Visítanos en FACEBOOK
 
Últimas Noticias
 
Noticias
PREPARANDO A TEMPADA PARA A PÍLLARA DAS DUNAS
16/03/2019

 

Hai uns días un grupo de 60 persoas organizadas polo Grupo Naturalista Hábitat, Afundación Obra Social Abanca, o Concello do Grove e SEO-Pontevedra, entre as que había familias con nenos, participaron nunha xornada de limpeza da praia e a duna da Lanzada, como preparación á chegada da píllara das dunas a este areal.

Previamente á limpeza os participantes recibiron unha charla sobre os valores da Reserva Ornitolóxica do Grove, como o intermareal, o ecosistema dunar costeiro ou a propia praia, facendo fincapé no grave problema do abandono de lixo nas contornas naturais, destacando así mesmo o perigo que supoñen os microplásticos para estes ecosistemas.

Tamén se lles falou da importancia de conservar as algas na area e de protexer as píllaras das dunas, xa que son bioindicadores de praias sas e naturais.


 

Logo procedeuse á recollida do lixo, retirando entre todos 400 quilos, entre os que destacaban botellas de plástico, bastonetes de oídos, palliñas, tapóns, picos de bateas, cordeis, cabos, trampas ilegais de polbos, restos de nasas, zapatos, luvas de goma, bidóns, vidros…, así como microplásticos.


 

Todos os participantes marcharon satisfeitos polo traballo realizado en favor da natureza e das píllaras das dunas.


Este venres fíxose a reunión do “Grupo Píllara” na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, á que asistiron distintos grupos conservacionistas, entre eles SEO-Pontevedra, concellos como o do Grove, e investigadores da Universidade de Santiago.

Todo iso para preparar as próximas actividades da píllara das dunas en Galicia (que ademais é Ave do Ano 2019 en España), as posibles solucións ás ameazas coas que se vai enfrontar e, en resumo, axuntar esforzos entre todos para que a píllara das dunas deixe de ser unha especie ameazada na nosa comunidade.


 
O GROVE NA FIO
26/02/2019

Estand do Grove na FIO.

FIO celebrou esta fin de semana  no Parque Nacional de Monfragüe a súa 14ª edición, cita obrigada para os profesionais e os afeccionados á natureza.

A Feria Internacional de Turismo Ornitológico puxo a Estremadura no centro da observación de aves e converteuse no segundo certame máis importante de Europa. É a decana das feiras da súa especialidade en España, con 100 expositores e pola que pasaron uns 15.000 visitantes.

A feira, organizada pola Junta de Extremadura, reuniu o mellor do turismo de natureza e a ornitoloxía: empresas especializadas, destinos turísticos, asociacións conservacionistas, encontros entre profesionais, unha programación que combina o aspecto empresarial e o lúdico e, sobre todo, a participación de expertos e público en todas as actividades: xornadas técnicas, conferencias de fotografía (FOTOFIO), rutas guiadas, talleres infantís…

O Concello do Grove volveu levar a terras estremeñas a súa Reserva Ornitolóxica, co seu renovado stand envolto en impresionantes fotos da baía da Lanzada, do istmo e da enseada do Vao.

Todo iso para poñer a súa localidade no mapa da ornitoloxía e mostrarlle ao mundo que O Grove non só é famoso polo seu marisco, o seu balneario ou as súas praias, senón tamén polas miles de aves que cada ano fan un alto na península meca.



Na foto: a concelleira de Medio Ambiente do concello do Grove, o director de Turismo da Junta de Extremadura, a directora de Turismo da Xunta de Galicia e membros de SEO-Pontevedra

 
NENOS E AVES
15/02/2019

Por noveno ano consecutivo e dentro da campaña de divulgación da Reserva Ornitolóxica do Grove, 105 alumnos dos centros de ensino público do concello visitaron a Reserva para coñecer un dos seus valores máis importantes, as aves.

Durante varios días e da man de ornitólogos de SEO-Pontevedra, os escolares recibiron nas aulas uns cursos de iniciación ás aves que invernan na súa localidade, e tamén falouselle da píllara das dunas das suas praias, e que é Ave do Ano 2019.

Logo en varias saídas guiadas visitaron diferentes puntos do espazo protexido e cada un gozou das aves cos seus prismáticos, a súa guía de aves, o seu caderno de campo e varios telescopios.

