no lado sur, pero cun só ovo. Xa pasados uns días a posta completouse con dous ovos máis.

Estes niños están protexidos e vixiados por voluntarios de SEO-Pontevedra.

O 21 de maio xa naceron os primeiros pitos, que corresponden ao primeiro niño.

Estes días tamén se anelaron con códigos de lectura a distancia varias píllaras das dunas, concretamente outras dúas femias adultas.

Nas praias de Sanxenxo aínda que houbo presenza de adultos na primavera, as píllaras non chegaron a aniñar, xa que as molestias nestes areais son maiores.

Todos podemos colaborar na conservación dos poliños de píllara das dunas, especie que está en perigo de desaparecer das praias de Galicia.

Só hai que cumprir a lei: NON LEVES CANS Á PRAIA!


"Gaiola" e parcela de exclusión protectora.

 

 
AVES SAGRADAS
12/05/2018

Mobella grande, Gavia immer. A Lanzada. 24/04/2018. G. Ferreiro.

Ultimamente todos os entusiatas das aves gozamos das belísimas mobellas grandes (Gavia immer), aves acuáticas que nadan e se mergullan con moita axilidade. Como xa se comentou nalgunha ocasión, as mobellas grandes europeas nacen moi lonxe, nos lagos dos bosques boreais e da tundra de Islandia.

Mentres permanecen neste país, as mobellas, cunha vistosa plumaxe, son aves lacustres (que viven en lagos), ata que os rigores invernais os obrigan a migrar e transfórmanos en aves mariñas que se dispersan polos esteiros e baías das costas occidentais de Europa, chegando ata Galicia.

Nas nosas costas durante o inverno, as mobellas grandes teñen cores discretas de tons ruzos e brancos, pero na primavera prepáranse para volver ás súas zonas de cría engalanándose para as nupcias cun rechamante dorso negro moteado de branco, ollos vermellos e cabeza e pescozo negros con colares inmaculados.

É agora (antes regresaren á afastada Islandia), cando podemos deleitarnos coa beleza destes simbólicos animais: aves sagradas para moitas tribos dos Estados Unidos, ave símbolo da provincia de Ontario e do estado de Minnesota (que aparece na súa moeda de cuarto de dólar). Tamén os canadenses levan a súa imaxe na moeda dun dólar, chamada “loonie”, mobelliña, en alusión ao seu nome “loon”, mobella.

A baía da Lanzada é o lugar idóneo para observar estas aves sagradas!

Un dollar canadense.

 
XORNADA SOBRE “AVES MARIÑAS REPRODUTORAS DE GALICIA”
27/04/2018

Ilustraciones e diseño: Encarna González.

O próximo 5 de maio celébrase na Reserva Ornitolóxica do Grove, concretamente na Sala das Cunchas do Concello: “Aves Mariñas reprodutoras de Galicia”, xornadas técnicas convocadas pola Sociedade Galega de Ornitoloxía, en colaboración con SEO-Pontevedra e o concello grovense.

Nestas xornadas, ornitólogos de diferentes ámbitos galegos revisarán a situación da avifauna mariña galega reprodutora asociada ao mar, como a a píllara das dunas, o corvo mariño cristado, gabita, paíño pequeno, gaivotón atlántico, gaivota patiamarela, gaivota tridáctila e gaivota escura.

Para finalizar haberá un debate-coloquio sobre as prioridades para a conservación das aves ameazadas en Galicia.

O obxectivo destas xornadas é analizar a situación dalgunhas aves reprodutoras galegas asociadas ao mar e outras especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, para poñer de manifesto a crítica situación de desamparo na que se atopan e a necesidade de aplicar medidas urxentes para frear o seu preocupante declive.

Programa das Xornadas

-10:00 h. Presentación.

-10:15: Aves mariñas reprodutoras en Galicia I. Álvaro Barros.

-11:00 h. Aves mariñas reprodutoras en Galicia II. Xurxo Mouriño.

-11:45 h. Pausa.

-12:15 h: A píllara das dunas. Gustavo Ferreiro.

-13:00 h: Prioridades para a conservación das aves ameazadas en Galicia. Debate-coloquio.

 
XORNADA TÉCNICA DE CONSERVACIÓN DA PÍLLARA DAS DUNAS
18/04/2018

Píllara das dunas macho A Lanzada. 15/4/2018. G. Ferreiro.

 

O próximo 20 de abril a partir das 10:30 da mañá, na Sede do Parque Natural de Corrubedo (Ribeira), terá lugar unha Xornada Técnica sobre a Xestión e Conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), organizada polo Grupo de Traballo de conservación desta especie en Galicia.


Este Grupo de Traballo está composto por diversos Organísmos públicos e ONG conservacionistas como son: Xunta de Galicia (Servizo de Conservación da Natureza), Universidade de Santiago de Compostela, concellos como O Grove ou Carballo e ONG como Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO-BirdLife Pontevedra), Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)...


O obxectivo destas Xornadas é involucrar máis concellos galegos (e que teñen unha importante presenza de píllaras das dunas nas súas praias), na conservación desta especie protexida, así como aos organismos que velan polo cumprimento da lei en relación coa natureza, como policías autonómicas ou Seprona.


Ao longo da mañá trataranse distintos aspectos relacionados coa bioloxía da especie, actuacións que se están levando a cabo en Galicia dentro do Plan de Conservación e diversos exemplos de intervencións en praias galegas para compatibilizar a conservación desta ave co uso lúdico e turístico dos areais. Tamén se reservará un espazo de tempo para debater e poñer en común cos concellos e demais asistentes.


Programa:


- 10:30 h. Presentación da Xornada. Jesús Domínguez (USC).


- 10:50 h. Aspectos da bioloxía da píllara das dunas de interese para o seu manexo e conservación. María Vidal (USC).


- 11:10 h. Problemática da conservación da píllara das dunas desde a óptica municipal. Experiencia do Grove. Ángeles Domínguez e Francisco Meis (Concello do Grove).


- 11:40 h. Contribución das sociedades conservacionistas á conservación da píllara dás dunas. Sociedade Española de Ornitoloxía. Encarna González e Gustavo Ferreiro. (SEO-Pontevedra).


- 12:00 h. Rolda aberta de intervencións.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English