 

Os cativos puideron gozar sobre o terreo de cullereiros, garzotas grandes, garzas reais, garzotas, corvos mariños grandes, mazaricos reais, píldoras cincentas, píldoras douradas siberianas, biluricos claros e patirrubios, mazaricos rabinegros, pilros tridáctilos e comúns, gabitas, píllaras reais grandes, gaivotas cabecinegras, gaviotas canas, escuras, choronas e diversos tipos de patos, que fixeron as delicias dos nenos.

 


O obxectivo destas xornadas ornitolóxicas infantís, promovidas polo Concello do Grove e en colaboración con SEO-Pontevedra, é darlle a coñecer o seu patrimonio natural, para que o respecten e o preserven para o futuro.

 
PAXAREIROS
02/02/2019

Paxareiros. O Grove. E. González.

Hoxe imos destacar un recuncho moi interesante da Reserva Ornitolóxica do Grove. É Paxareiros, afloramento rochoso encravado entre as praias de Raeiros e Área da Cruz, ao norte da baía da Lanzada.

Accédese nada máis pasar a praia de Raeiros, collendo á man esquerda unha estreita e desapercibida vía que acaba no litoral.

Aquí poderemos avistar aves mariñas en terra como corvos mariños cristados e grandes, gaivotas patiamarelas, escuras, choronas, cabecinegras, gaivotons e carráns cristados que gustan das pequenas rochas que rodean o con.

As limícolas descansando son varias: virapedras, pilros comúns, pilros tridáctilos, píllaras reais, píldoras cincentas, mazaricos chiadores, gabitas, ademáis de garza real ou garzota.

E xa que estamos de cara á baía, aproveitaremos a situación para lle botar unha visual ao mar. Poderemos avistar mobella grande, mascatos, carolos, algún mergullón de pescozo negro e ata un mergullón cincento, especie ocasional en inverno que leva unha tempada frecuentando a zona.

Paxareiros no mapa do Grove.

 
A PÍLDORA DOURADA
17/01/2019

Píldora dourada (Pluvialis apricaria). Foto G. Ferreiro.

A píldora dourada (Pluvialis apricaria) é unha ave limícola de mediano tamaño, pico curto, ollos grandes e corpo redondeado que exhibe unha plumaxe homoxénea e mimética, pero de tons dourados moi vistosos.

É unha especie migradora de longa distancia que, procedente de páramos e tundras do norte de Europa, cada ano acode ás tépedas terras do sur do noso continente fuxindo das circunstancias que ameazan a súa supervivencia.

Chegan a España a partir de outubro e esténdense por praderías húmidas, pasteiros con charcas e humidais interiores do suroeste peninsular, así como algúns puntos da franxa costeira e esteiros da fachada atlántica.

En Galicia, a píldora dourada é un invernante escaso e localizado. Destacan os prados interiores (onde se asocia a avefrías europeas), por exemplo A Terra Cha e zonas litorais como Baldaio, Parque Natural de Corrubedo ou a Reserva Ornitolóxica do Grove.

Na nosa Reserva coa preamar as píldoras douradas descansan na duna da Lanzada, onde se mimetizan co terreo. Cando a marea comeza a baixar, abandonan a duna e agrúpanse na marisma do Vao, na parte máis alta, mesturándose con outras limícolas, como os seus parentes as píldoras cincentas, dos que se diferencian por teren estas un ton máis gris.

Na marisma aliméntanse de invertebrados que, a diferenza doutras limícolas que sondan o lodo co pico para extraelos, as píldoras douradas non usan o peteiro para este mester, por iso é curto, senón que utilizan os seus grandes ollos para detectalos, por iso é polo que tamén os seus bandos non sexan moi apertados para non malgastar tempo e enerxía competindo pola mesma presa.

Os números máis elevados da Reserva están en torno aos 300 exemplares durante o mes de xaneiro e cando os invernos son máis rigorosos.

Malia que en marzo as píldoras douradas comezan o seu regreso ao norte, aínda nos queda unha boa tempada para podermos gozar destas bonitas e tranquilas aves.

 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL
Añadir a: Yahoo Añadir a: Google Añadir a: Facebook Añadir a: Twitter
Castellano
Galego
English